A sombra de Don Delfín Modesto Brandón, derradeiro xuíz gobernativo do Couto Misto (I)

Placa conmemorativa na igrexa de Santiago de Rubiás Dominio Público CorreiaPM

Andaba o ano 1960 cando os intelectuais galeguistas Xesús Ferro Couselo e Luciano Fariña Couto, acompañados de Alfredo Cid Rumbao, cronista oficial da vila de Allariz, fixeron unha curiosa viaxe á localidade de Meaus, no concello de Baltar. O obxectivo era obter información encol da familia Brandón, nomeadamente de Delfín Modesto, derradeiro xuiz gobernativo do Couto Misto e a quen tratan respeitosamente de “cabaleiro”

Andaba o ano 1960 cando os intelectuais galeguistas Xesús Ferro Couselo e Luciano Fariña Couto, acompañados de Alfredo Cid Rumbao, cronista oficial da vila de Allariz, fixeron unha curiosa viaxe á localidade de Meaus, no concello de Baltar. O obxectivo era obter información encol da familia Brandón, nomeadamente de Delfín Modesto, derradeiro xuiz gobernativo do Couto Misto e a quen tratan respeitosamente de “cabaleiro”.

Viaxar daquelas deica unha aldeia do Val do Salas, tendo en conta a rede de camiños precarios existentes, auténticas pirandeiras, debeu ter mais de incursión intrépida ca de excursión pracenteira. Foi unha mestura de pequena expedición arqueolóxica e tamén de acto de resistencia contra do esquecemento. Polo interese testemuñal que a devandita iniciativa tivo, transcrébese a crónica que dela deixou escrita Cid Rumbao en La Región. Titulouna “A sombra de don Delfín Modesto Brandón” e (traducida do español) di:

Don Delfín Modesto Brandón, derradeiro Xuiz Civil e Gobernador do Couto Misto, excrebeu unha “Interesante Historieta do Couto Misto, cunha digresión político-social-relixiosa”, publicada n’ A Coruña no ano 1907.

Moito se podería falar do que inda hoxe se sabe do Couto Misto, da familia Brandón e do señorío que souberon manter en Meaus, capital (sic) do Couto onde está a súa casa, mais o que poidemos verificar hai moitas razóns pra que non encaixe eiquí.

Buscando pois o que non se sabe, isto é, os datos rigorosos de nascementos, estudos, traballos e morte, constatamos coma se a perda desas anotacións que son a mínima atribución da personalidade humana tivesen convertido definitivamente ao cabaleiro don Delfín Modesto Brandón nesa sombra que é praos seus conveciños de Meaus, pobo que vive da lembranza. Os señores Ferro Couselo e Fariña Couto protagonistas con quen isto escrebe, da mais audaciosa viaxe na procura dunha Antioquía ao inverso, lembrarán como nos libros parroquiais faltaban os “cuadernillos” desas datas, e como no cemiterio de Meaus non poidemos achar nen xequera unha lápida, que non debería ser moi vella“.

Meaus era un dos tres lugares que conformaban o Couto Mixto Dominio Público CorreiaPM

Couto Misto ? Familia Brandón ? Cabaleiro don Delfín Modesto ? Sombras ? A crónica de Cid Rumbao descrebe esencialmente o que non se poido ver: a carencia de partidas, a ausencia de lápidas, a dificultade de seguir a pista dunha familia que durante décadas tivera presenza social, económica e política no territorio. É a crónica dun baleiro

A sorprendente experiencia distes aventureiros que un bo día das súas vidas chegáronse deica a localidade de Meaus coas millores intencións e convencidos de que ían atopar resposta aos interrogantes que a súa inquedanza intelectual plantexaba é, cando menos, surprendente e cun final desacougante. Bater agora, de cheio no século XXI, coa crónica desa histórica viaxe só pode aguilloar a curiosidade.

Couto Misto ? Familia Brandón ? Cabaleiro don Delfín Modesto ? Sombras ?

A crónica de Cid Rumbao descrebe esencialmente o que non se poido ver: a carencia de partidas, a ausencia de lápidas, a dificultade de seguir a pista dunha familia que durante décadas tivera presenza social, económica e política no territorio. É a crónica dun baleiro.

Perante a falta de certezas absolutas, impúñase unha tarefa máis abranxente: comprender o escenario no que esa familia medrou, as características da comunidade na que viveu e o xeito en que o Couto Misto chegou a ser aquilo que foi. Non só interesa a lembranza do cabaleiro, senón tamén a singularidade dun territorio que funcionou durante séculos cunha idiosincrasia peculiar; unha sociedade que se adeministraba a si mesma cunha cultura política tan singular coma difícil de encaixar nos modelos convencionais.

