A tenrura dos pobos

Hai xa tempo, por xaneiro ou febreiro de 1999 fun convidado a intervir nun programa de sobremesa da Televisión de Galicia para falar sobre o traballo das ONG para o Desenvolvemento. Uns meses antes, América Central sufrira os terribles efectos do Furacán Mitch. Máis de dez mil mortos, miles de vivendas destruídas, infraestruturas destrozadas… Nos días seguintes a aquela traxedia a solidariedade da xente do común desbordouse, as organizacións sociais recibiron millóns de euros en donativos, as iniciativas para recadar fondos multiplicáronse… Aquela tarde xuntámonos naquel plató de San Marcos unha persoa do Comité de Solidariedade con América Latina (COSAL), da organización médica Solidariedade Galega, unha persoa dunha pequena organización, creo recordar que de Vigo, e eu mesmo en representación da Coordinadora Galega de ONGDs. Cada un expuxo os proxectos que se puxeran en marcha, as formas de actuar, os problemas aos que se enfrontaban as persoas que traballaban sobre o terreo…

Logo de acabar a primeira rolda de intervencións pasamos a unha especie de debate. A persoa que representaba a aquela pequena organización criticou dun xeito xenérico, e incisivo, ás ONGDs por, afirmaba, ser organizacións que o único que querían eran cartos. Pedinlle que explicara a que se refería, xa que non acababa de entender a intervención, e narrounos a súa experiencia. Contaba que logo de ver as imaxes de desolación que deixara o paso do Mitch a directiva da asociación decidiu facer una colecta. Unha vez feita, e resultara un éxito, aquelas persoas, tan impresionadas pola visión daqueles que o perderan todo, decidiron que o mellor era utilizar os cartos para mercar zapatos para aqueles nenos, aquelas mulleres e aqueles homes que camiñaban descalzos. Despois de falar coas zapaterías do barrio no que tiñn implantación xuntaran un par de centos de pares de zapatos. E con aquela boa nova, foron xunto unha importante organización a ofrecelos. A sorpresa foi maiúscula cando a resposta que recibiron era que non podían aceptar o donativo, que o mellor, si querían colaborar, era que donadar cartos. Aínda coa sorpresa no corpo, moi incrédulas polo que lle acontecera dirixíronse a outra organización, esta vez de inspiración católica, coa seguridade de que alí aqueles zapatos, serían recollidos e enviados a Honduras, a Guatemala ou tal vez a Nicaragua onde tanta falta facían. E sorpresa. A resposta que recibiron foi a mesma. Si querían colaborar, voltaron a escoitar, o que se precisaban eran donativos económicos. Aquela ONGD tamén lle dicía o mesmo que a anterior: non é factible enviar eses zapatos a América Central. A conclusión á que aquela muller chegara era simple: as ONGDs só querían os cartos!.

Tenteille explicar que aquelas organización actuaran correctamente. Tenteille explicar que tal vez deberan pararse a pensar que nas zonas rurais daqueles países os zapatos que a nós nos parecían tan bos tal vez non eran os máis adecuados, que enviar zapatos a un lugar do que nos separaba un océano tal vez non fora a mellor das ideas… que mellor tería sido preguntar antes. Ningún razoamento foi suficiente. A conclusión unha e outra vez ante todo argumento era a mesma: “as ONGDs só queredes os cartos.”

A xestión da axuda humanitaria, ante catástrofes como o Mitch, ou como o recente terremoto en Ecuador, é complexa. Noutros sitios teño comentado as moitas latas de fabada coas que nos alimentamos algunhas das persoas que estivemos destinadas en territorios na antiga Iugoslavia, latas que foran enviadas a zonas musulmáns como axuda alimentaria desde varios concellos españois. Ninguén sabía que os musulmáns non comen porco?.

Desde o ano 1997 un bó número de organizacións non gobernamentais, como Cruz Vermella, CARE International, ActionAid, Oxfam… veñen traballando conxuntamente no Proxecto ESFERA, composto por un código ético, a Carta Humanitaria, e un manual técnico, as normas mínimas para a resposta humanitaria, que permita mellorar a actuación das organizacións sociais ante catástrofes de todo tipo. Non é unha tarefa sinxela en absoluto.

