A unidade de España, por que?

Os que nos cremos cidadáns dese lugar chamado mundo temos que comulgar con rodas de muíño cunha patria que nun alto porcentaxe non sentimos, pero que non sentimos, non por una cuestión de ocio ou mesmo de racismo, se non por esa exclusión tácita que se fai sempre contra o que son os valores dominantes na cultura española.

Se o Galego, o Catalán e o Vasco son idiomas tan Españois como o Castelán, porque non podemos empregar o noso idioma en Madrid? Porque internacionalmente só se lle da ao Castelán proxección dende o estado? falo de certames, de incentivos culturais,  de premios literarios, falo de Eurovisión, falo de tantas cousas que se poderían mudar para que moitos se sintan incluídos que o discurso Españolista de que os procesos en chave nacional dos países periféricos queren rachar o país é complicado de soster en termos éticos e políticos.

Se os galegos somos españois, porque se satiriza o noso acento como algo exótico? as máis das veces caricaturizándoo e facendo escarnio da nosa forma de ser.

Cal é o obxetivo de marcar a un pobo como diferente para acto seguido afirmar a súa pertenza a un ente superior?  Se non humillar, alienar e reafirmar de forma tácita o proceso colonial contra os pobos da España.

É difícil sentirse incluido nun estado que non inclúe o teu idioma, a túa cultura, a túa idiosincrasia como parte do seu patrimonio inmaterial.
Por iso, mentres o “Viva España” signifique congratularse por este proxecto de asimilación cultural e política, seguirá a provocar sentimentos negativos, porque dun xeito velado, que viva ese modelo implica que morran Galiza, Catalunya e Euskal Herria.

Baixo o meu punto de vista existen dúas grandes falacias que sempre se empuñan para defender en primeira instancia o proceso asimilista.

A política.

Moitos confunden este debate con algo enmarcado no terreo puramente político, pero a cuestión nacional da España non ten nada que ver no espectro esquerda-dereita.

O certo é que a esquerda española, a pesar de ser certamente máis laxa, pola menor influencia do nacional-catolicismo, nunca tivo especial interés en elaborar un relato alternativo a esta imposición totalitaria da patria, é ben conocida aquela frase de Manuel Azaña “Si esas gentes van a descuartizar a España prefiero a Franco”.

A vella esquerda nunca se preocupou en debatir, reflexionar e entender a súa gran disonancia cognitiva. A de ser federalistas, pero non querer federarse con ninguén.

Todos podemos entender que a transición non era o momento ideal para plantexar estos termos, podemos comprender que ca casta militar máis preocupada pola política que polos cuarteis, non había máis que aceptar o menos malo.

Agora os tempos son chegados, hoxe non hai excusa para non elaborar un proceso rupturista en chave nacional, que permita aos diferentes pobos da Península ter un proxecto de futuro e de convivencia duradeiro. Si, da península, que motivo hai para non contar cos nosos vecinos de Portugal?

Os que cremos que se pode construir outra sociedade, os que temos un proxecto de convivencia socialista, igualitario, xusto, que non abandoe a ninguén á sorte do libre mercado, que conte con todos, pero sen nepotismos, sen clientelismos nin corruptelas. Estamos obrigados a explicar que rachar España dende abaixo non é terrorismo, tampouco é converterse en Venezuela, non ten nada que ver con ETA, é democracia, e non hai outro camino viable para unha convivencia duradeira.

Pero para conseguilo, debemos derrubar os escombros e comezar dende cero. Como dixo Castelao ante aquela famosa frase de Calvo Sotelo: “Antes una España roja que rota”. Para que algún día España sea Roxa, primeiro terá que estar rota. Non pode existir un proxecto de convivencia duradeiro, se os pobos que conforman a España non deciden libremente o seu modelo territorial e a súa adhesión ou non a ese novo estado Federal.

O estado Español, ten que permitir máis cedo que tarde as consultas a todos os territorios que así o expresen, para que os seus cidadáns escollan libremente o seu grao de pertenenza e o seu encaixe nun estado Federal ou confederal.