Couto Misto

A crónica de Cid Rumbao descrebe esencialmente o que non se poido ver: a carencia de partidas, a ausencia de lápidas, a dificultade de seguir a pista dunha familia que durante décadas tivera presenza social, económica e política no territorio. É a crónica dun baleiro

Denantes que os mestres da Ilustración alumeasen o Mundo cunha raiola de esperanza no meio das tebras do obscurantismo, nalgures, no Cordal Arraiano, a cadeia de serras que se alonga na raia seca entre Galiza e Portugal, existía un territorio senlleiro onde a democracia direuta era prática anterga e sutillaba os alicerces dunha comunidade humana igualitaria e fraternal con alta marxe de autogoberno, e que soñou cun futuro soberano.

Esa terra, no berce do Val do Salas, é o “Couto Misto” e os seus habitantes coñécense por “mistos”.

O relato do Couto Misto non debe lerse coma unha suma de curiosidades, senón coma unha paisaxe de memorias onde a economía, a política, a cultura e a vida cotiá forman un mesmo tecido. Nasceu nun espazo de pasaxe, de fronteira, de encontros e tamén dalgún desencontro e o seu caráuter excepcional non se entende sen atender á relación entre xeografía e historia.

Alí, entre serras e vales, formouse unha comunidade que soubo aproveitar as marxes de manobra do sistema feudal e das delimitacións xurisdicionais pra construír unha orde de seu.

Da orixe precisa do Couto Misto non se tén certeza, estando envolta polo luscofusco do pasado. Mais, en calquera caso, sábese que se remonta polo menos á Alta Idade Media. Terá sido froito dun acto institucional ex-novo (carta foral outorgada por algún poder feudal, por exemplo) ou, pola contra, sería o resultado dunha dinámica endóxena que viría de tempos recuados e que coa forza do costume e da prática, foi adequirindo personalidade xurídica e evoluindo cos sucesivos contextos históricos ? Inda que aos poucos vanse colleitando novos indicios, deica a data, non se ten atopado nengunha fonte documental concluínte do seu proceso de creación.

O propio nome de “couto” remete a unha unidade territorial moi común naquela época, mais o extraordinario é a acumulación de privilexios e direitos que os habitantes dise couto foron consolidando, como tamén o recoñecemento do seu direito consuetudinario. De maneira que dende tempos inmemoriais rexíanse por un ordenamento xurídico e por uns usos e costumes propios e independentes.

As tarefas técnicas (xudiciais, notariais, rexistrais, etc.) que sobardaban as capacidades materiais e humanas do Couto Misto eran asumidas polas adeministracións dos reinos veciños. Na práctica, esa situación produciu unha convivencia xurisdicional flexíbel, a miudo ambigua, pro moi proveitosa praos seus habitantes. O que hoxe poderiamos chamar un marco legal híbrido era, para iles, simplemente a maneira ancestral de existir.

Nos documentos oficiais da época empréganse unha moreia de formulismos específicos pra encaixaren esa excepcionalidade que devindicaba efeutos legais. Cítanse algúns:

“De acordo cos foros do Couto Misto”

“En conformidade coas concondias”

“Segundo as tradicións dos mistos”

“Exención do pagamento de alcabalas, franquicias, contribucións, visar en hipotecas, etc., da que gozan os mistos”

“Privilexios”, “direitos”, “dispensas”, etc.

No batifundio político-social do medievo, a loita entre os distintos señoríos eclesiásticos e seculares de natureza patrimonial e cunha avaricia desmedida pola propriedade da terra e dos servos, principal meio de produción, que nela vivían, provocaba friccións constantes dando lugar na prática a fronteiras inestabeis e con alta permeabilidade o cal podía mesmo derivar na superposición de xurisdicións diferentes nun mesmo territorio.

Apareceron dise xeito espazos xeográficos imprecisos con límites movedizos que abrían fendas no sistema dominante o cal manexado con mestría permitiu as clases asoballadas desfrutaren de significativas cuotas de liberdade, dentro dos limites que aquile abafante aparello feudal oferecía.

Un feito histórico de grande trascendencia foi a aparición do reino galego de PortuGal no século XII, a resultas da guerra civil que estourou na Gallaecia motivada polo confronto aberto entre as dióceses de Braga e Compostela, coa implicación de distintos clans feudais.

O novo reino reivindicou boa parte do Sul da Galiza actual, como A Limia, producindo un forte impacto no Val do Salas. Tamén comezou a se tracexar unha fronteira mais demarcada, que se reforzou cunha consistente liña de fortalezas. Ao Norde, o antergo reino da Galiza, aillado, foise afundindo nunha agonía crónica cunha existencia insustancial, xa sen rei, deica a súa abolición no ano 1833.

Castelo da Picoña, no Livro das Fortalezas, prancha n.º 101. Duarte de Armas (c. 1509) Dominio Público

Perante a falta de certezas absolutas, impúñase unha tarefa máis abranxente: comprender o escenario no que esa familia medrou, as características da comunidade na que viveu e o xeito en que o Couto Misto chegou a ser aquilo que foi

Nise contexto, o Couto Misto inseriuse nas Terras da Picoña su autoridade do castelo portugués do mesmo nome. No ano 1496, o rei Afonso V doou o castelo da Picoña e as terras darredor, en dote de casamento, ao seu sobriño Dom Jaime duque de Braganza. Dende entón deica a súa extinción o Couto Misto ficou vencellado, no político, á casa de Braganza quen representaba a coroa portuguesa.

