A crise terminal do neoliberalismo, o declive do Imperio estadounidense, o forte ascenso de China e outras potencias do Sur global (India.....), a crise sistémica da Unión Europea, a revolución tecnolóxica e a crise ambiental, o imparable crecemento das desigualdades sociais e territoriais debuxan a nivel mundial un novo escenario, unha nova era que demanda grandes cambios na Unión Europea se non quere quedar marxinada pero que, a pesar diso, esta non parece quen de poñer en marcha.
A Unión Europea perde peso na economía mundial
Nas últimas décadas a Unión Europea, e moi especialmente a eurozona ven perdendo peso progresivamente na economía mundial de xeito que si durante anos foi a segunda maior economía mundial por detrás dos Estados Unidos os últimos datos que coñecemos (Banco Mundial) indican que ese lugar é agora ocupado por China. A razón desta perda de peso débese ao longa fase de baixo crecemento que atravesa a Unión Europa no presente século. Si no ano 2000 a Unión Europea -incluíndo os países que se integraron posteriormente- representaba o 20,12% do PIB mundial, no 2023 caera ao 14,46% -unha caída do 28%- de forma que si antes había un empate case técnico cos Estados Unidos agora é un 10% mais pequena, diferencia que se agranda si comparamos con China que si no ano 2000 tiña un peso económico equivalente ao 7,2% do PIB mundial (13 puntos menos que a UE), no 2023 foi do 18,73% (4,3 puntos superior a UE).
A crise terminal do neoliberalismo, o declive do Imperio estadounidense, o forte ascenso de China e outras potencias do Sur global, a revolución tecnolóxica e a crise ambiental, o imparable crecemento das desigualdades sociais e territoriais debuxan un novo escenario que demanda grandes cambios na Unión Europea se non quere quedar marxinada
Unha desaceleración económica que aparece mais pronunciada na zona Euro pois a caída foi do 15,4% -coase o tripla do global na UE- mentres que o peso dos países que no pertencen a zona euro medrou, unha diverxencia que pon en evidencia os graves problemas estruturais que agocha a unión. Problemas que afectan non so a produción senón tamén ao comercio que si 2004 representaba o 18,9% do comercio mundial, no 2024 caera ao 14,8% sendo claramente superada por China que pasou a ser a primeira potencia comercial a nivel mundial (18,91%).
Datos que demostran como a Unión Europea perde peso na economía mundial nun momento en que as guerras comerciais e as batallas tecnolóxicas (I+D+i, IA) están no seu apoxeo sen que aquela de mostras da fortaleza necesaria senón de clara debilidade.
Unha perda de peso que é froito da adopción de políticas erróneas, moi equivocadas pero sen que, ao día de hoxe, parecera que houbera intención de cambialas. Políticas que ademais de levar a UE a perder peso na economía mundial tamén conduciron a que as desigualdades sociais e territoriais no seu interior non pararan de medrar. Segundo os datos de Eurostat na UE hai 94,6 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social que supoñen o 21,4% da poboación total, porcentaxe que en varias rexións europeas supera o 45%. Nalgúns estados da Unión Europea son os/as nenos/as quen supoñen a categoría con maior índice de pobreza.
Cifras que colocan a Unión Europea cada vez mais lonxe dos obxectivos para que fora creada (Vid. Tratado constitutivo da Comunidade Europea)
A Unión Europea, un proxecto falido
A estas alturas da historia, confirmada a crise sistémica do neoliberalismo que se acompaña dos ascenso político das extremas dereitas en practicamente tódolos estados, xa se pode asegurar que a Unión Europea é, hoxe por hoxe, un proxecto falido. Negalo é negalas evidencias pero bastaría con contrastar a realidade actual, da que anteriormente so debuxamos algúns aspectos relevantes, cos obxectivos plasmados no artigo 2 do Tratado Constitucional da Comunidade Europea (“A Comunidade terá como misión.........Estados membros”).
