A Unión Europea, un galo sen cabeza

Sede do BCE © Parlamento Europeo

Dende fai mais dunha década, diría que especialmente dende a crise bancaria (2008) a Unión Europea camiña como un galo sen cabeza, dando voltas sobre si mesma e con fracasos reiterados cada cal mais escandaloso. As causas hai que buscalas tanto en que esta Unión Europea non é quen de abandonalos dogmas a pesares de que estes, un día si e outro tamén, demostran o seu fracaso -por seren dogmas sen fundamento científico- como de que está sendo gobernada por unha burocracia enormemente incompetente. As evidencias están aí e podemos revisar, por caso, as mais recentes.

Fai unhas semanas o B.C.E (Banco Central Europeo) como medida para atallar a elevada inflación procedeu a subas dos tipos de xuro actuando dese xeito como si estiveramos diante dunha inflación de demanda cando, en realidade, se trata dunha inflación de oferta. Unha medida absolutamente contraproducente que, como xa sinalamos neste medio, "provocará que medre o desemprego, pechen miles de pequenas e medianas empresas e se disparen as débedas públicas e privadas: un desastre". Posteriormente o BCE, ao través da súa presidenta a señora Lagarde, en vez de emendalo erro mantívose na posición anterior asegurando que "a institución prestará atención a evolución a alza que están a rexistrar os salarios....o BCE subirá os tipos de xuro tanto como sexa necesario". En definitiva, o BCE segue dando voltas o redor do dogma monetario neoliberal aínda que este teña demostrado sobradamente o seu fracaso.

CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa parte a Comisión Europea (C.E.), querendo tamén dar novas mostras da súa fidelidade compartida aos dogmas neoliberais, quixo recordarlles aos gobernos europeos que o non cumprimento das regras fiscais fixadas no Tratado de Estabilidade e Crecemento Económico -un déficit non superior ao 3% do PIB, e unha débeda que non supere o 60% PIB-, permitido polo impacto da pandemia e a guerra de Ucraína, tiña carácter transitorio polo que cumpre ir pensando que hai que volver aos axustes fiscais -velaí, por caso, a "recomendación" de revisar o gasto público en pensións- e retomar a senda da austeridade expansiva. Unha senda que aínda que agora supón unha certa reforma das regras anteriores facéndoas mais flexibles, non resolve os vellos problemas polo que volverá a seren un fracaso polas mesmas razóns por que fracasaron as outras co agravamento da situación derivado da actual conxuntura económica a nivel mundial. 

Como si os disparates desta Comisión Europea foran xa poucos fronte a unha inflación incontrolada non se lle ocorre outra "xenialidade" que fixar un tope moi elevado ao prezo do gas -275 euros o megavatio/hora: na actualidade está en 180 euros pero fai dos anos estaba en 15 euros-. Unha decisión coa que a Comisión Europea intentaba contentar a Alamana e os seus satélites -Dinamarca e Países Baixos- que son grandes consumidores de gas e partidarios de non intervir no mercado por temer pola seguridade do subministro con un prezo menor. Unha decisión que, a pesar diso, prexudica claramente ao resto dos estados da Unión Europea. Con razón a Ministra de Medio Ambiente de España, a señora Teresa Ribera, a cualificaba como "unha tomadura de pelo". Como era previsible a proposta da Comisión Europa remataría non sendo aceptada ao seren rechazada por unha maioría de 14 membros -so votaron a favor Alamana, Dinamarca e os Países Baixos-.

Un novo fracaso da Comisión Europea, agora en algo tan relevante como no prezo da enerxía que está sendo un dos principais causantes de que se dispare a inflación. Incapaz de regular o mercado enerxético -por falta de acordo entre os estados membros- a Comisión Europea segue poñendo parches pero sempre tanto defendendo os intereses dos grandes grupos oligopolistas, neste caso da enerxía, como actuando ao ditado de Alamana e os seus satélites. Unha dinámica que fai que de novo chegue tarde e mal a un problema clave.

Con un Banco Central Europeo (BCE) que actúa ao ditado dos grandes bancos europeos e unha Comisión Europea (CE) dirixida por burócratas incompetentes e nada respectuosos coa democracia, Europa -a Unión Europea- é un galo sen cabeza que vai dando tombos e a quen, como vemos agora na guerra en Ucraína e tamén no mercado do gas, os Estados Unidos manexa ao seu antollo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.