A intervención da casa de Braganza nas angueiras cotiás dos habitantes do Couto Misto foi moi razoábel limitándose mais ben ao aspeuto protocolario, coma no caso da ratificación dos xuíces gobernativos eleutos, aos que investía impóndolles unha insignia cerimonial.

Outras casas feudais andaron a meter o fuciño polo Val do Salas adiante, sen conseguiren alterar o status quo do Couto Misto.

As tres aldeias nucleares da entidade histórica, isto é, Santiago de Rubiás, Rubiás dos Mistos e Meaus, desempeñaban funcións específicas dentro dise peculiar microcosmos.

Santiago era a capital política, e no mazadoiro de pedra do adro da súa igrexa xuntábase o goberno eleuto, Meaus era o centro comercial con tendas de xéneros e boticas, e Rubiás era a mais produtiva do ponto de vista agropecuario por ser a que dispón de mais terra e auga. As tres localidades danse a mao, sendo a distancia xeográfica entre elas duns dous kms.

No eclesiástico, Santiago de Rubiás xunto con Rubiás dos Mistos forman unha freguesía na ribeira esquerda do rio Salas. En canto a Meaus, na banda direita, insérese na parroquia de Tosende. De maneira que dicir que o Couto Misto é composto dunha freguesía e meia, non é desatinado. Ditas freguesías sempre pertenceron á diócese de Ourense, o mesmo ca outros pobos arraianos hoxe portugueses, coma Turei (Tourem no portugués normativo actual) que fixo parte da diócese de Ourense deica o ano 1882.

E como queira que o xurdimento daquela orixinal entidade político-social pérdese nos tempos mais lonxincuos praos que xa non hai memoria viva, e non habendo precisións nen dos feitos fundacionais nen da súa cronoloxía temporal, non pode faltar o mito creador que relate a orixe lendaria e os princípios constituintes da súa esencia.

Asín sendo, cóntase dunha princesa que viña de lonxe, da Lusitania, fuxindo dunha inxusta condeia a morte, polo que xa tiñan executado o seu home, e chegou a esas terras do Cordal Arraiano xa en avantado estado de xestación. Canda ela ía a súa fidel aia cuxas meniñas dos ollos procuraban con desespero na paisaxe un garimeiro onde se acoubillaren do corisco, á espera dun parto arrodeado de incertezas.

Cando ambas as dúas, dacabalo de senllas mulas, estaban perdidas e atoadas na neve, alá polas cumieiras da Serra de Pena, foron atopadas por uns pegureiros que viñan seguindo as pegadas erráticas das súas bestas, pois adiviñaran que algo anómalo estaba a acontecer.

Socorridas coa hospitalidade coa que se acollía naquelas terras todas as persoas de ben que sofrian inxustizas, foron levadas axiña a unha chivana na redondeza, e a princesa foi asistida no seu parto polas sabias parteiras do lugar afeitas a atenderen calquera femia nise transo, e deu a luz un meniño sao e rexo.

E os tres, viveron en paz e sosego no seio daquela comunidade acolledora deica o dia no que xa poideron retornar salvos ao seu país de orixe.

A princesa endexamais esqueceu aquela fraternidade que lles salvou a vida a ela, ao fillo e mais á aia. En gratitude, e logo de recuperar a autoridade perdida, adoptou as disposicións apropiadas pra que, a aquela xente xenerosa, se lle garantise pra sempre a liberdade e os direitos dos que por tradición xa dispuñan dende moi antigo en réxime de igualdade.

Apreciase doadamente como os principios atemporais que fundamentan unha sociedade xusta subxacen no relato lendario transmitido de xeración en xeración. A maiores, coa participación da princesa, entra en xogo a figura inevitábel naquiles tempos dunha autoridade proteutora “boa”, garante dos direitos adequiridos no cerne daquile mundo gobernado arreu de xeito despótico por unha caste parásita e explotadora que espreitaba sen acougo a masa de servos traballadores, pra millor os sangrar.

Amais, asimilar o inicio de tan azarosa singradura dun colectivo humano a través do tempo naquile singular territorio, coas dificuldades dun parto en condicións adversas, tén unha forte leutura simbólica. O nascemento do meniño non é só unha proba complicada, convértese tamén nunha metáfora da propria comunidade, situada entre a vulnerabilidade e a esperanza, entre o risco e a continuidade. É unha maneira de dicir que o Couto Misto non nasceu dunha decisión improvisada, senón dunha relación social que se foi consolidando arredor da solidariedade e da defensa da vida. A lenda non é só un relato fabuloso; é unha forma de expresar a autoconciencia histórica dun pobo de fronteira.

E diste xeito xurdía agarimada polo rio Salas, esa “utopia arraiana”, que foi abalando entre a orixe lendaria e o fatal destino, entre un pasado salientábel e o presente humilde, entre o “foi” e o “xa non é”.

