A morte de Gorbachov está servindo para evocar un conxunto de acontecementos sucedidos na derradeira década do século XX que tiveron unha grande relevancia na evolución da historia contemporánea.
A traxectoria experimentada polo dirixente da vella URSS foi frenética: chegou ao cumio do PCUS no ano 1985; tivo que afrontar o desastre da central nuclear de Chernóbil en 1986; coñeceu en primeira liña a desaparición do muro de Berlín ao remate do ano 1989 e, finalmente, viuse obrigado a deixar o poder en 1991
A traxectoria experimentada polo dirixente da vella URSS foi frenética: chegou ao cumio do PCUS no ano 1985; tivo que afrontar o desastre da central nuclear de Chernóbil en 1986; coñeceu en primeira liña a desaparición do muro de Berlín ao remate do ano 1989 e, finalmente, viuse obrigado a deixar o poder en 1991. Estes cambios tan intensos e rexistrados en tan pouco tempo, permiten suliñar, como mínimo, dúas dimensións analíticas: as importantes consecuencias orixinadas nos equilibrios xeopolíticos existentes ate aquel momento e os efectos provocados nas organizacións políticas que se consideraban parte integrante da cultura comunista construída a partir da revolución soviética de 1917.
Dende o comezo do seu mandato, Gorbachov modificou gradualmente os criterios da política exterior da URSS para, entre outras cousas, diminuír o preocupante impacto que provocaba a carreira armamentista alimentada por Reagan no funcionamento da economía soviética. A substitución da lóxica da "guerra fría" por unha dinámica de cooperación coa OTAN non foi ben interpretada polos dirixentes occidentais: no canto de considerar esta nova situación como un punto de partida para artellar unha estrutura diferente nas relacións internacionais, entenderon que estaban ante unha oportunidade inédita para destruír ao seu vello inimigo. As consecuencias dese grave erro estratéxico aínda se están pagando na actualidade (a agresión de Putin en Ucraína ten algún vector explicativo naquel proceso caótico de disolución do Pacto de Varsovia).
Internamente, Gorbachov pretendía realizar un conxunto de reformas que, sen eliminar as referencias discursivas oficiais (socialismo, comunismo, partido único...), permitiran mudar as graves eivas presentes nun Estado que pretendera fusionar, dende o seu comezo, a ideoloxía coa política e a economía. A estrutura do poder soviético padecía unha gravísima fatiga de materiais: falta de transparencia, burocracia abafante, corrupción crecente... As doenzas estaban tan espalladas e tiñan tal envergadura que o reformismo da "perestroika" non foi quen de acadar -nos distintos círculos do poder soviético- o consenso necesario para asegurar minimamente a súa viabilidade. Visto dende hoxe, pódese afirmar que o fracaso do proxecto de Gorbachov foi a consecuencia lóxica da carencia dun apoio minimamente consistente no corpo social da URSS aos obxectivos que figuraban na folla de ruta do máximo responsábel do PCUS.
Visto dende hoxe, pódese afirmar que o fracaso do proxecto de Gorbachov foi a consecuencia lóxica da carencia dun apoio minimamente consistente no corpo social da URSS aos obxectivos que figuraban na folla de ruta do máximo responsábel do PCUS
A desaparición do sistema soviético representou un verdadeiro terremoto no universo da esquerda mundial. Nalgúns casos -o de Cuba foi, sen dúbida, un dos mais paradigmáticos- provocou serios estrangulamentos no funcionamento económico e danos notábeis nas condicións de vida dos habitantes deses países. Noutros territorios, os impactos ubicaronse no ámbito daqueles sectores da esquerda social que tiñan ao PCUS e á URSS como un referente básico nas súas propostas de transformación das realidades nas que vivían. Para os grupos organizados na tradición comunista suscitaronse cuestións transcendentais: debían revisar o seu ideario para adaptalo ás novas circunstancias ou era preferíbel optar por unha sorte de resistencia na ortodoxia anterior fronte aos procesos de liquidación que se rexistraban nos países do leste de Europa? E no caso de apostar pola refundación, cales deberían ser as novas liñas fulcrais dos postulados de semellantes organizacións?
Coa morte política de Gorbachov, rematou un ciclo histórico que encheu, practicamente, todo o século XX
Na meirande parte das formacións políticas interpeladas polo que estaba pasando nos países do chamado "socialismo real", a resposta foi substancialmente conservadora. Apostaron pola inhibición ou por unha explicación superficial que non afondaba nas causas do colapso do sistema que pretendía ser unha alternativa ao capitalismo dominante en moitas partes do mundo. Este continuísmo ideolóxico non tivo, en todo caso, a penalización electoral que se podería agardar: dificultou, sen dúbida, as pretensións dunha maior influenza política no tecido social pero non esnaquizou, no curto prazo, a dimensión anterior dos votos acumulados.
Analizada esta cuestión coa perspectiva proporcionada polas tres décadas transcorridas, resulta indiscutíbel a fonda minoración operada no espazo comunista nos Estados occidentais. Teñen xurdido, certamente, outras forzas situadas á marxe dos partidos socialistas tradicionais, con distinto nivel de representatividade e sen as hipotecas derivadas do aliñamento co mundo soviético. Pero, coa morte política de Gorbachov, rematou un ciclo histórico que encheu, practicamente, todo o século XX.