A disparatada petición da fiscalía da Audiencia Nacional -50 anos de cadea para cada un dos 8 procesados por agresión a dous gardas civís en Alsasúa- revela que a sombra de ETA segue estando presente nunha parte das instancias da arquitectura estatal. Semellante desproporción punitiva só pode ser explicada a partir do suposto de que o ministerio fiscal considera que tal organización segue operativa e que os sucesos acontecidos na vila navarra formaban parte dunha acción planeada dende a mesma.
No ano 2011 ETA anunciou o remate unilateral da súa acción violenta. A pesar de que tal decisión non foi acompañada dunha iniciativa específica sobre o seu desarmamento nin concretaba un prazo determinado para a súa disolución, resultaba indiscutíbel que ETA renunciaba á negociación política que sempre esixira como condición indispensábel para non seguir coa súa actividade.Dende esta perspectiva, a organización recoñecía implicitamente a súa derrota.
Son varios os factores que permiten entender o desenlace que comezou hai mais de 5 anos. Ademais da forte e continuada presión policial e xudicial desenvolvida polas Administracións española e francesa, ETA padeceu unha notábel perda de apoio naquela parte da sociedade vasca que xustificaba a súa existencia e/ou compartía as reivindicacións fulcrais que tiña formulado nas últimas décadas.A constatación de que non posuía a fortaleza necesaria para provocar un proceso formal de negociación que posibilitase a consecución -sequera parcial- dalgún dos obxectivos prantexados, tivo como consecuencia a aceitación dunha fórmula de retirada unilateral sen contrapartidas políticas.
Certamente, ETA demorou moito a toma de conciencia sobre a súa crecente debilidade. Instalada nun universo moi pechado non foi quen de percibir os cambios rexistrados na sociedade vasca. O propio Otegi recoñeceu, recentemente, que a esquerda abertzale ignoraba esa parte decisiva da realidade. Nesa grave eiva talvez influíu a lóxica resistencia na aceitación dun balance moi duro:varias décadas de utilización da violencia cun elevado nivel de dano humano asociado á mesma non conseguiron mais que a consolidación dunha forza política que recibe arredor do 20% dos votos emitidos. A comparanza co sucedido en Catalunya ou mesmo na Galiza resulta significativo: en ambas nacións hai forzas nacionalistas que acadaron igual ou superior influencia electoral sen mediar o fenómeno do emprego sistemático da violencia con obxectivos políticos. E iso sen incorporar unha avaliación ética do que supón practicar a loita armada nun contexto social no que non hai un consenso maioritario sobre a pertinencia de tal uso.
Aínda que a disolución formal de ETA fica pendente, será inevitábel nun futuro non moi lonxano. Daquela, seguirá o debate que xa comenzou nestes últimos meses:cal debe ser o relato histórico do sucedido dende os anos 50 do pasado século? É posíbel construír unha única versión sustentada nun amplo acordo social?
Polo momento, non se verifica un acordo unánime na sociedade vasca a respecto desa tráxica vivencia colectiva. Máis alá dos desexos dunhas ou doutras persoas, non resultaría realista aspirar a semellante consenso sen agardar a existencia dunha maior distancia temporal. Polo demais, as pretensións dos sectores vinculados ao PP demostran unha hipocrisía palmaria: os mesmos que seguen profesando unha visión partidista sobre as causas e os efectos da guerra civil, esixen unha coincidencia na análise da xénese e desenvolvemento da violencia etarra.As urxencias que exhiben para este caso, desaparecen cando se trata de avaliar o drama rexistrado nos anos trinta do pasado século.
Mirar para o futuro sen esquecer o pasado: un criterio que resulta mais necesario que nunca para asegurar unha convivencia democrática en Euskadi.