Constituise nun momento inda sen determinar coma un “couto”, suponse dentro dalgunha xurisdición feudal, poida que eclesiástica (moi poderosas na Alta Idade Media) ou poida que secular, e converteuse en “misto” por conta da indefinición fronteiriza. Nun mundo de señoríos superpostos e inestabeis, a autarquía local era unha resposta adaptativa.

A súa integración con ampla autonomía nos dominios da casa de Braganza compaxinouse cunha certa “tutela” por parte dos dous reinos, que non se inmiscían na sua gobernanza interna, intervindo só naquiles asuntos administrativos especializados praos que o Couto Misto non dispuña de infraestrutura. Dita situación achégao ao conceuto de “proteutorado”.

Logo, a consolidación progresiva dun amplo corpus xurídico de direitos, e a defensa enérxica do seu estatuto neutral como tamén do seu goberno democrático e independente, constitúen de facto atributos dun embrionario micro-estado en potencia.

Porén, na medida en que a antiga sociedade medieval de base rural foi evoluindo cara unha cultura mais urbana, e xa mais endiante coa aparición do estado moderno, o Couto Misto achouse fronte a unha precariedade de meios e de masa crítica dabondo que lle permitise artellar unha estrutura de estado, por modesta que ela fose, pra garantir a sua viabilidade política. Cómpre lembrar que, a canda da anexión, o Couto Misto contaba con non mais de 1000-1200 habitantes, vivindo nun territorio cunha superficie duns 27 km2.

En cabo, xunto coa avaricia desmesurada dos reinos veciños nomeadamente o de España, a evolución dos tempos precipitou o seu fin.

A singularidade do Couto Misto non residía unicamente nos seus privilexios e direitos senón na estabilidade do seu sistema de goberno composto por un xuiz governativo, ou presidente, asistido polos homes de acordo, exercendo todos funcións de maneira colexiada.

A fórmula era sinxela na aparencia, pro moi eficaz no plano simbólico e práctico: o poder nascía da comunidade e voltaba a ela pra ser lexitimado.

A súa longa existencia demostra que o sistema foi funcional durante séculos. Pola contra, a desaparición amosa até que ponto a decisión dos estados consistiu en uniformizaren de maneira totalitaria sen respeutaren as singularidades enriquecedoras.

A eleicion do xuiz gobernativo, por un periodo de tres anos, realizábase por votación direuta seguindo o antergo procedemento de natureza comunal, correspondendo un voto por veciño. Esclarécese que naquile contexto, o termo “veciño”, amáis da definición corrente, tén tamén o significado de “cheminé a fumegar”, quérese dicer, casa habitada por unha familia. O feito de que cada familia tivese voz en pé de igualdade na votación prao xuíz reforzaba a ideia de que a comunidade estaba composta por fogares e non por clases.

En chegando a data asinalada, co axeitado repenique de campas chamábase aos veciños prao concello aberto, institución tradicional moi arraizada na Limia deica tempos recentes. A xuntanza de todos os veciños realizábase ao ventimperio na Veiga de Farei, sita no centro do triángulo que forman as tres aldeias. Hai quen diga que o termo “farei” fai alusión á promesa solemne pronunciaba polo xuiz eleito.

Tocante aos “homes de acordo", dous por aldeia, eran asi chamados por teren sido escollidos polo “concello aberto”. Os homes de acordo, e mais o xuiz gobernativo, constituían un goberno lexitimado democraticamente, nun período histórico onde o conceuto “democracia” estaba ausente do discurso e da práctica institucional.

Completábase a direutiva co “vigairo de mes” quen auxiliaba nos labores de goberno. Ise posto exercíase á rolda entre as distintas familias.

Non só interesa a lembranza do cabaleiro, senón tamén a singularidade dun territorio que funcionou durante séculos cunha idiosincrasia peculiar; unha sociedade que se adeministraba a si mesma cunha cultura política tan singular coma difícil de encaixar nos modelos convencionais

Encrucillada de camiños, mistidade de povos dende o abrente da humanidade, o Val do Salas constitúe unha pasaxe natural entre a Baixa Limia e o Val de Monterrei, dúas bisbarras que xogaron un papel sobranceiro na historia da Gallaecia.

O que hoxe forma parte da Galiza mingoante, tanto na demografía coma na riqueza xerada, foron xacando zonas mais poxantes pois pra alén dos produtos agropecuarios tradicionais e os seus derivados (coiro, liño, la, etc.), dispuñan doutros recursos adicionais coma o carbón vexetal, de grande sona, feito da raiceira da uz, o torgo, que no vello mundo constituiu unha fonte esencial de enerxía. Todos ises produtos eran obxeto dun activo comercio nas feiras, de maneira que o conxunto da poboación participaba na actividade comercial.

En canto ao espazo público ou comunal, iste era autoxestionado co sistema tradicional das rogas, sen necesidade de nengunha achega exterior, sendo o Couto Misto enteiramente autosuficiente. Iso levou a afirmar ao derradeiro xuiz gobernativo que “os pobos eran absolutamente independentes, no económico e gobernativo, das dúas coroas”.

