A trata galega de escravizados (I). Os primeiros empresarios, 1789-1812

Monumento á memoria dos africanos afogados no naufraxio dun barco da trata en 1830 preto da illa da Martinica © UNESCO

O 25 de marzo de 2007 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o Día Internacional en Memoria das Vítimas da Escravitude e a Trata Transatlántica de Escravizados, unha conmemoración que dende entón se repite puntualmente cada ano pola mesma data. Recorda como 200 anos atrás, o parlamento británico asinou a lei de abolición do comercio de escravizados, que acabaría por forzar o final da trata medio século máis adiante

O 25 de marzo de 2007 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o Día Internacional en Memoria das Vítimas da Escravitude e a Trata Transatlántica de Escravizados, unha conmemoración que dende entón se repite puntualmente cada ano pola mesma data. Recorda como 200 anos atrás, o parlamento británico asinou a lei de abolición do comercio de escravizados, que acabaría por forzar o final da trata medio século máis adiante. 

Resulta sempre revelador contextualizar os acontecementos históricos a estudar, pero neste caso resulta ademais determinante, pois non se comprende como e por que se implicaron nel os nosos traficantes se non coñecemos o que estaba a suceder no eido internacional. Dende a máis afastada antigüidade pódese testemuñar a institución da escravitude, e polo mesmo o comercio de escravizados. Porén, a súa relevancia cuantitativa principia no século XVI, cando a minaría da prata nas Américas precisaba máis man de obra pola mortalidade que ocasionaba o durísimo sistema de encomendas sobre os seus habitantes orixinarios. O meirande propietario de minas de metal precioso, a monarquía hispánica, adquiría unha parte significativa deses escravizados polo alcumado sistema de asentos e permisos, que concedía a sociedades estranxeiras, maiormente portuguesas, holandesas, francesas ou británicas, pero sempre excluídos os súbditos españois. Mais cara comezos do século XVIII, estanse a producir grandes mudanzas nas pautas de consumo dos europeos. Certos produtos de orixe colonial, como o azucre, te, café, tabaco ou algodón, que antes eran de demanda reducida entre grupos sociais de rendas altas, pasaron a difundirse e abaratarse entre unha poboación cada vez máis numerosa. Precisábase, polo mesmo, máis man de obra en orixe para incrementar a produción. 

Asento de 1713 con Inglaterra, en inglés e castelán, e cédula de 1789 que liberaliza a trata ©

Foi esta a oportunidade da Gran Bretaña e das súas colonias insulares americanas, as Sugar Islands, nas que se estendeu o sistema de plantación, que requiría unha gran cantidade de emprego que ía cubrir con africanos escravizados a través do sistema hispano de asentos. O resto de países europeos acabaron por imitala nos seus propios dominios, de modo que as Américas enchéronse de forza de traballo escravizada, arrincada de África en condicións inhumanas. 

A práctica da escravitude en gran escala produciu no longo prazo dúas derivadas aparentemente contraditorias. Por unha banda, converteu ao Reino Unido na primeira potencia europea

A práctica da escravitude en gran escala produciu no longo prazo dúas derivadas aparentemente contraditorias. Por unha banda, converteu ao Reino Unido na primeira potencia europea, cun gran crecemento de amplos sectores da súa economía: dende o desenvolvemento dos servizos –seguros e banca para o financiamento das expedicións africanas– e o acrecentamento do transporte marítimo –novos establecementos estaleiros e innovacións navais– ata a crecenza da súa industria na que se investiron os beneficios obtidos coa venda de escravizados. Pero por outra banda, transformou a Gran Bretaña en pioneira da oposición cidadá contra a trata a partir dos movementos cuáqueros e evanxelistas. Así, cara finais do século XVIII, creouse un Comité para a Abolición da Trata de Escravizados, fundado entre outros polo médico Granville Sharp e o estudante Thomas Clarkson, e que incluía parlamentarios, como William Wilverforce, e empresarios como o ceramista sobranceiro Josiah Wedgwood, autor das medallas que se vendían para recadar fondos para o financiamento da asociación. 

