Ao longo dun curso da ESO, o alumnado acumula charlas, ademais da conmemoración de múltiples efemérides e celebracións. Sen cuestionar iniciativas que buscan abrir os centros á sociedade, xorde unha pregunta incómoda: con tantas interrupcións, cando hai tempo para aprender con profundidade?
Ao longo dun curso da ESO, o alumnado acumula charlas de universidades, ONG e asociacións; obradoiros sobre saúde, redes sociais e sexualidade; olimpíadas científicas, campionatos de robótica e certames literarios; visitas ao teatro, museos, empresas e espazos naturais; intercambios lingüísticos, campañas solidarias e clubs de lectura, de ciencia e de radio; todo isto, ademais da conmemoración de múltiples efemérides e celebracións.
Sen cuestionar iniciativas que buscan abrir os centros á sociedade, xorde unha pregunta incómoda: con tantas interrupcións, cando hai tempo para aprender con profundidade?
A situación descrita non xurdiu dun día para outro. Hai apenas tres décadas, as actividades complementarias eran puntuais. A apertura da escola á súa contorna foi unha conquista pedagóxica, pero hoxe a oferta disparouse, en gran medida pola converxencia de intereses alleos á educación: a administración multiplica programas na procura de visibilidade política, as universidades promocionan a súa oferta académica e concellos, empresas e asociacións compiten por un público cautivo para promover intereses propios ou reforzar a súa imaxe corporativa. Namentres, os propios centros vense empurrados a exhibir eventos nun contexto no que a innovación se mide polo número de actividades, cunha intensidade que xa ocupa franxas relevantes do calendario escolar. Deste xeito, sen planificación ningunha, a escola pública convértese nun cobizado nicho de mercado onde distintos actores atopan un escaparate para os seus fins particulares.
Dase por feito que toda proposta suma, acotío sen avaliar o uso do tempo lectivo e as súas consecuencias. O resultado é un envorco organizativo: as actividades complementarias pasan a ocupar un lugar estrutural no funcionamento escolar
Dase por feito que toda proposta suma, acotío sen avaliar o uso do tempo lectivo e as súas consecuencias. O resultado é un envorco organizativo: as actividades complementarias pasan a ocupar un lugar estrutural no funcionamento escolar. O centro articúlase cada vez máis arredor dunha sucesión de eventos e intervencións externas. En moitos casos, estas actividades non responden a criterios públicos claros nin hai unha avaliación do seu impacto, e a súa entrada depende máis da oportunidade ca dun filtro pedagóxico.
Entre tanto evento convén distinguir dous modelos diferentes: por un lado, as propostas nas que o alumnado actúa como axente activo e pon a proba coñecementos e competencias; polo outro, aquelas nas que se sitúa como receptor pasivo, sen vinculación directa coas materias que estuda. En ambos os dous casos pode existir valor educativo, pero o seu impacto sobre a construción do coñecemento é moi diferente. O problema de fondo é confundir participación con aprendizaxe. Un obradoiro ou unha charla puntual poden motivar, pero non substitúen os procesos que permiten adquirir competencias reais. O paradoxal é que, no intento de compensar desigualdades de acceso a determinadas experiencias, a escola pode acabar debilitando o seu principal instrumento de igualdade e ascenso social: unha formación académica sólida.
Protexer o tempo, a atención e a continuidade que require unha aprendizaxe profunda non implica reivindicar unha escola illada ou nostálxica. A apertura á contorna é positiva. O problema é o criterio: mentres ao profesorado se lle esixe formación e planificación rigorosas, moitas intervencións externas entran sen filtros equivalentes de rigor e coherencia curricular
A aprendizaxe complexa require estabilidade. A memoria a longo prazo depende da práctica, da repetición espaciada e de períodos de integración libres de interferencias; doutro xeito, a información nova dificilmente se asenta. A memoria de traballo é limitada e satúrase con facilidade. Este principio choca cunha Educación Secundaria que adoece de minifundismo curricular: numerosas materias, poucas sesións semanais para cada unha delas e unha carga de contidos que empurra cara á superficialidade. É unha estrutura que, por si mesma, dificulta a consolidación de aprendizaxes complexas.
Se a esta fragmentación interna se engade o goteo constante de intervencións externas, consólidase a tiktokización da educación: unha experiencia escolar organizada como unha sucesión de impactos breves e descontextualizados onde a novidade constante relega a profundidade. A contradición é evidente: mentres a práctica cotiá se fragmenta, a avaliación segue reclamando integración, retención e pensamento estruturado. Esíxese ao alumnado a heroicidade de reconstruír como unha totalidade coherente o que a propia escola disgrega.
Protexer o tempo, a atención e a continuidade que require unha aprendizaxe profunda non implica reivindicar unha escola illada ou nostálxica. A apertura á contorna é positiva. O problema é o criterio: mentres ao profesorado se lle esixe formación e planificación rigorosas, moitas intervencións externas entran sen filtros equivalentes de rigor e coherencia curricular. Un centro non debería incorporar unha actividade polo mero feito de ser gratuíta ou de vir avalada pola administración, senón porque contribúe de forma clara aos seus obxectivos. Recuperar a soberanía pedagóxica implica devolver ao proxecto educativo a capacidade de decidir que entra na práctica educativa, para que e baixo que condicións. A cuestión é aplicarlles a estas prácticas o mesmo criterio pedagóxico que a calquera outro elemento do ensino: que aprendizaxes favorecen, que competencias desenvolven e como se xestiona o tempo que requiren.
Fronte á dispersión extrema actual, a escola pública debería ser un dos espazos onde sexa posible soster a capacidade de atención e acadar o pensamento complexo. Porque a tiktokización da educación empeza cando a institución acepta o fragmento como norma e deixa de garantir as condicións que fan posible un ensino de calidade
Quizais a innovación máis necesaria non consista en introducir novas actividades, senón en elixilas mellor e preservar o que fai posible aprender. O que hai que esixir é que as actividades estean ao servizo da aprendizaxe e non a aprendizaxe ao servizo das actividades. Fronte á dispersión extrema actual, a escola pública debería ser un dos espazos onde sexa posible soster a capacidade de atención e acadar o pensamento complexo. Porque a tiktokización da educación empeza cando a institución acepta o fragmento como norma e deixa de garantir as condicións que fan posible un ensino de calidade.