Os mistos non se distinguían dos habitantes das outras terras á volta, praticando unha agricultura e gandaria adaptadas ao ecosistema do Val do Salas. Tocante á cultura imaterial participaban da mesma língoa e tradicións ca o resto da Galiza e o Norde portugués.

Pro, a maiores, ao abeiro da vantaxe comparativa da que dispuñan en materia fiscal e comercial, ou institucións ancestrais coma o camiño privilexiado, erixiuse un sector comercial relevante, dentro do ámbito dunha zona xeográficamente afastada. Eran os “homes do comercio”, cuxos negocios atraguían unha ampla clientela de vilas e cidades ben alonxadas, creando unha dinámica económica que transcendia pra alén da terra dos mistos.

Completábase a actividade económica coa figura da ¨venda ao fiado¨, sen xuros, concedéndolles aos siareiros a opción de levaren os produtos e pagalos cando lles acaise ben, dentro dun prazo convido.

As vegadas, por mal goberno ou polas circunstancias da vida, algunhas persoas non honoraban a tempo e horas o debido, mesmo podendo xurdir certos litixios perante a xustiza. Na maioría dos casos, se o pagamento correspondente non podía ser feito en moeda, acababa sendo compensado con bens patrimoniais coma casas, palleiras, celeiros, leiras, touzas, ou outros. Foi por esa vía que a familia Brandón posuíu casa tamén en Rubiás dos Mistos.

Esa práctica usual, xérmolo dunha incipiente actividade financeira, cumpría unha función social importante pois nun mundo rural pouco monetarizado e onde as receitas da maioría dos veciños eran cíclicas (venda de graos ou de gado, por exemplo), permitíalles ás persoas se forneceren de produtos esenciais (trebellos de laboura, roupa, medicamentos, bacallau, sal,…) en momentos onde non se dispuña do diñeiro líquido prao pagamento.

De feito, non se tén observado nengunha hostilidade dos habitantes das outras bisbarras da redondeza en contra da existencia do Couto Misto. Ben polo contrario, ise status quo beneficiaba a todos, pois disponibilizaba unha canle privilexiada pra escoar produtos que doutra maneira sería mais complexo e caro adequirilos.

A veciñanza mista tamén cultivou unha forte igualdade interna. A diferenza económica entre unhas familias e outras non se traducíu en estratificación social. O dereito a elixir e a ser elixido aplicábase con naturalidade, e o prestixio persoal dependía tanto da solvencia moral coma da capacidade prática pra resolver asuntos da comunidade. Ise equilibrio entre liberdade e orde podería explicar por qué o Couto Misto termou durante tanto tempo.

O xuíz gobernativo non axía coma un funcionario distante, senón coma unha persoa a carón, no mesmo universo social ca os demais veciños. A autoridade non se apoiaba nun aparello burocrático ou autoritario, senón nunha mestura de confianza, costume e cooperación comunitaria.

Por iso as radicais mudanzas institucionais que o destino trouxo foron tan traumáticas.

O Couto Mixto no mapa de José de Castro López sobre A Raia (1863) Dominio Público

Clima e xeografía

A historia dun territorio non depende só das decisións políticas. A evolución do clima pode afeutar decisivamente, pois inda que lento e silandeiro, é un factor implacábel. Fálase eiquí dos ciclos climáticos que condicionan a vida dos seres vivos, animais e plantas, dende a súa aparición no planeta Terra. As mudanzas climatolóxicas impactan nos ecosistemas, dependendo a súa intensidade dos microclimas particulares podendo, nos casos mais extremos, repercutir drasticamente nas condicións de habitabilidade.

As peculiaridades naturais non determinan por sí soas o destino dunha sociedade, pero si condicionan de maneira considerábel o tipo de resposta que ésta pode dar. No caso do Val do Salas, a altitude, o relevo e a climatoloxía configuraron unha economía de resistencia, flexíbel e adaptada aos ciclos mais crus. O Couto Misto sobreviveu porque foi quen de converter a fronteira no seu principal aliado.

O alto Val do Salas, encravado nunha altitude entre 800 e 1500 m. e con abondante auga, ofreceu durante longos períodos condicións favorabeis prá ocupación humana, aparecendo a bisbarra moi activa en distintos momentos da prehistoria e historia antiga. Cando o clima era máis benigno, as montañas deixaban de ser barreira e convertíanse tamén en espazo de asentamento. Iso explicaría a forte actividade ocupacional na época celto-romana coincidente co chamado “óptimo climático” cando se desfrutou dun tempo mais quente e húmido. Ou entre os séculos X e o XII, na chamada “anomalía medieval”, con clima ben temperado.

No Val do Salas, constátase que as localidades que existen na actualidade e algunhas desaparecidas, xa existían nises séculos benignos da “anomalía medieval”. Coincidencia ou non, o afianzamento do Couto Misto sitúase nise periodo.