Medalla anti-abolicionista deseñada polo empresario ceramista Josiah Wedgwood ©

Pero por outra banda, transformou a Gran Bretaña en pioneira da oposición cidadá contra a trata a partir dos movementos cuáqueros e evanxelistas

Erguéronse tamén comités solidarios en moitas vilas e cidades, de modo que a loita contra a escravitude converteuse nun movemento popular que promoveu o boicot feminino ao consumo de azucre e chegou a recoller ata 60 mil firmas que se entregaron no parlamento. Dese modo, conformouse un estado de opinión que condicionou un histórico debate na House of Commons e que acabou rexeitando a trata en 1807. Para entender a resolución da contradición entre intereses empresariais e movemento abolicionista hai que pensar que cara comezos do século XIX o maior mercado de materias primas británico non estaba xa na América, se non en Asia, particularmente na India. 

O listón de provedores británicos de man de obra escravizada en América vano recoller o resto de países europeos, en especial Portugal e o reino de España

O listón de provedores británicos de man de obra escravizada en América vano recoller o resto de países europeos, en especial Portugal e o reino de España. Neste sentido, o monarca Carlos IV tiña firmado xa unha orde en 1789 na que proclamaba a liberdade de introdución de africanos nas colonias americanas, que permitiu ademais a participación de súbditos da coroa, vetados ata agora. Principiaba así un novo período no comercio de escravizados que interrompe a Guerra do Francés (1808-1812), pero que se prosigue tralo Congreso de Viena de 1814. Pola súa banda, a Gran Bretaña que liderara a coalición contra Bonaparte convértese en potencia hexemónica que encabezará a represión contra comercio infame e forzará ás potencias europeas a firmar acordos bilaterais, entre elas Portugal, Holanda e o reino de España en 1817. Entre outras resolucións, acordouse a súa prohibición ao norte do ecuador, establecéronse Comisións Mixtas para xulgar aos contraventores e creouse unha policía marítima, o West Africa Squadron, formada por navíos ingleses moi veloces que vixiaban as costas africanas. Porén, estas medidas represivas non acabaron este comercio inhumano, se non que ceibaron como veremos, un novo e descoñecido pulo.

O HMS Black Joke, do West Africa Squadron (esquerda), dispara contra o navío español Almirante nas costas africanas en 1829 Dominio Público

Os nosos traficantes

E aquí é onde agroma a ocupación dos nosos comerciantes, cuxa actividade mercantil quedara paralizada polas guerras de fin do século XVIII e comezos do XIX

E aquí é onde agroma a ocupación dos nosos comerciantes, cuxa actividade mercantil quedara paralizada polas guerras de fin do século XVIII e comezos do XIX. Porén, carecían aínda de experiencia e habilidades (know how) para abrirse camiño no oficio de tratantes: descoñecían as rutas comerciais africanas, non posuían tripulacións capacitadas nin contactos coas factorías e tampouco dispuñan das conexións comerciais apropiadas. Mais en parte, foron resolvendo estas carencias ao adquiriren todo isto dos comerciantes británicos afastados da trata.

A incorporación dos empresarios galegos ao negocio transitou por distintas etapas temporais. Ata comezos da invasión francesa de 1808, apréciase certos movementos de aproximación. Finalizada a francesada e ata 1820, esténdese un período no que aprenden axeitadamente o oficio. Pero será, sobre todo, no que transcorre entre 1821 e 1835 cando se desenvolva a actividade dun xeito sorprendente (polo seu crecemento), para terminar no que vai entre esa data e a prohibición definitiva en 1867. En cadansúa das etapas observamos tamén investidores singulares, destinos específicos e formas de sociedades comerciais que mudan segundo muda o mercado. Así, na que transita entre a lexislación borbónica de 1789 ata os comezos da invasión francesa de 1808, as fontes informativas rexistran moi poucos navíos e sociedades implicadas, malia ser esta unha actividade aínda recoñecida pola lei. En concreto, só figuran nos papeis 6 expedicións ao África, catro delas saídas do porto de Vigo, unha dende a Coruña e outra de orixe descoñecido pero claramente saída dalgún ancoradoiro galego. Entre os empresarios vigueses vencellados á trata hai que subliñar a Buenaventura Marcó del Pont e, entre os coruñeses, a Pedro e Ramón Diago.

