A trampa da alta velocidade radial

O tren Iryo sinistrado en Urda (Toledo), nunha imaxe da retransmisión ao vivo de RTVE © RTVE

Unha democracia avanzada non pode aturar tres catástrofes ferroviarias na rede da alta velocidade- á que se destinaron as xoias da Coroa- cun semellante tributo de vidas humanas. A memoria das oitenta vítimas mortais de Angrois-Santiago de Compostela no 2013, lonxe de actuar como un punto de inflexión e advertencia definitiva, atópase hoxe tráxicamente emparentada cos dous terríbeis sinistros de 2026 en Adamuz (Andalucía) e Urda (Castela A Mancha). Tres traxedias separadas no tempo pero unidas polo mesmo fío condutor: un sistema que prefire delegar a seguranza e a estabilidade operativa no factor humano ou en manobras degradadas antes que asumir as eivas estruturais e a falla de investimento continuo na infraestrutura. Angrois Adamuz e Urda non son fatalidades illadas, senón   nós dunha mesma liña onde as presas da propaganda poíitica por inaugurar quilómetros e o fornecimento de moita máis capacidade de mobilidade de persoas pasaxeiras a respecto da máxima aconsellábel-por razóns de capacidade e seguranza- prevaleceron sobre o coidado da integridade  das persoas transportadas.

A historia ferroviaria do Estado español non se explica dende a racionalidade loxística nin dende a equidade territorial, senón dende unha obsesión centralista que afunde as súas raíces nos Borbóns do  XVIII e que a democracia do 78 transformou en megabytes de aceiro e formigón. Mentres os sucesivos Gobernos do Estado investían a esgalla billóns de euros para erguer a segunda maior rede de alta velocidade do planeta -unha rede radial deseñada para que todo comece, remate ou pase por Madrid-, as infraestruturas que vertebran a vida real da cidadanía foron sometidas a unha drenaxe orzamentaria sen precedentes. A canibalización de recursos públicos a prol da Alta Velocidade illou ao 95% dos usuarios diarios do tren, postergou o esencial trânsito de mercadorias e asfixiou o seu mantemento básico.

Esta canibalización orzamentaria destruíu tamén o equilibrio do transporte por estrada, xerando un déficit acumulado na conservación das estradas convencionais e autovías estatais que supera xa os 9 mil M€. Firmes esnaquizados, sinalización deficiente e parálises estruturais endémicas converteron a rede viaria de competencia estatal nunha trampa degradada, xusto onde se moven a inmensa maioría das mercadorías e do tráfico interurbano. O Estado priorizou o luxo duns poucos sobre a seguranza vial do conxunto da poboación.

O mapa desta desaquelada política prexudicou nomeadamente ás nacións e  territorios que Madrid alcuma  periféricos. Na Catalunya, a degradación crónica das Rodalies deixou de ser unha falla técnica para se converter nunha aldraxe política continuada que paralisa a cotio a vida metropolitana. Semellante estrangulamento padece o Eixo Mediterráneo, que malia concentrar boa parte do PIB e das exportacións do Estado, segue ser supeditado á prioridade política de conectar a Meseta co mar. Na fachada cantábrica, a falla de conexións competitivas botaron  Asturies, Cantabria e  Euskadi ao devalar ferroviario. 

No caso de Galicia a chegada do AVE  non pode agochar  a saturación do Eixo  Atlántico ferroviario (Vigo-A Coruña), desbordado pola falla de trens nunha das contornas máis dinâmicas da península ibérica, mentres Ferrol e o interior do país sofren un baleirado desolador. Por outra banda, a conexión con Portugal, fulcral para o acelerado desenvolvemento do occidente ibérico, segue demorada e o corredor europeo atlântico de mercadorias esquecido. Padecemos tamén o colapso da rede viaria estatal, coa  parálise crónica da autovía A-6 polos viadutos de Castro e o estado lamentábel da N-550 e da N-540.Os orzamentos estatais roubáronos os recursos necesarios para completar a nosa mobilidade capilar interna en troques de financiar a megalomanía centralista.

O Estado español non pode soster financeira nin loxisticamente a trampa radial mentres estrangula os eixos Atlántico, Mediterráneo e Cantábrico, abandona a rede viária  e  pon en risco a seguranza  dos pasaxeiros. Unha trampa radial  fomentada a eito polo bipartidismo dinástico (PP/PSOE), coa plena conformidade tanto da extrema dereita como da esquerda estatal.

Compre superarmos a (i) lóxica radial para priorizarmos a conservación, a vertebración territorial e a proximidade. Doutro xeito seguirán a se perder  as oportunidades reais  de desenvolvemento sustentábel. E, tamén, probábelmente, a ocorrer desgrazas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.