Pola contra, a chamada Pequena Idade do Xeo, que vai do seculo XIV deica o final do XIX, trouxo un escenario moito máis desfavorábel. O frío caroal provocou a baixada da produtividade agrícola e a maior inestabilidade económica afectou o conxunto das colectividades, con meirande incidencia nas montañas.

Nun contexto semellante a sociedade mista tivo de se resentir e, xa que logo, o estatuto especial que permitía evitar cargas fiscais, podendo negociar millor co exterior, e facilitaba a circulación de persoas e bens, era inda mais necesario.

O paradoxal é que cando ise réxime poido resultar máis imprescindíbel, o proceso histórico xa avantaba noutra direución, entrando en xogo factores político-estratéxicos exóxenos que tronzaron o futuro. Cando os estados modernos comezaron a pechar a fronteira, esa vantaxe comparativa desapareceu.

Os mistos e as súas leis

Coa marcaxe ritualizada das respeutivas casas, os mistos tiñan liberdade pra escolleren a cal dos reinos se adscribían. Ou a nengún dos dous. Resumiuno moi ben Delfín Modesto ao sentenciar que o Couto Misto “pertence a Portugal, a Espanha, e perténcese a sí mesmo”.

De feito, co tempo, pra evitaren os encordios aos que eran submetidos polas administracións de ambos os reinos, o número de moradores que se non identificaban con nengún dos dous foi medrando gradualmente. Foi un xeito de aproveitaren habelenciosamente as ambiguidades xurisdicionais pra manteren os seus lexítimos intereses, coma foi no caso dos litixios pola produción de tabaco durante o mandato de Delfín Modesto.

Nise episodio, perante a chegada dos gardas portugueses coa pretension, sen fundamento, de limitaren as cantidades de tabaco sementadas polos veciños de casa portuguesa, istes entón acordaron se declarar españois. En consecuencia, os gardas non tiveron máis remedio que se retiraren.

Aquiles moradores non adscritos e, xa que logo, independentes de facto, nos documentos da época chámaselles sinxelamente galegos.

A través dun proceso do que inda se descoñecen os pormenores, os poboadores do Couto Misto foron “arrincando” privilexios que se convertiron logo en direitos e, mediante as concordias, adequiriron a calidade de “leis especiais”. Os escritos garantes diste estatuto especial custodiábanse celosamente nunha arca de tres chaves, unha por aldeia.

Moitos direitos adequiridos ao longo dos séculos en materia fiscal, comercial, etc. xa teñen sido analisados polos estudosos. Pro na medida en que se vai afundando no coñecemento da sociedade mista, o corpus dises direitos vaise alongando. Cítanse alguns tan diversos coma:

Liberdade de uso sen restrición, nas operacións comerciais, patrimoniais, etc, de senllas moedas española e portuguesa da época.

Direito pra todos os moradores de libre circulación nos dous estados independentemente de seren de casa “portuguesa”, “española” ou direutamente “galegos”.

Respeuto por parte da hierarquía eclesiástica do “foro dos mistos”, diferente do común, coma no caso dos enterramentos.

Un privilexio de grande trascendencia foi a “exención de sangue” consistente en non contribuir con homes praos exércitos, mesmamente en situación de guerra. O principio foi aplicado da maneira mais extensiva posíbel, o que levou aos mistos a se manteren á marxe de calquera conflito armado. A fin evoluiu cara un estatuto de total neutralidade política.

Nunha economía de base rural, tirar os fillos mais saos e fortes do seio das súas familias nunha idade altamente produtiva, pra iren servir durante varios anos intereses na mor parte dos casos espurios e, se cadra, xa mais nunca voltaren aos eidos ficando o seu cadavre nun foxo calquera dunha terra descoñecida, era das piores calamidades que podían acontecer.

A arca das tres chaves CC-BY-SA Ponte nas ondas

Porén, os mistos ficaron ceibes das contendas pola partilla do poder ou das guerras coloniais, nas que os estados andaban arreu encerellados e de costas viradas prao pobo.

E foi asín que no ano 1812, no contexto das guerras napoleónicas, plantexouno abertamente o daquela xuiz gobernativo Lorenzo Gamallo quen defendeu nos tribunais a total “Exención do pagamento da contribución subrogada de guerra“ que indebidamente se lles exixia aos moradores do Couto Misto. Chegou o caso perante a Comisión Provincial de Ourense, que o encamiñou prá Xunta Superior do Reino, n’A Coruña.

Face a tal pretensión ilexítima, ergueuse con afouteza o devandito xuiz governativo, quen evitou que se atropelase o estatuto misto, o que carrexaria forte dano socio-económico e humanitario prá poboación. A invocación implícita da condición de neutralidade dentro dun contexto de guerra xeneralizada, constituiu unha afirmación solemne da ampla marxe de soberanía que o Couto Misto chegou a atinxir. A fronteira funcionou a un tempo coma factor de risco e coma oportunidade.

