O BCE volve enleala

A actual inflación é unha inflación de oferta -enerxía, cadea de valor....- polo que tomar medidas como a suba dos tipos de xuro que afectan maiormente a demanda é un enorme erro de perspectiva © Manuel López

Unha das condicións que no seu día puxo Alemaña para aceptar a UEM (Unión Económica e Monetaria) foi a de que esta unión tiña que adoptar os "dogmas" -digo dogmas por que realmente se trata diso: teses sen fundamento científico- do ordoliberalismo alemán que a nivel bancario supuxo que o novo BCE debía seguir a senda marcada polo Bundesbank e, non por caso, a da Reserva Federal ou o Banco de Inglaterra. Unha senda que marcou que dende o primeiro momento a función central do BCE sería o control da inflación (Art.2, Capitulo 2 Estatutos do SEBC e do BCE).

A historia recente tenos ensinado que en situacións recesivas como a presente subir os tipos de xuro é un enorme erro Dominio Público pxfuel

Por si esta limitación de funcións non fora suficiente o ordoliberalismo alemán tamén impuxo que o BCE adoptara como principio as teses monetaristas que no caso que nos ocupa, a inflación, explican que esta se debe fundamentalmente, que non exclusivamente, a unha presión dos custos (inflación dos custos) e, en concreto, dos salarios -os prezos soben por que os empresarios para contrarrestar a suba dos salarios teñen que subilos prezos dos produtos-. Diante desta situación os gobernantes deben tomar medidas de moderación salarial e de redución da capacidade negociadora do movemento sindical.

Estas teses tamén apuntan a que a demanda monetaria é outra das variables que dispara a inflación. Neste caso o que procede que fagan as autoridades monetarias, segundo estes ordoliberais, e endurecer a oferta monetaria subindo os tipos de xuro como, por caso, ven de facer o BCE (Banco Central Europeo) por tres veces: 0,5% en xullo, 0,75% en setembro e 0,75% en outubro -2% en total-.

A historia recente e tamén a mais lonxana -principios do século XX- tenos ensinado que en situacións recesivas como a presente subir os tipos de xuro é un enorme erro pois favorece, cando non as produce directamente, as recesións que en non poucos casos rematan converténdose en depresións. Unha historia que pon en evidencia como as teses nas que se basean os Bancos Centrais, e coas que xustifican as subas dos tipos de xuro, son "puras burradas" ou si se quere dogmas sen consistencia, sen base nin empírica nin científica.

Practicamente todo o mundo sabe, tamén moitos dos responsables dos bancos centrais, que a actual inflación é unha inflación de oferta -enerxía, cadea de valor....- polo que tomar medidas como a suba dos tipos de xuro que afectan maiormente a demanda é un enorme erro de perspectiva que provocará que medre o desemprego, pechen miles de pequenas e medianas empresas e si disparen as débedas públicas e privadas: un desastre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.