A segunda xuventude da BMMS

Non é unha conduta ilóxica ou desatinada manifestar que unha agrupación musical nada no 1849 goce actualmente dunha espléndida e envexable xuventude. Non é desatinado se coñecemos o porqué desta cualificación. Os que, con certa asiduidade, asistimos aos concertos que ofrece a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela, poderemos comprobar que desde fai uns anos esta agrupación está sendo escoitada por unha nova xeración de público. Xa con normalidade, a asistencia continuada de parellas novas acompañadas dos seus fillas e fillos, enchen, concerto tras concerto, a sala onde esta agrupación actúa. Máis non só as parellas con descendencia. Un elevado número de mozas e mozos profesan este mesmo principio de concorrencia. Principio incrementado en épocas estivais ou en ciclos máis achegados aos gustos desta xeración.

A banda Municipal respira novos aires e traballa buscando, e acadando, novo público e público novo. Isto lévase facendo desde comezos deste decenio, cun novo impulso nos últimos anos. Foi a partires do 2009 cando a agrupación iniciou a apertura cara novos proxectos. Abriuse a banda cara distintas entidades e institucións culturais da cidade. Deseñouse, entre outros moitos, os encontros musicais entre o Conservatorio Profesional de Música de Compostela e a propia banda. (colaboración que continúa celebrándose hoxe en día). Tampouco debemos esquecer o traballo a prol da música Galega pasando da interpretación das clásicas alboradas, fantasías, etc. a interpretar obras dos nosos/as compositores/as máis novos/as, á par que recentes na concepción estilística, melódica e harmónica. E non só os compositores. Os interpretes Galegos e Galegas tamén gozaron desta apertura grazas á oportunidade de actuar como solistas coa banda. E non podemos obviar a variedade na programación, onde atopamos considerables concertos especiais, como por exemplo para os máis miúdos, ou especializados por temáticas, ciclos de concertos, e así un longo etc.

Unha vez reflectido, dun xeito esperanzador, o futuro da asistencia aos concertos, queda tratar o que lle pode deparar este futuro ao novo público. Toca mergullarse na xa histórica reivindicación que persegue a esta agrupación musical, que non é outra que a recuperación da súa reducida plantilla. Isto fareino remitíndome a unhas probas máis que evidenciais. A meirande parte das composicións para banda dos últimos trinta anos, escríbense para unha corda de catro trompas, catro trompetas (poden ser tres máis un fliscorno), coa necesidade de catro percusionistas, da imperante necesidade dun óboe e un fagot (como mínimo) e desconsoladamente, os que asistimos aos concertos só ollamos tres trompas (ultimamente dúas), tres trompetas e tres percusionistas. O óboe queda sen contratar en moitas ocasións e o fagot só se avistou dentro da formación durante un par de anos nos últimos cincuenta, sendo Sally Rierson unha das últimas que se lembre aló polo ano santo do 82. Así que sexamos claros. Existe unha parte que se esforzou, e esforza, en crear un mañá para a agrupación, máis, non se pode seguir avanzando dignamente con pouco máis de trinta músicos. Ou se pon a agrupación nos/ou por riba dos trinta e oito profesionais, tal como demanda a instrumentación media de calquera composición para banda de música, ou senón débese ter a suficiente valentía para recoñecer que:

1º-) É unha absoluta falla de respecto permitir que a Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela apareza nun escenario con estas notables carencias.

2º-) É unha absoluta falla de respecto aos seus cento sesenta e seis anos de historia, é polo tanto, unha falla de respecto á cidade en si mesma.

3º-) É unha absoluta falla de respecto á veciñanza de Compostela que asiste aos concertos.

4º-) É unha absoluta falla de respecto, e mesmo un claro insulto á Música e a Cultura en xeral.

Señoras e Señores representantes políticos do Pazo de Raxoi. A todas e todos sen excepcións nin diferenciacións, pois a responsabilidade é compartida tanto para as/os de Goberno coma para as/os da oposición. Non só se debe tratar de coidar as Institucións Culturais da Cidade en época electoral, tamén hai que coidala no día a día e cando non haxa cámaras de TV diante. Así pois, escusan facer caso do que eu aquí diga, máis se fan o favor, fáganllo a quen soubo, sen lugar a dúbidas, máis ca min. “Sen música a vida sería un erro”. (Friedrich Nietzsche)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.