A teoría do caos

O establishment políticamente podemos traducilo como o que está establecido, o que ten que ser, é dicir o poder omnímodo. Resulta, polo tanto, o elemento principal que condiciona e dirixe o ordenamento político do mundo occidental e do mundo que domina. O establishment exerce un control absoluto do funcionamento político que ven ser o funcionamento de todos os ámbitos da vida dos pobos, a través de medios que fan dificilísmo, por non dicir imposible conculcalos. As estruturas do establishment son moitas e demasiado poderosas: élites económicas, financeiras, políticas, intelectuais e militares, lobbys de todo tipo, medios de comunicación, servizos de intelixencia, control de información, control tecnolóxico e se fai falta o que faga falta, pero as cousas deben ir por onde o establishment, é dicir o verdadeiro poder, marque.

O establishment nunha sociedade democrática ordénase fundamentalmente en dous partidos que a xustifican cun intercambio de poderes diferenciados nas formas pero non nos intereses. Neste momento o establishment exerce o seu poder mediante o denominado neoliberalismo, unha desnaturalización da democracia que pola  cobiza, a corrupción, a deshumanización e o beneplácito duns poucos, mantén ao mundo na miseria, na discriminación,  e na falacia.

Ante a desmesura a que chegou nestes tempos o establishment neoliberal propiciou a súa propia contradición xurdindo o que  se deu en chamar o populismo no que, aproveitando a ocasión,  pretenden incluír aos movementos revolucionarios, de transformación social  que se lle opoñen, cando na realidade intégrano unhas novas forzas que utilizando a desfeita social ante a delirante megalomanía do establishment, e dende unha posición demagóxica e socialmente privilexiada conseguen enfrontarse decidida e ás veces triunfalmente ao establishment que nos invade, para impor outro establishment aínda maís fatídico. O caso do Brexit no Reino Unido e agora o de Trump en USA son dous exemplos que poden dar alento a outros con intencións tan humillantes.

Ningunha destas opcións procuran o benestar social dos cidadáns ao contrario, ambos son coincidentes na súa despreocupación e ruína aínda que de distintas formas, pero non hai cousa máis perigosa que dúas forzas poderosas enfrontándose entre sí pola conquista dun mesmo espazo sociopolítico, veñen ser como dous trens do AVE en imparable e impredicible colisión, a consecuencia é o caos. Ocorrerá, entón, a destrución total de ambas maldades, e do caos sairá unha nova  orde mundial aproveitable?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.