Hoxe proliferan entre nós iniciativas para recoller materias para enviar a Ecuador, tamén para recadar fondos. As mostras de honesta solidariedade fannos sentir ben como colectivo, pero a solidariedade debe ser racionalizada se queremos que contribúa de forma efectiva a paliar os danos causados. Hai moitas preguntas que deben facerse antes de recoller roupa, mantas, medicinas, ou calquera cousa: en primeiro lugar si o que recollemos é o que se necesita, xa que non todo vale. En segundo lugar si unha vez recollido está garantido o envío, neste caso, a Ecuador, e si unha vez en Ecuador está garantida a distribución nas zonas afectadas. Estas son as preguntas mínimas. E só se admiten que todas as respostas sexan un rotundo SI. Hai que ter en conta que os envíos desde terceiros países, sobre todo si son tan lonxanos como Ecuador, son custosos e son tremendamente complexos. Falamos de como se chega aos aeroportos de saída, falamos de embalaxes normalizados, falamos de controles, de permisos… falamos de tantas e tantas cousas que cando non se coñecen é doado pasar por alto… E sempre hai que ter en conta que en moitos casos vai ser máis barato, e mais útil, recorrer a provedores locais, si os hai. E si non son locais mellor utilizar provedores máis cercanos, por exemplo, no caso de Ecuador, provedores colombianos ou peruanos. Cando as ONGDs máis importantes, con decenas de anos de experiencia nestes asuntos, din que prefiren os cartos é por algo. Aprenderon sobre o terreo, levando moitos reveses, cometendo moitos erros, e comprometéndose a facelo cada vez mellor.

Outra forma na que se expresa a solidariedade é a aparición de voluntarios e voluntarias dispostos e dispostas a desprazarse a onde figa falta a facer o que se poda. Pasou co Mitch, pasou logo co tsunami no Indico, pasou co terremoto de Haití... e pasa agora en Ecuador. Onte pasáronme o enlace a unha nova do xornal ecuatoriano El Comercio, o mais importante de Quito: o titular era: “La presencia de voluntarios “llego al límite”, e na que se relataba que as autoridades de Pedernales, a zona cero do terremoto, pedían unha maior coordinación porque o número de persoas que estaba chegando, para axudar, xa se estaba convertendo nun problema. Queren, nesto da axuda humanitaría, nen é poder, nen é saber.

Hoxe tal vez os cartos sexan a mellor forma de mostrar a nosa solidariedade cun país que é a patria de mais de 400.000 persoas que son os nosos veciños, os nosos compañeiros e as nosas compañeiras de traballo, un país en cuxas augas faenan os pesqueiros galegos ou no que as súas universidades acollen a ducias de xoves investigadores formados nas universidades galegas que non atoparon un posto aquí.

Contamos con organizacións como Farmamundi, especializada no envío de medicamentos e que teñen demostrado o seu bo facer e o seu coñecemento profundo das necesidades en catástrofes similares; organizacións como Intermón-Oxfam, con implantación no país e con ampla experiencia en materias como o subministro e posta en funcionamento de plantas potabilizadoras de auga, ou como Mans Unidas, que leva colaborando con organizacións ecuatorianas case 30 anos. Estes son uns poucos exemplos de organizacións que saben o que fan, organizacións que apoian o traballo que están a facer entidades ecuatorianas da solvencia, o rigor e a honestidade que teñen demostrado como por exemplo Maquita ou o Fondo Ecuatoriano Populorium Progressio.

A solidariedade é, como di a poetisa nicaraguense Gioconda Belli, a tenrura dos pobos. Sexamos agora inmensamente tenros co pobo ecuatoriano, sexamos tamén inmensamente sabios na forma na que canalizamos a tenrura. E sexamos tamén mañá inmensamente tenros, porque só si contribuímos de forma sostida ao desenvolvemento das sociedades empobrecidas evitaremos que furacáns, maremotos ou terremotos, cando se produzan non se convertan en catástrofes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.