A Transición segundo Feijóo

Alberto Núñez Feijóo en Ribadeo na exposición fotográfica dedicada a Leopoldo Calvo-Sotelo o pasado 18 de agosto CC-BY-SA PP

Dende hai tempo, o ex-presidente da Xunta está manexando unha lóxica argumental proporcionada por unha equipa de asesores que acredita unha calidade manifestamente mellorábel. Preocupado pola baixa valoración que recibe nas análises demoscópicas e co medo no corpo pola demostrada forza electoral de Vox, non dubida en utilizar calquera recurso verbal para tratar de evitar a fuxida de votantes cara o partido de Abascal

Aproveitando a súa estancia de verán no territorio galego, Núñez Feijoo decidiu utilizar determinados aspectos do período vivido despois da morte de Franco para promover novos relatos no catalogo da súa belixerante oposición ao actual goberno de coalición. Asistiu en Ribadeo a unha homenaxe a Leopoldo Calvo Sotelo -sucesor de Adolfo Suarez- e afirmou que o verdadeiro espírito da transición estivo representado por figuras como os dous presidentes pertencentes á UCD fronte a un suposto plan de Pedro Sánchez para promover un proceso destinado a destruír o proxecto xurdido na transición.

Dende hai tempo, o ex-presidente da Xunta está manexando unha lóxica argumental proporcionada por unha equipa de asesores que acredita unha calidade manifestamente mellorábel. Preocupado pola baixa valoración que recibe nas análises demoscópicas e co medo no corpo pola demostrada forza electoral de Vox, non dubida en utilizar calquera recurso verbal para tratar de evitar a fuxida de votantes cara o partido de Abascal. Na recente crise que se está vivir en Ceuta, cada vez resulta mais difícil distinguir os pronunciamentos de Feijoo dos que realiza Abascal: ambos líderes comparten o abandono de calquera criterio humanitario e propoñen medidas que saben que non son compatíbeis coas normas legais vixentes (no plano xurídico, semellante pretensión ten un nome: prevaricación administrativa).

Nas palabras pronunciadas en Ribadeo latexa unha chamativa incoherencia. Alberto Núñez ten recoñecido en diversas ocasións que foi un dos moitos votantes que apoiaron ao PSOE de Felipe González nos comicios de 1982. Ou sexa que, naquel momento, un mozo de 21 anos coma el preferiu ao líder socialista a pesar de que podía ter elixido a papeleta de UCD (onde, por certo, seguía en activo Calvo Sotelo) ou a dunha AP dirixida por Manuel Fraga. Se daquela non estaba convencido do papel decisivo que tiña xogado o partido de Suarez, a súa reivindicación de agora semella formar parte dunha operación propagandística partidaria mais que dunha avaliación derivada dunha reflexión solvente. Polo demais, ninguén lle pide ao actual líder do PP un coñecemento persoal suficientemente contrastado do proceso político que comezou coa morte de Franco no ano 1975, tendo en conta que naquela altura viña de cumprir 15 anos de vida.

Se o máximo dirixente do PP quixera utilizar o rigor analítico para opinar sobre a transición podería responder a unha pregunta moi ilustrativa: que formacións políticas mudaron significativamente os seus posicionamentos nestes últimos 50 anos?

Se o máximo dirixente do PP quixera utilizar o rigor analítico para opinar sobre a transición podería responder a unha pregunta moi ilustrativa: que formacións políticas mudaron significativamente os seus posicionamentos nestes últimos 50 anos? Repasando o sucedido neste importante período histórico, as conclusións non son complicadas: a UCD desapareceu antes de 1985; AP/PP pasaron de non aceitar o título VIII da Constitución -onde se contempla o sistema de organización territorial do Estado español- a practicar unha abafante retórica de identificación co texto da "lei de leis"; o PSOE mantivo basicamente o seu compromiso coa norma constitucional; PCE/EU mudaron o apoio inicial por unha notábel distancia crítica explicitada posteriormente; CiU transitou dende a total identificación co proceso da transición até a defensa de propostas independentistas formuladas a partir de 2015; o PNV, a esquerda abertzale e o nacionalismo galego representado polo BNG seguiron defendendo posicións substancialmente semellantes ás que mantiveron nos anos posteriores á morte de Franco.

Se Núñez Feijoo pretende reescribir a historia dos últimos 50 anos con semellantes vimbios argumentais está demostrando posuír unha talla política que non se compadece coas pretensións retóricas asociadas ao seu liderado

Un breve percorrido temporal coma este permite constatar que o PSOE foi a forza política que tivo unha influenza mais determinante na consolidación da chamada transición. Fronte ás variacións rexistradas nos discursos do PP nestes últimos 50 anos, a posición da organización socialista ofreceu maiores niveis de congruencia coa súa aposta inicial en favor da consecución dun pacto con sectores procedentes do franquismo. Aquela oposición belixerante de Fraga ao modelo autonómico deseñado na Constitución debilitou seriamente os posteriores intentos de apropiación realizados por diversos dirixentes deste partido. E se consideramos o asunto da Monarquía, o papel do Partido Socialista aínda resultou mais decisivo. De non ser polo compromiso asumido polos principais referentes desa forza (Felipe González, Zapatero, Rubalcaba, Pedro Sánchez) non se podería ter evitado o desgaste reputacional de Xoan Carlos I nin conseguido a pacífica abdicación realizada en favor do seu fillo hai pouco mais de dez anos. Por iso resultan patéticas as afirmacións ou insinuacións emanadas dende a dereita política -e mediática- a respecto das intencións "republicanas" de Sánchez.

Se Núñez Feijoo pretende reescribir a historia dos últimos 50 anos con semellantes vimbios argumentais está demostrando posuír unha talla política que non se compadece coas pretensións retóricas asociadas ao seu liderado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.