A resolta atitude de Lorenzo Gamallo, foi tamén unha maneira de proclamar que o Couto Misto non estaba envolto na dita contenda que enfrentaba as lexións francesas coas maltreitas tropas españolas e portuguesas apoiadas decisivamente polo exército imperial inglés.

O principio de neutralidade consolidouse politicamente como ben o proclama Delfín Modesto quen na sua “Historieta” deixou escrito que o Couto Misto “como pais neutro, ten o direito de negar aloxamento as forzas militares de ambas as nacións limítrofes”.

Narra precisamente a entrada atropelada no ano 1847 dun numeroso continxente portugués, cunha ampla presenza de mulleres, no contexto de conflitos civís en Portugal. Viñeron perseguidos por militares deica Turei polo que decidiron se adentrar no Couto Misto, deixando diste xeito de seren acosados. A correlación de forzas non permitía rexeitalos polo que se lles deu acomodo humanitario durante a noite, acordándose que deixasen o Couto Misto ao abrente.

Outra consecuencia da condición de neutralidade era, como tamén narra o derradeiro xuiz gobernativo o feito de que os pobos mistos “non participaban nas eleucions, nen noutros asuntos políticos nen de Espanha nen de Portugal”.

Direito de inmunidade do xuiz gobernativo, ou presidente, quen representaba na sua figura a esencia do estatuto especial do Couto Misto e os devezos de liberdade do seu pobo.

Depositario da vontade e confianza popular, servia á súa comunidade defendendo os direitos e as leis especiais. No exercicio das súas funcións gozaba de total inmunidade, resultante da natureza independente do seu cargo a respeuto dos dous estados limítrofes. No seu desempeño o presidente só responde perante o seu pobo e non recoñece nengunha superioridade estranxeira.

Iste principio expúxose nidiamente no preito que confrontou o derradeiro xuiz gobernativo co xuiz de Montalegre, no ano 1864. A defensa de Delfín Modesto asumiuna Juan Antonio Colmenero, abogado de Xinzo de Limia e grande coñecedor das leis do Couto Misto.

Nas alegacións apresentadas, con base nas concordias en pose do prestixioso abogado, arguméntase: “Non se pode recoñecer em V. atribucions pra proceder contra o xuiz do Couto Misto quen non depende da vosa autoridade pois como xefe supremo no político, económico e gobernativo, non recoñece nengún superior e, xa que logo, non está suxeito a nengunha autoridade de España ou Portugal, sendo o Couto Misto tan extraño e independente da vosa autoridade coma pode selo calquera outra nación de Europa“.

O asunto rematou no Supremo Tribunal de Lisboa, quen sen nengunha ambiguidade aceutou as alegacións do xuiz governativo do Couto Misto e mesmo adevertiu severamente ao xuiz de Montalegre ordenandolle gardar os debidos respeutos prao xuiz do Couto Misto.

Isto levou ao Delfín Modesto a soster que, ao gozar desa independencia, o Couto Misto formaba un “estado pequeniño”.

Como se pode apreciar a soberania que de facto existía non era unha entelequia, era real e producia efeutos de iuris.

Camiño privilexiado

Son diversas as institucions senlleiras indisociabeis da historia do Couto Misto, pro, sen dúbida, unha das mais estratéxicas foi o “camiño privilexiado”. Trátase dun vieiro inda existente que comezando en Meaus vén pra Santiago, logo atravesa Rubiás pra sair desa localidade polas casas do Marouzal, cara o Oeste. E dai en diante, sempre a avantar pola ribeira esquerda do río Salas, o camiño tranformábase en “verea neutra” internacional.

Contorna Randín polo Sul e diríxese cara a vila de Turei, onde entra pola Ponte Pequena.

Esa vila, intimamente vencellada ao Couto Misto, recebía direutamente as mercadorías que os arrieiros encamiñaban dende os portos comerciais portugueses, nomeadamente Lisboa e Porto, os cais amais de receberen os produtos das propias colonias estaban ben comunicados co mundo anglosaxón. Sen Turei o Couto Misto non tería sido.

Polo devandito camiño, amolloado con mouróns pétreos algúns dos cais poderían ter sido pedrafitas megalíticas, bulían persoas e cargamentos exentos de impostos e dos trámites formais e sen poderen ser apreendidos polos xendarmes. De feito, no regulamento que no inicio do seculo XIX estabelecía as roldas de servizo dos carabineiros, onipresentes nas zonas de fronteira, instruise aos axentes pra contornaren o Couto Misto sen penetraren nile.

En canto á garda portuguesa, entrou no Couto Misto esporadicamente pra trataren en asuntos estabelecidos nas concordias, incorrendo tamén nalgún abuso coma cando pretenderon limitar as colleita de tabaco, produto estanco nos estados veciños, pro que no Couto Misto era de libre cultivo.

