A teoría da elección pública aplicada a atención sanitaria

“A técnica estándar da privatización consiste en quitar financiamento publico e asegurarse de que as cousas non funcionan, así consegues que a xente se enfade e entón llo das ao capital privado” (Noam Chomsky)


A estas alturas xa non deberan quedar dúbidas sobre as desastrosas consecuencias que para a cidadanía galega en xeral, e para aos doentes en particular, ten o sistema de xestión que a Xunta de Galicia (PPdeG) aplica a atención sanitaria pública. Un sistema de xestión que prima o privado sobre o público e que coñeceu o seu amencer con os señores Romai Becaría ao fronte da Consellería de Sanidade (1991-1996) e señor Núñez Feijoo da Secretaría Xeral do SERGAS (1992-1996). 

Antes de entrar no detalle deste modelo de xestión pública compre subliñar que en Europa foi introducido inicialmente polos Conservadores británicos, con Margaret Thatcher ao fronte do goberno (1979-1990) pero que posteriormente sería adoptado tanto polo Laborismo británico durante os mandatos do señor Tony Blair (1907-2007) como por outros partidos socialdemócratas. 
 

A teoría da elección pública

Nos anos oitenta, logo dos trinta gloriosos (1945-1975), houbo en Europa unha sacratísima ofensiva neoliberal que puxo en cuestión ao público. Fronte as teorías keynesianas aplicadas naquelas décadas xurdiron agora “novas ideas” que sinalan ao público como responsable das crises económicas polo que os dirixentes políticos deberían preocuparse mais polos “fallos do goberno” que polos “fallos do mercado”. Fallos que, segundo as novas teorías, derivarían “das prácticas de nepotismo, enchufismo, corrupción, captura de rendas, mala asignación de recursos...investimentos de diñeiro público en novas tecnoloxías que fracasan (por escoller perdedores) ou pola incompetencia inxustificada coa iniciativa privada (“desprazar”) o que doutro modo podería ter sido un investimento privado éxitoso” (MARIANA MAZZUCATO: “O valor das cousas. Quen produce e quen gaña coa economía global”). Novas teorías que levadas ao extremo esixen que o Goberno interveña na economía tan pouco como sexa posible para minimizar os riscos derivados dos seus fallos.

Esta nova doutrina (“a teoría da elección pública”) afirmará que os gobernos tenden inevitablemente a corrupción e a ineficacia. Para evitalo deben aplicarse no sector público medidas de eficiencia propias do sector privado o que incluso chega a supoñer cambios na linguaxe e así, por caso, “os pacientes dos hospitais, os beneficiarios dos servizos sociais e incluso os estudantes convértense en clientes ou usuarios” (M.M.) A aplicación desta teoría da elección pública (“o publico non crea valor”) levaría tamén a que moitos gobernos se desprendan de activos públicos, reduzan investimentos e poñan en marcha privatizacións e externalizacións. Non por casualidade estas políticas se irían aplicando consonte a economía se ía financiarizando.

Pero consonte esta teoría se foi aplicando tamén se foron vendo os seus fallos e as súas consecuencias. Entre estas últimas estiveron, por caso, que facilitou tanto o auxe e o dominio dos oligopolios en servizos públicos básicos (auga, luz....) como das iniciativas de financiamento privado (PFI en inglés), as pseudoprivatizacións e as externalizacións na xestión dos servizos públicos
 

A teoría da elección pública aplicada a atención sanitaria 

As iniciativas de financiamento privado (PFI) aplicadas a atención sanitaria pública van supor que, por caso, na construción dos grandes hospitais públicos se compartan custos e se elimine dos balances públicos a débeda derivada do seu financiamento, Esto supón realmente un maior gasto público por dúas razóns basicamente: 1. Por que os gobernos pagan aos contratistas privados que construíron o hospital unha tarifa anual (indexada á inflación) que inclúe o pago do capital, os xuros e os custos de mantemento que pode durar décadas, 2. Por que os proxectos fináncianse con débeda privada que sole seren moito mais cara que se fora pública. O resultado final é que os custos de construción destes grandes hospitais e moi superior que si fora o sector público quen os financiaran directamente. Un custo tamén varias veces superior ao valor final duns activos hospitalarios cuxa calidade, en moitos casos, é mais que dubidosa si temos en conta os elevadísimos custos: son frecuentes os fallos de construción, de seguridade.....

Estas iniciativas tamén supoñen pseudoprivatizacións e externalizacións. En moitos casos os hospitais públicos se converten en fundacións autónomas cuxos recursos pasan a depender dos contratos fixados cos compradores xa que se externalizan moitos dos servizos prestados anteriormente polo centro hospitalario: limpeza, alimentación, mantemento, informática, servizos clínicos.... Iniciativas que se xustifican en base a unha maior eficiencia e rendibilidade grazas a introdución de criterios mercantís privados na sanidade pública. Xustificacións que as experiencias teñen demostrado suficientemente que non coinciden coas evidencias una de cuxas principais razóns é que o mercado de servizos sanitarios non é un mercado competitivo senón que está dominado por un pequeno número de empresas (xeralmente alleas ao sector sanitario) que chegan a adquirir a forma de oligopolios pero con unha moi forte capacidade de influencia política.

Un poder que lles permite que na práctica “medren e se amplíen as prestacións privadas, en prexuízo das públicas, ao tempo que medran os custos, o gasto público e se reduce a calidade do servizo” (M.M.) Nesta redución na calidade do servizo inflúe, por caso, que neste sistema “o persoal sanitario (médicos/as, enfermeiros/as, auxiliares....) teñen que dedicar unha parte crecente da súa xornada laboral a preparalas licitacións, ofertas, adxudicación de contratos en lugar de a atender aos pacientes” (M.M.) Medran os custos por que, en contra do argumento utilizado para xustificalas externalizacións, as tarifas das contratacións (gastos xerais, marxes de beneficio.....) soen supoñer un custo moi superior ao que serían gastos de persoal si as actividades contratadas foran exercidas por funcionarios públicos: unha experiencia empírica que pon en evidencia a ineficiencia das externalizacións. Ineficiencia a que hai que sumar a falta de transparencia e a peor calidade dos servizos prestados.

Privado versus público

Para rematar subliñar que as experiencias baseadas na teoría da elección pública aplicada a atención sanitaria, que tamén podía aplicarse a outros servizos públicos, tiran por terra o dogma de que o privado é bo, o público é malo. “O mantra de maior eficiencia por medio de privatizacións non está respaldado polas evidencias empíricas, polos feitos (.....). A pesar diso, no lugar de aumentala competencia ao través dunha elección maior para o consumidor, con frecuencia a privatización tradúcese nunhas menores capacidades de elección e democracia, como pasa coa externalización de moitos servizos sanitarios ou como evidencian os altos contratos de PFI para construír e manter hospitais. O que a sociedade sole recibir é unha menor transparencia, unha peor calidade, uns custos mais altos e unha situación de monopolio, exactamente o contrario do que, en teoría, a privatización debería facer” (M.M.)

 

Lecturas recomendadas:

MARIANA MAZZUCATO: “El valor de las cosas, Quién produce y quien gana en la economía global”.

MARIANA MAZZUCATO: “El estado emprendedor”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.