Se alguén quedou en evidencia tras o xiro de 180º dado polo goberno de Trump nos EEUU, abrindo negociacións con Rusia para repartirse Ucraína a cambio de deixarlle mans libres para facer o que queira en Oriente Próximo, esa é a Unión Europea. Quedouse composta e sen noivo.
O seu aliado “estratéxico”, ese que non ten “amigos” senón só “intereses”, deixoulle de lado fronte ao suposto inimigo histórico de Europa, que, por certo, tamén é Europa, Rusia. Coma se dun pesadelo tratásese, están a volver as obsesións do século XIX cando a Rusia zarista era o reduto reaccionario no continente, e fronte a el levantábanse as potencias europeas, garantes da “democracia”.
Ao final, tería razón o SPD alemán de 1914 -o actual vai pola mesma liña-, cando para xustificar o seu apoio aos orzamentos de guerra que permitiron a I Guerra Mundial, dixeron:
“Para o noso pobo e o seu futuro en liberdade, moito, se non todo, está en xogo en caso de vitoria do despotismo ruso (...). Debemos afastar este perigo e salvagardar a cultura e a independencia do noso propio país. Aquí é onde facemos real o que sempre destacamos: Non deixamos na estacada á patria na hora do perigo. Nisto sentímonos en consonancia coa Internacional, que recoñeceu en todo momento o dereito de todo pobo á independencia nacional e á autodefensa, así como nós, de acordo con ela, condenamos toda guerra de conquista.”
Inseríase esta lóxica na que os marxistas alemáns habían defendido 50 anos antes, cando o pai de Karl Liebknecht (único voto da socialdemocracia en contra deses orzamentos de guerra), Wilhelm Liebknecht, en 1868 cualificaba á Rusia zarista como “o xendarme de Europa” e que “aínda temos un traballo sanguento que facer e un deber sacro que cumprir: a destrución de Rusia, a restauración de Polonia.”
Pai e fillo tiveron actitudes opostas porque o momento histórico era diferente. En 1868 o imperio zarista, aristocrático e feudal, si era o “xendarme” reaccionario dunha Europa que estaba a culminar as revolucións burguesas e as unidades nacionais; pola contra, o imperio zarista de 1914 era un estado decrépito como se demostraría só tres anos despois, en 1917, mentres, os estados burgueses como Alemaña eran xa imperialistas e desataban unha guerra non defensiva, senón ”unha guerra imperialista, unha guerra polo dominio capitalista do mercado mundial, pola dominación política de importantes zonas de asentamento para o capital industrial e bancario” (Karl Liebknecht, explicación do voto en contra aos Orzamentos para a guerra).
A pouco máis dun século destas palabras, volvemos escoitar as mesmas xustificacións. Din todos os portavoces dos gobernos da UE; se as “democracias” queren derrotar ao “xendarme de Europa”, o “malvado” Putin, que, segundo dixéronnos ao comezo da ocupación de Ucraína, “quere chegar ate Lisboa” (J Borrell, exministro de asuntos exteriores da UE dixit), a poboación vai ter que apertarse o cinto, renunciar aos dereitos sociais e políticos conquistados para armarse.
Convertendo a causa do pobo ucraíno “na sua” causa, de novo invocan o dereito á autodefensa como fixese o SPD alemán en 1914 para xustificar uns orzamentos de guerra desorbitados: nin máis nin menos que 800 mil millóns de euros en non máis de 10 anos (80 mil ao ano).
A soberanía do pobo ucraíno non se defende modificando a realidade para ocultar os seus verdeiros obxectivos, ter umha cadeira na mesa de negocación entre os EEUU e Rusia para non quedar marxinada no seu reparto. Non queren a soberania de Ucrania, senon parte das suas riquezas, nun contexto no que deciden as armas que ún ten.
Este e non outro é o motivo central do “rearme” europeo, que eufemisticamente Sanchez defende como “seguridade” frente o perigro ruso, e que tenta vender á poboación como unha oportunidade para o desenvolvemento económico e xerador de postos de traballo.
O financiamento da industria do armamento, que o é o que se propon de fondo, é o que Marx, ha tempo, cualificou como “forzas destructivas”; é dicer, aquelas mercadorías que, ainda xerando mais valia, non aumentan a riqueza social, senon que a destrúen. O seu valor de uso, a sua utilización como productos significan destrucción e morte; e senon, que o pregunten á poboación palestina ou á ucraína.
A industria do armamento, hibrida ou non, da que Galiza non é allea con Navantia Ferrol, UROVESA, Rodman ou a centro de drones de As Rozas, é “pan para hoxe e fame para mañan”.
Onde vai a UE?
Por moito que a Francia de Macron queira reverdecer os loureiros de Napoleón ou De Gaulle, do que toma a doutrina militar de que hai que armarse “non só contra os inimigos, senón fronte os amigos” que permitiu lle ter unha industria militar propria, ofrecéndose como a alternativa aos EEUU como “protector” militar de Europa, están condenados ao fracaso.
Macron oculta baixo a sua “grandeur” os prosaicos intereses do capital francés de facer o que Napoleón tentou baixo as lemas da Revolución, a unificación de Europa. Baixo a roupaxe da “liberdade, igualdade e fraternidade” estaban os capitalistas franceses que recentemente, acabaran co “antigo réxime” na revolución de 1789. Unha unificación que despois tentaría Hitler baixo a xustificación da defensa do “espazo vital” alemán.
Esta posible hexemonia francesa non vai ser admitida por ningún dos demais estados; ninguen vai renunciar á sua soberanía para que Franza convirtase na “protectora” da UE. A Unión é unha suma destartalada de nazóns e estados cada ún cos seus propios interese, en moitas ocasións contrapostos, so unidos polo euro e a súa debilidade. O “xigante comercial cos pés de barro politícos (e por extensión, militares)” que é, pouco pode facer para enfrentar a estados unitarios como os EEUU ou China.
O xiro dado por Trump non é un “raio en ceo sereno” senón que é consecuencia da encrucillada histórica que estamos a vivir, un segredo a voces: a guerra aberta polo mercado mundial entre as potencias en decadencia, como EEUU e a UE, e as emerxentes, como China, Rusia e tras elas os BRICS, en aberta deriva do choque militar.
Desde o colapso da URSS, a restauración do capitalismo nos “estados do socialismo realmente existente”, e fronte á crise capitalista non aparece ningunha outra alternativa que ese xenérico “mundo multipolar” defendido polos emerxentes, que non é outra cousa que a consigna que oculta os intereses dos seus na súa loita pola hexemonía mundial.
Pero pasaron 40 anos desde ese colapso; o capitalismo evidenciou que o tan cacareado “fin da historia” e a “vitoria da democracia burguesa” fronte ao comunismo de Francis Fukuyama era un espellismo que atrapou as conciencias de moitas persoas. A crise do 2007 / 8 e a actual deriva militarista pon en evidencia que é preciso levantar unha terceira alternativa, que non é a do dominio do eixo euro norteamericano nin a do bloque chinés ruso.
A actual UE non é nin pode ser alternativa, pois é parte do problema e non da solución. Pensar nela é a tarefa.