Paso do Camiño Privilexiado por Rubiás dos Mixtos por onde corre o corgo Folón CC-BY-SA Pementa

Tratado de Límites, ano 1864

E velaí que o Couto Misto foi bulindo deica o século XIX cando o goberno español, perante certa pasividade do goberno portugués, aproveitou a formalización do Tratado de Límites pra abafalo e anexar a mor parte do seu território, nomeadamente as tres históricas localidades de Santiago de Rubiás, Rubiás dos Mistos e Meaus.

Durante o proceso de anexión deuse unha forte agresividade da parte dalgunhas autoridades españolas, non tanto das portuguesas, mesmo argallando unha lenda negra inzada de loias arrepiantes coa finalidade de estigmatizaren os honrados moradores do Couto Misto.

O proceso foi vivido polos habitantes do Couto Misto coma unha agresión institucional. Non se trataba só de perderen determinadas privilexios e direitos, senón de veren derrubado un sistema inteiro de relacións e hábitos colectivos. A integración no Estado Español puxo fin á vella arquiteitura política que durante séculos lle dera sentido á comunidade.

Era inviábel se opor a unha decisión adoptada nun nivel moito máis poderoso, dende institucións que non escoitaban a voz dunha comunidade pequena e rural. A suposta “racionalidade” estatal non asumiu a complexidade histórica da fronteira.

A conseguinte raiba dos moradores, que se revoltaron chimpando abaixo alguns marcos da nova fronteira imposta, ficou coma símbolo de grande dignidade mais tamén de impotencia. A ideia de que tres aldeas de montaña poidesen defender de por si soas o seu réxime ancestral diante dos plans dos dous reinos veciños era xa irreal naquile intre.

Após a entrada en vigor no ano 1868 do Tratado, todos os direitos históricos lexítimos que alicerzaban o Couto Misto foron abolidos. Isto produciu un impacto caótico e traumático na poboación. A estrutura que durante xeracións sostivera o comercio, o crédito, a mobilidade local e a propia autoestima comunitaria desapareceu axinha. Moitas familias tiveron que procurar novos camiños en Verín, Celanova, Ourense, A Coruña, Santiago, Lisboa, ou mesmo alén o océano. A diáspora converteuse na nova condición de moitos dos antigos mistos. O territorio conservou parte dos seus habitantes, pro xa desprovisto das regras que o definiran durante séculos.

Iste Tratado, imposto de maneira autoritaria, sen respeito nengún polos sentimentos e intereses das poboacións afeutadas, consumou a anexión dise territorio á coroa de España, choéndolle a oportunidade de se ter transformado nun pequeno estado moderno no espazo europeu, coma outros existentes na actualidade.

De feito, ao Couto Misto correspóndelle a curiosa distinción de ter sido o derradeiro territorio anexado polo Estado Español e que inda hoxe forma parte do seu territorio.

Porén, a desaparición legal non eliminou a memoria. O final do Couto Misto foi convertido xa moi cedo nun obxeto de saudades e de reivindicación. Nos ambientes galeguistas circulou a imaxe dun antigo espazo ceibe e xusto, en parte idealizado, pro tamén útil como símbolo dunha Galiza que é quen de artellar a súa propia existencia. Pasou así da historia prao mito e, despois, do mito prao estudo erudito. Esa mutación explica o interese que seguiu espertando ao longo do século XX, e segue no XXI.

Nise eido, é sintomático observar que xa antes do remate do século XIX en ambientes tanto do interior coma da diáspora circularon follas informativas nas que se enxalza o Couto Misto mitificándoo a carón da lendaria batalla do Medulio, ou da masacre dos priscilianistas, ou dos mártires de Carral, ou doutros moitos fitos sobranceiros da historia patria.

En calquera caso, malia o Couto Misto ir perdendo actualidade co decurso do tempo e polo atribulado rumo que a Península Ibérica seguiu após a súa desaparición, pois entre outras pestes houbo que suportar varias dictaduras, a súa lembranza nunca se esvaiu de todo e nesa perspeitiva encádrase a viaxe dos eruditos que se descrebe.

Efeutivamente, como primeira reflexión cómpre salientar que a planificación dise desprazamento proba que os inteleituais galegos de miados do século XX, durante a cruenta dictadura franquista, eran perfeutamente sabedores da existencia do antigo Couto Misto e, na discreción, abordábanse cuestións chave do seu devir histórico. Poida que esa historia xa non fose prioritaria pra unha inteleitualidade asulagada nunha realidade político-social extremadamente axitada e hostil, pro falar de “esquecemento” non se axusta á realidade.

Centran as súas pescudas na familia Brandón, da que dispoñen de datos, e nomeadamente de quen iles chaman o “derradeiro Xuiz Civil e Gobernador do Couto Misto”, isto é, Delfín Modesto Brandón. Esta saga familiar dalgunha maneira personifica o devir histórico e, como se verá, a fatalidade de tan apaixonante experiencia humana.

Dito o cal, chama fortemente a atención o feito de que somentes uns noventa anos dispois da aplicación do fatídico Tratado, os veciños de Meaus manifestáranlles aos valentes expedicionarios que nesa localidade xa non se conservaba nengunha traza da lendaria familia. Tíñaos engolido o tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.