Pero hai mais, a longa onda de baixo crecemento económico, o desemprego xuvenil, a crise ecolóxica, a política inmigratoria, a guerra en Ucraína, a política exterior e a guerra en Oriente Medio..... son datos suficientes para confirmar o diagnóstico anterior e para darlle a razón ao grande economista Joseph Stiglitz (“El euro, como la moneda común amenaza el futuro de Europa”) cando, coa brillantez acostumada, denunciaba os fallos de construción da unión co agravante de que agora non levamos “dez anos perdidos” senón coase vinte con novos problemas que se engaden aos anteriores o que lle da unha gravidade maior a situación.
Unha situación derivada, como sinala Sami Nair (“Europa encadenada”), de que de facto nunca houbo por parte dos estados da unión unha vontade decidida de conformar unha Europa política e democrática senón que aquela sempre estivo en liña coa mundializacióln neoliberal. O sucedido coa crise grega e o tratamento das débedas soberanas foron casos paradigmáticos da falta de solidariedade que precisa calquera proxecto de unión. Na actualidade temos tamén, como proba desa falta de solidariedade, a evidencia de que habendo un rexeite maioritario a invasión de Ucraína a pesar diso é moi minoritaria a idea de facerlle unidos a guerra a Rusia. As distintas formas de solidariedade con Ucraína que amosan os diferentes estados da unión reflicten diferencias relevantes encol da relación desta con Rusia. Diferencias que poñen en evidencia tanto a falla dunha política exterior e de defensa común como, o mais grave, a non coincidencia sobre como debe selo futuro da Unión.
A Unión Europea, un galo sen cabeza
Volvendo a vista atrás e tomando como punto de partida a Acta Única, cuxa entrada en vigor tivo lugar o 1 de xullo de 1987, observamos como durante todos estes anos a Unión Europea camiñou como “un galo sen cabeza”. A lombos dunha concepción neoliberal da construción europea a unión foi aprobando unha serie de Tratados e Acordos de carácter monetario, fiscal e comercial que na mais pura ortodoxia da perfección dos mercados -libre circulación de bens, capitais e mercadurias- excluiría a intervención da política na economía, deixaría a un lado unha unión política e democrática que mitigara os negativos efectos sociais dos mercados e que cedería soberanía dos estados a prol dunha serie de institucións carentes da necesaria lexitimidade democrática (Banco Central Europeo, Comisión Europea, Consello Europeo) o que conducira a Unión Europea a situación actual de fondas desigualdades sociais e elevadas débedas públicas e privadas. Unha situación na que, por moito que o neguen os burócratas comunitarias os riscos de rupturas son moi elevados.
Neste escenario resulta chocante, ao tempo que moi preocupante, a diferente visión que da Unión Europea teñen as elites políticas e burocráticas das institucións europeas das maiorías sociais e da sociedade real pois “mentres alí todo parece épico, nas sociedades reais e diferente e está moi afastada da exaltación europeísta” (Sami Nair.....)
Problemas económicos e sociais que se enquistan
Ampliemos a visión anterior. A nivel económico a Unión Europea, como dixemos anteriormente, segue sumida nunha onda longa de baixo crecemento económico que agora tamén afecta a súa locomotora (Alamana) que leva dous anos en recesión e as perspectivas futuras aínda poden ser peores pois a desindustrialización segue imparable -o emprego industrial pasou do 19,9% no 2000 a un 15,4% no 2023-. As débedas públicas que xustificaron os brutais axustes fiscais están disparadas, o desemprego xuvenil e a precariedade laboral seguen moi elevados, o atraso tecnolóxico en relación aos dous grandes imperios (Estados Unidos e China) non fai mais que ampliarse e os obxectivos medio ambientais -a loita contra o cambio climático- non rematan de materializarse.