Os Marcó del Pont

Entre os empresarios vigueses vencellados á trata hai que subliñar a Buenaventura Marcó del Pont e, entre os coruñeses, a Pedro e Ramón Diago

Quen eran os Marcó del Pont? O patrucio, Buenaventura, procedía de Calella (Barcelona), onde nacera en 1738, e estaba aveciñado na localidade de Vigo atraído polo abondosa pesca que, axeitadamente salgada, servía en moitos casos para manter con proteína barata a incipiente clase obreira catalá. Converteuse así en un adiñeirado comerciante e fomentador do peixe salgado que distribuía en todo o levante español. 

A súa prosperidade crecente proporcionáralle acceso a cargos públicos, entre outros o de rexedor perpetuo da cidade, síndico procurador xeral, comisario honorario de guerra e comisionado de Real Caixa de Consolidación. Grazas aos seus préstamos á coroa, dispuxo de acceso directo ás máis altas instancias do poder. Pénsase que foi un dos que máis influíu na decisión de Carlos III de conceder a Vigo a liberdade de comercio con América, que ata entón só gozaba a cidade da Coruña como porto habilitado. 

Dende Vigo, embarcaba a mercadoría, xeralmente ao Río de la Plata, o maior mercado exterior galego naqueles momentos. Rexistrou algunhas das maiores operacións comerciais nos correos que viaxaban a Montevideo entre 1783 e 1815 e figura como o segundo dos maiores cargadores a Indias, con mercadorías maiormente reexportacións de produtos estranxeiros, por un valor que superaba os 4 millóns de reais. Sen abandonar as súas actividades de distribución, principiou a interesarse polos negocios do corso, especialmente durante a guerra con Inglaterra de 1779-82, e que continuou máis adiante nas guerras de fin de século. Implantou, ademais, un dos primeiros establecementos de crédito de Galicia. 

Dende unha perspectiva política, Marcó transformouse nun dos apaixonados defensores dos gobernos absolutistas de Fernando VII, fronte a maioría de traficantes que eran liberais. Situou aos seus numerosos fillos en prazas comerciais significativas: en Vigo, a Ramón Genaro, que se fixo cargo dos negocios familiares; en Madrid, a Juan José, que canalizaba o crédito que proporcionaba á casa real e a particulares. Nomeado este último cabaleiro das ordes de Carlos III e de San Xoán en 1810, acadou o cargo de conselleiro de estado durante a Década ominosa e, máis adiante, do ministerio de Facenda no goberno pantasma do pretendente Carlos V. 

En Buenos Aires e Montevideo situou o patriarca a Ventura Miguel, que era o que fretaba os barcos que acudían ao Brasil e a África na procura de escravizados. O resto dos seus fillos varóns continuaron a carreira militar na península e nas colonias. Francisco Casimiro, cabaleiro da Orde de Santiago, participou na Guerra do francés como sarxento maior, foi nomeado xentilhome de cámara tras o regreso de Fernando VII e, por último, capitán xeneral de Chile en 1815, onde morreu preso dos revolucionarios. Participaron tamén na contenda contra Francia Manuel María, do que tan só sabemos que lle foi concedido o título de cabaleiro da Orde de Calatrava en 1800, e Pedro Ángel, ao que tamén lle foi adxudicado o título de cabaleiro da Orde de Alcántara en 1800. Este último pretendeu sen éxito establecer en Galicia unha fábrica de fusís para loitar contra os franceses. 

