A última traizón de Trump

Combates entre o EI e os curdos en Kobani © eldiario.es

A golpe de esperpento, ao mundo non lle ten quedado outra que afacerse -mal que ben!- aos delirios do presidente estadounidense e, sobre todo, ás súas consecuencias. Case a diario, Donald Trump, el soíño, provoca inestabilidades varias, no interior e alén das fronteiras do seu país, crises diplomáticas, enfrontamentos directos ou por procuración, desata hostilidades, que ás veces ameazan guerra, eleva ou socava a quen lle toque, sen lóxica aparente, hipoteca o presente e as perspectivas do sistema capitalista, fai caer bolsas, ou todo o contrario, é suxeito activo de complots e conspiracións nas que se vale da súa posición para atacar a adversarios políticos… O planeta vive pendente dos cambios de humor do inquilino da Casa Branca, que semella non ter límite, cuxas ocorrencias terminan por disiparse ou, como é máis habitual, esquécense porque a última -que non a derradeira- é aínda moito máis ousada e altisonante que a precedente. E así seguimos, e seguiremos, alomenos a curto e medio prazo.

A desidia e pouco sentido do presidente, no mellor dos casos, ou a súa propia estratexia e mala fe, no peor, ten abocado ao precipicio a una rexión enteira e nomeadamente a un pobo, o kurdo

Durante as últimas semanas, a desidia e pouco sentido do presidente, no mellor dos casos, ou a súa propia estratexia e mala fe, no peor, ten abocado ao precipicio a una rexión enteira e nomeadamente a un pobo, o kurdo. Eternos damnificados, diseminados entre catro estados (Turquía, Siria, Irak e Irán), sempre sometidos aos intereses dos gobernantes do momento e ao devir da interminable sucesión de conflitos no Medio Oriente, Trump ven de ganarse por méritos propios un lugar destacado na historia da infamia contra os kurdos. Anunciando, a principios de outubro, a retirada das tropas norteamericanas no norte sirio, o magnate non fixo senón abrir unha grandísima porta para unha eneísima invasión turca. E para colmo, como o cinismo dos Estados Unidos semella non ter límites, a operación foi bautizada como “fonte de paz”! Só algúns días despois do grandilocuente anuncio, centos de civís foron masacrados, vítimas dos ataques aéreos e das exaccións cometidas por milicias vencelladas ao exército de Ankara. 

Unha ofensiva saudada polo groso de medios turcos que, a imaxe do conxunto da clase política otomá, fan gala dun fervor nacionalista a proba de bombas, e nunca mellor dito! Favorables á ofensiva en curso contra as Forzas Democráticas Sirias (FSD), mesmo non dubidan en aplaudir a execución sumaria de civís. “Tras unha operación da que se hai que felicitar, a secretaria xeral do Partido do Futuro da Siria, vencellado co terrorismo, xa non poderá facer máis mal”, sinalaba exultante o diario islamo-nacionalista Yeni Safak, en clara alusión á execución da política kurda Hevrin Khalaf, despois de que o vehículo no que viaxaba fose localizado por milicias pro kurdas, que tamén acabaron coa vida do seu chofer. Un vídeo profusamente difundido a través de Internet amosa o coche da célebre vítima con numerosos impactos de bala, rodeado de homes armados e o corpo do condutor abatido no chan, mentres se escoitan o berros dunha voz feminina, atribuídos a Khalaf, aínda con vida no momento da gravación.

As redes sociais están ateigadas de imaxes de execucións de civís e combatentes kurdos desarmados

Non é o único caso. As redes sociais están ateigadas de imaxes de execucións de civís e combatentes kurdos desarmados, o cal ten impelido ao goberno a tomar medidas para o control da difusión de determinado tipo de “accións”. “A guerra ao servicio da unidade nacional e o nacionalismo ao servizo da guerra”, titulaba a contracorrente o rotativo Arti Gercek, unha das raras cabeceiras turcas que se opoñen á intervención de Erdogan en Siria, iso si, tendo en conta que este soporte ten a súa sé en Berlín e a redacción está composta por xornalistas de esquerdas exiliados, e a miúdo pro kurdos. Certo, son moitas, e cualificadas, as voces que se teñen elevado para denunciar a ofensiva turca, aínda que sen impacto algún no devir tráxico de acontecementos. A falta de iniciativas valentes e expeditivas, diante da urxencia, aos kurdos non lles queda outra que resignarse e aliñarse co seu inimigo de onte, Bachar Al Assad, aquel malvado presidente que, da man de Vladimir Putin e coa inestimable colaboración de Trump, anda a facer méritos para ser novamente frecuentable. 

Atrás quedaron os incontestables sacrificios kurdos, que foron vangarda na loita contra o Estado Islámico

Atrás quedaron os incontestables sacrificios kurdos, que foron vangarda na loita contra o Estado Islámico e que herdaron milleiros de combatentes islamitas dos que Occidente nada quería saber pero dos que, a partires de agora, terá que empezar a inquietarse. Pensábase mesmo que esta era, precisamente, a única oportunidade kurda, a súa principal baza. “O ataque turco é un agasallo feito aos terroristas de Daech”, enfatiza o xornal Xebat, con sé na cidade de Erbil, no Kurdistán iraquí. Outro portal de información kurdo, Rudaw, xustifica o acordo con Damasco para tentar evitar a masacre das poboacións civís, se ben considera a incapacidade dos exército de Al Assad para impedir que se leve a cabo unha limpeza étnica na zona, evocando os esforzos desenvolvidos por Turquía no pasado para paliar a dinámica demográfica a favor dos kurdos, xa fose a través da eliminación física, unha estratexia de terror a través de milicias financiadas por Ankara ou da implantación de poboacións turcas e árabes. 

Coa deserción de Estados Unidos, a Rusia de Vladimir Putin eríxese en principal potencia da rexión, en actor ineludible, de temible influencia

Amais dos intereses turcos, está en xogo o regreso triunfal de Al Assad, a unidade de Siria e mesmo o regreso dos refuxiados, que se contan por milleiros en precarios campamentos en Turquía, e que dos que Erdogan quixera desfacerse, enviándoos ao norte sirio. Doutra banda, coa deserción de Estados Unidos, a Rusia de Vladimir Putin eríxese en principal potencia da rexión, en actor ineludible, de temible influencia. Lóxicas seudo imperiais e nacionais aparte, se mire por onde se mire estamos ante un desastre humanitario a todas luces, de magnitude aínda impensada, provocado pola versatilidade de Trump a quen, sempre facendo gala desas “firmes” conviccións que o caracterizan, agora non se lle ocorre outra cousa máis que ameazas a Ankara con sancións, polo menos antes de gabar de novo ao presidente Erdogan e de sancionar un novo acordo bilateral. E mentres a prensa estadounidense se lamenta da inconsistencia e incongruencia do seu presidente, o pobo kurdo, novamente traizoado, agoniza diante da xeneral indiferenza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.