A histórica

Os estados, os reis, os gobernantes non nacen por mandato divino, aparecen e desaparecen constantemente na historia, co que usala para xustificar certas posturas é un debate maniqueo, o certo é que o estado español non se remonta á noite dos tempos, se non que nace a finais do século XV ca unión en matrimonio dos reis católicos. Isabel a usurpadora do trono de Castela e Fernando.

Poderíamos argumentar que moito máis antigo é o reino da Galiza, ou incluso o de Portugal, pero, que sentido ten acudir aos libros de historia para xustificar modelos de convivencia actuáis e futuros? Eu creo que ningún.

Cal é o sentido de considerar a unidade da nación Española como fin último da existencia e da reflexión política?

Sería moito máis constructivo, lóxico e doado de entender, que ese fin último estivese en eidos sociais ou económicos

Por que non a defensa dos sectores públicos clave, a defensa dunha educación pública, gratuita e de calidade para todos?

Por que non, a defensa da educación pública? Unha educación mixta, allea a cuestión relixiosas, de calidade, na que se incentive a investigación e se aposte polo futuro do país?

Por que non, a defensa dos servizos sociais para esa parte máis vulnerable da nosa sociedade?

Por que non a defensa do emprego digno, cun salario mínimo ou una renda de inserción que permita una vida digna na Europa do século XXI?

Por que non a defensa dos idiomas españois? Tan Español é o galego, como o vasco ou o castelán, sen embargo os idiomas periféricos están nunha sorte de ruleta rusa, a merced de gobernos autonómicos, que no caso do PP en galiza, dende logo non lles axudan.

Sen embargo todo iso é accesorio, todo iso pode mudarse sen previo aviso, sen consultas ao poder popular, pode desmantelarse o sistema de saúde, o educativo, poden pechar universidades, centros de investigación, poden quitarse as axudas á dependencia, poden privatizarse servizos sociais básicos, poden desintegrarse os idiomas do estado español… Pode vir un tsunami e barrernos a todos… Pero ante todo a unidade da patria! Iso semella mandato divino, algo sacrosanto e sagrado que non se pode nin cuestionar baixo pena de excomunión.

Deberíamos facer o seguinte proceso de reflexión:

Que nos garantiza a unidade dese corpo etéreo que é o estado Español? A unidade de España, per se garantiza unha vida digna, un salario e un traballo digno? Un prato de comida ao día? Un teito no que vivir? Algún dos dereitos fundamentais recollidos na mesma constitución? Se a resposta a estas cuestión é non… Entón de que é garante a unidade da patria?

Se cadra de que as mesmas élites políticas establezan quendas no goberno do país?

Que os grandes empresarios continúen enriquecéndose a base de amaños e corruptelas nas concesións e concursos públicos?

Que a monarquía corrupta siga a ser o máximo exponente desa divina imposición que é o estado centralista, tamén como máximo exponente do espolio?

Que a igrexa a día de hoxe siga tendo voz en cuestións de estado e de convivencia?

O proxecto de dominación, de manter o poder, de seguir enriquecéndose e empoderándose como se España fose un cortijo andaluz, xira en torno a esa unidade da patria incuestionabel, Vemos por concretar un exemplo, como as grandes empresas nacionais do franquismo, se repartiron entre os amigos e as familias dos que se manteñen nese poder.

Non son entón, os proxectos rupturistas que nacen no seo dun estado opresor en moitos termos, os verdadeiros intentos de construir un país democrático, dende abaixo cara arriba, sen complexos, sen corruptelas nin nepotismos?

Non son eses rupturismos minoritarios en relación aos valores dominantes no estado, a verdadeira democracia?

Cuestionar a unidade de España é a verdadeira democracia, non se fará un país se non estamos todos voluntariamente nel, e para iso temos que ir a votar, porque en democracia non hai outra forma de contrastar ideas.

A unidade de España é a garantía de que nada se mova, de que nada mude máis aló dunhos pequenos retoques cosméticos, é a garantía da inxustiza e do sometemento do pobo.

Rachemos España, pero en positivo, debatindo, exercendo o dereito a voto, consensuando, falando, entendéndonos como pobos con proxectos de futuro e de convivencia que podemos por en común, nos termos que academos, para construir unha sociedade mellor para todos, e tamén para que o viva España nunca máis signifique morra Galiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.