A nivel social a Unión Europea non fai mais que dar mostras da súa incapacidade para afrontar con un criterio único e democrático o grave problema da inmigración onde cada estado vai ao seu aire e as ideas totalitarias se impoñen as democráticas. Na práctica os fluxos inmigratorios están poñendo a proba a realidade europea, a sua identidade, se o seu modelo de unión incorpora ou non os valores europeos de non discriminación racial e confesional: “ser europeo por razóns de territorio non de raza, color ou relixión”. A nivel interno as diferencias sociais e territoriais -como explicamos a principio- non se reducen senón que se amplían e agravan con colectivos sociais e territoriais cada vez mais marxinados.
Unha dobre realidade que tira por terra a imaxe dunha Europa social e que, en parte explica o ascenso das forzas escépticas e contrarias a unión. “A Europa social é a premisa dunha identidade común capaz de dotar ao territorio dunha presenza histórica exclusiva i específica. E incluso mais importante que a identidade política porque, sen ela, aparece coma unha cascara valeira ou un ensamblaxe formal desvinculado da realidade tanxible das sociedades. O social é a chave que conduce a solidariedade de destino dos europeos. E paradoxalmente, é o elemento que falta na construción europea” (Sami Nair).
Cal é a política europea e cal debera ser
Si as realidades económica e social confirman o grande fracaso da Unión Europea neoliberal que podemos dicir da situación política?. A nivel interno a unión, prisioneira das grandes diverxencias entre os estados membros, amósase totalmente incapaz de presentar un proxecto sólidos e coherente para poñer fin a unha guerra que ten lugar en territorio europeo: Ucraína. O tempo as forzas totalitarias que ameazan as súa existencia e a propia convivencia interna non paran de medrar co agravante de que en non poucos estados da unión as dereitas democráticas (?) -como sucede, por caso, en España- alíanse con elas co gallo de chegar ao poder.
A nivel externo e a maiores da guerra en Ucraína que sacou a luz as importantes diverxencias estratéxicas entre os estados europeos -Alemaña/Francia, Europa occidental/Europa oriental- a unión mantén en Oriente Medio, onde asistimos ao xenocidio do pobo palestino, unha posición que prima os intereses comerciais -o comercio de armas- sobre os dereitos humanos. Unha posición que sumada a que mantén en rexións de Africa, Latinoamérica e Asia fan que a imaxe de Europa no Sur global estea sufrindo un grave deterioro que indirectamente está favorecendo, por caso, a China e a Rusia.
Todo este ten lugar, e non por casualidade, nun momento da historia no que no escenario internacional a pugna entre un imperio en decadencia (Estados Unidos) e un imperio en ascenso (China) coa chegada de Donald Trump e os oligarcas a Casa Branca parecera estar a punto de confrontación o que obrigaría ao resto de mundo a posicionarse e buscalo seu lugar. Un resto do mundo que no caso particular da Unión Europea, e de non mudar moitos as cousas, parece camiñar na dirección dunha subordinación aínda maior aos intereses estadounidenses en claro prexuízo da súa xa moi castigada identidade, correndo o risco dunha balcanización de Europa.
Velaí a encrucillada na que se atopa a unión, manter a liña seguida ata agora e converterse definitivamente nun satélite que xira o redor do astro estadounidense ou intentar unha vía autónoma e identitaria o que lle obrigaría a revisar tódolos tratados aprobados deica hoxe -especialmente dende a sinatura da Acta Única- que polo seu marcado carácter neoliberal “dirixen a unión a o desmantelamento de tódolos logros sociais tan duramente conseguidos en Europa dende a II guerra mundial” (Sami Nair), abrir unha vía social, democrática e respectuosa co medio ambiente que debe cubrirse cunha unión política acorde cos principios e institucións propios dunha democracia.
LECTURAS RECOMENDADAS:
Joseph E. Stiglitz: “El euro. Como la moneda única amenaza el futuro de Europa”.
Sami Nair: “Europa encadenada”.