O empresario olívico Buenaventura Marcó del Pont e o seu fillo Francisco Casimiro Dominio Público

O primeiro navío da trata que despacharon os Marcó levantou áncora do porto de Vigo en 1800. Era a fragata San Buenaventura, alias El Porteño, que non cargou a súa mercadoría humana en África se non no Río de Xaneiro, e chegou ao seu destino de Montevideo con só 8 escravizados e determinadas mercadorías

O primeiro navío da trata que despacharon os Marcó levantou áncora do porto de Vigo en 1800. Era a fragata San Buenaventura, alias El Porteño, que non cargou a súa mercadoría humana en África se non no Río de Xaneiro, e chegou ao seu destino de Montevideo con só 8 escravizados e determinadas mercadorías. O seu armador era Ventura Miguel. No rexistro de saída do buque indicábase abertamente que a fragata tiña sido “comprada no Río de Xaneiro para dedicala á trata de negros”. Isto significa que os nosos mercadores daban xa os primeiros pasos na aprendizaxe desta actividade, aínda que carecían de experiencia suficiente, polo que o conciliaban co transporte de mercadorías. 

O segundo navío que se rexistra como saído de Vigo foi a Nuestra Señora del Rosario, alias La Buenaventura, pertencente tamén ao comerciante olívico Marcó del Pont, e presenta as mesmas características que o precedente. Levantou áncora en 1802 no porto olívico, acadou o da Baía, onde adquiriu 40 escravizados xunto con froitos e outros efectos, e arribou ao de Buenos Aires para despachar a carga. 

En 1803 rexístrase un novo barco, a fragata Minerva, que figura xa coa súa derrota completa: saíu do porto de Vigo gobernada polo capitán Gabriel Ford, probabelmente un veterano británico que coñecía ben o oficio nun momento no que os comerciantes galegos non dispoñían aínda de habilidades e dos puntos de embarque en África. O Minerva levantou áncora en 1803, mercou en Mozambique 316 africanos, dos que morreron 34 na travesía, fixo escala no cabo de Boa Esperanza e puxo proa a Montevideo, en cuxo peirao descargou. 

En 1805, o bergantín do mesmo nome, o Minerva, e co mesmo capitán –probabelmente a mesma nave con modificacións na arboradura e nas defensas– saíu de Vigo con destino a África. Non sabemos o número de escravizados que cargou, pero si que chegou ao Río para despachar parte da carga, e arribou a Buenos Aires onde desembarcou o resto de africanos, en total dezaseis, e adquiriu unha elevada cantidade de pelicas e coiros para distribuír en Galicia. 

Nos anos de cambio de século, a demanda de africanos no Río de la Plata era abondosa, sobre todo os destinados ao servizo doméstico, pero tamén se empregaban como braceiros, artesáns, traballadores rurais ou soldados, aínda que naqueles países a escravitude non chegou a ser tan avultada como nas Antillas. Calcúlase que no período transcorrido entre os anos 1776 e 1812 –data esta última da prohibición da trata en Buenos Aires, tras a declaración de independencia–, os comerciantes platenses ingresaron máis de 72 mil escravizados, a maioría procedentes do Brasil, en menor medida de África, con flutuacións que dependían da conxuntura bélica europea: en épocas de forte actividade militar e con presencia de corsarios inimigos na mar, o aprovisionamento realizábase dende o Brasil; pero en períodos de paz, formalizábanse as compras en África, que proporcionaban beneficios superiores. 

Pazo de Pousadouro, Redondela, residencia de verán dos Marcó del Pont © Concello de Redondela

Os Diago coruñeses

Entre os empresarios herculinos que se adaptaron moi cedo ás actividades da trata hai que subliñar aos irmáns Francisco e Manuel Diago, emigrantes palentinos aveciñados na cidade ao calor da sociedade estatal dos Correos Marítimos con América en 1764

Entre os empresarios herculinos que se adaptaron moi cedo ás actividades da trata hai que subliñar aos irmáns Francisco e Manuel Diago, emigrantes palentinos aveciñados na cidade ao calor da sociedade estatal dos Correos Marítimos con América en 1764. A estratexia operativa máis comunmente difundida entre os grandes comerciantes naqueles anos era a de asentar cadanseus membros da familia en enclaves significativos. Dese xeito, Francisco ficou na Coruña, onde tiña matriculada unha fragata, e Manuel instalouse en Buenos Aires en compañía do seu fillo Baltasar, este último sobriño político de Antonio Martínez, un castelán instalado no porto herculino e o maior exportador de mercancías de Galicia á América continental. Un dos fillos de Francisco, Ramón, afincouse no porto brasileiro do Río. En 1800, Manuel cargou a fragata San Francisco de Asís en Montevideo con 29 escravizados e outras mercadorías, que posiblemente foron subministrados polo seu sobriño Ramón e con destino a Buenos Aires.

Pero resultaban anos complicados para practicar o comercio marítimo. A crise de fin de século, a inestabilidade política da América continental e o atractivo dunha lexislación permisiva auspiciada pola coroa impulsaron aos Diago a refacer a estratexia empresarial familiar e experimentar en novos destinos co obxectivo de especializarse exclusivamente no comercio da trata ou, polo menos, convertela no groso das súas operacións mercantís. Dese xeito, Pedro aveciñouse na Habana en 1792, onde é probable que mantivese uns primeiros contactos co comercio de escravizados se nos atemos á celeridade do seu enriquecemento e sobre todo a súa consideración social –casou na catedral da Habana cunha rica herdeira de pais hacendados–, aínda que as evidencias nos remiten máis adiante, cando fretou un 1816 unha expedición ás costas africanas en sociedade con Francisco M. Cuesta, un dos meirandes tratantes cubanos. En 1795 era xa o director da Compañía de Seguros Marítimos da Habana, constituída ese mesmo ano, que dispuña dun fondo de 800 mil pesos fortes, unha actividade que resultaba imprescindible para minorar o risco do odioso negocio.

Ruínas do Pazo da Barcala, o que debeu ser residencia de verán da familia Diago © Google

A pegada que deixan as fontes informativas é a de que as sociedades dos Diago, como as dos Marcó, tiñan un carácter moi aberto no sentido de que a familia participaba en todo tipo de actividades comerciais, incluída a trata, na que Pedro actuaba como axente receptor na Habana e Ramón se desprazaba como sobrecargo nos buques que ían a África

Pola súa parte, Ramón Diago abandonou o Río e repregouse sobre a cidade herculina, onde se converteu nun empresario de éxito, que tiña un dos seus piares no comercio de escravizados, para o cal viaxaba con frecuencia á capital cubana, e outro como prestamista. Entre tanto o seu irmán Pedro proseguía o seu ascenso social e figuraba xa como directivo do Consulado da Habana, condecorado como comendador da orde americana de Isabel a Católica. Pero mantivo sempre a súa vinculación con Galicia e boa proba foron as inversións realizadas en terras e rendas no entorno coruñés durante os anos vinte. 

Os historiadores cubanos recordan a Pedro Diago Baranda como un dos promotores da introdución de tecnoloxías mecánicas de produción azucreira, aínda que se ten esaxerado sen dúbida a súa importancia. En 1798 tiña xa construído un trapiche de vento, fronte aos máis comúns de auga. Pasou por ser tamén introdutor en 1817 da primeira máquina de vapor no seu enxeño bautizado como Cambre –unha homenaxe, quizabes, ao lugar onde moitos dos comerciantes coruñeses mantiñan as súas mansións de verán?–, situado en Güines, ao sueste da Habana. Introduciu, iso si, o primeiro condutor na illa, un transportador de cana que suplía o traballo da man de obra forzada. Os descendentes de Pedro aveciñaron xa de forma definitiva en Cuba, convertidos en poderosos empresarios e propietarios do coñecido enxeño, o Tinguaro.

Enxeño o Tinguaro (Matanzas, Cuba), propiedade dos Diago (Debuxo de Eduardo Laplante, 1857) Dominio Público

A pegada que deixan as fontes informativas é a de que as sociedades dos Diago, como as dos Marcó, tiñan un carácter moi aberto no sentido de que a familia participaba en todo tipo de actividades comerciais, incluída a trata, na que Pedro actuaba como axente receptor na Habana e Ramón se desprazaba como sobrecargo nos buques que ían a África. A diferencia coas de Marcó estaban no destino dos escravizados. Neste sentido, o futuro da trata estaba na illa de Cuba, non no Río de la Plata, como veremos en sucesivas entregas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.