A Universidade. Un servizo público tamén subtraído

Estatua de Alonso III de Fonseca © USC

Desde o apousento:

En todas as titulacións, tanto as clásicas como as que se foron creando, algunhas de forma artificial para satisfacer intereses internos e externos, fóronse implantando ou modificando os planos de estudos para adaptarse a algo que a retórica da oferta universitaria chama: “demandas da sociedade”. Se aplicamos o rigor propio da ciencia, teriamos que dicir “demandas do mercado”. 

Xubilado, retirado ou apousentado como din os irmáns portugueses e a min me gusta. Concibir o retiro como un apousento para descansar e mirar o mundo coa obxectividade que permite non estar dentro da batedora. Hai 4 anos que rematei a miña vida laboral na Universidade de Compostela mais sigo en contacto, observo con interese os acontecementos e partillo coas moitas amizades que aínda non chegaron ao apousento.

Comparto estas miñas opinións aínda que, inmersos na roda e na lóxica da actualidade que consumimos como incuestionable, podan parecer anacrónicas. Pois non deixei de considerarme traballador da USC e son desa xeración que viviu o proceso da transición, onde se produciu a transferencia de competencias e os intentos de democratizar a universidade. Malia que a realidade nos demostra que é unha misión para a que se precisarían reformas estruturais que a propia estrutura non permite reformar, hai actitudes, loitas colectivas, que nos fixeron soñar, e como declarou o grande Álvaro Cunqueiro, «o home precisa en primeiro lugar, como quen bebe auga, beber soños». 

En 1987 prodúcese a transferencia das competencias de educación superior á Xunta de Galicia, un ano despois de que se iniciara a hexemonía dun sindicalismo galego tan participativo que durante unha década no cadro do Persoal de Administración e Servizos (PAS) Laboral, onde se podían negociar o reparto da masa salarial, as subas eran progresivas para evitar que a diferencia entre os salarios máis altos e os máis baixos se incrementasen: o grupo VII podía ter unha suba do 8% e o grupo I un 3%, e o máis formidable é que estes acordos eran validados en asembleas co apoio dunha parte importante do persoal dos grupos altos. E o PAS funcionario acordaba as famosas “Normas de Xestión” referenciais en todo Estado. Esta conciencia sindical fixo que nos órganos de representación: Claustro, Xunta de Goberno, etc. a representación do PAS fose unha voz moi autorizada e respectada.

Asegúrovos que non estou afectado de ningunha nostalxia que me leve a pensar que tempos pasados foron mellores, só intento analizar os cambios que se produciron, que non son tan distintos aos que se produciron na sociedade en xeral, mais a universidade representa un laboratorio útil para comprendelos.

 

O proceso de mercantilización:

En todas as titulacións, tanto as clásicas como as que se foron creando, algunhas de forma artificial para satisfacer intereses internos e externos, fóronse implantando ou modificando os planos de estudos para adaptarse a algo que a retórica da oferta universitaria chama: “demandas da sociedade”. Se aplicamos o rigor propio da ciencia, teriamos que dicir “demandas do mercado”. Ven a ser o obxectivo declarado en Bolonia “1999”. Nos primeiros anos máis enfocado á unha formación teórica e co tempo orientado á experiencia profesional con prácticas en distintos organismos, para que os estudantes puidesen desenvolver as habilidades técnicas e instrumentais demandadas polo mercado.

A evolución dos plans de estudos en xeral. Convido a que se comparen e se analicen os sucesivos de calquera titulación, especialmente das ciencias sociais. Foi unha adaptación constante ás demandas do mercado de traballo, ao desenvolvemento profesional, deixando un espazo residual á formación intelectual e crítica. Unha tendencia que se reflicte tamén na produción investigadora, pois o mercado non demanda só asesores de marketing e prospeccións mercantís, tamén se apropia da produción investigadora para convertela en negocio. As necesidades do mercado rara vez son coincidentes coas necesidades sociais. É importante telo en conta, pois isto deixa a sociedade indefensa fronte as consecuencias da revolución tecnolóxica que non somos capaces nin de imaxinar. Poden representar un progreso que nos faga marabillosamente libres ou ferramentas de poder que nos escravicen. Aínda que o economicismo neoliberal ao que os analistas denominan “grande consenso de Washington” insista nesa retórica da confusión. Ignacio Ramonet recuperou en 1995 o concepto que Herbert Marcuse expresa no “Home unidimensional” para explicar a paisaxe ideolóxica posterior á caída do muro de Berlín: O Pensamento único. Un pensamento e unhas condutas que nunha institución como a Universidade resultan aínda máis desalentadoras. 
 

O Plan Bolonia:

É moi clarificador que o Plan Bolonia se enmarcase dentro do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AXCS) asinado en 1995, co obxectivo declarado de "liberalizar o comercio de servizos" a escala mundial

A Universidade e un organismo autónomo, que ten garantida a súa autonomía no artigo 27 da Constitución como Dereito Fundamental. Porén, ademais de ter unha autonomía sempre condicionada a un financiamento que decide a Xunta de Galicia con estratexias orzamentarias que abocan as Universidades Galegas a competir baixo criterios e obxectivos impostos. E faino porque pode. As Universidades teñen atavismos estruturais que as fan inmobilistas, con un déficit democrático crónico que as debilita. O Persoal Docente e Investigador ten garantido por lei o 51% da representación en todos os órganos de representación e de goberno. A USC tiña en 2022: 1.216 PAS, 2.174 PDI e 23.800 Estudantes. Porén a representación nos órganos onde se toman as decisións, Claustro Universitario e Consello de Goberno, é a seguinte: as distintas categorías de Persoal Docente e Investigador 62% Persoal de Administración e Servizos 10% e Estudantado 28%. Esta desproporción, que é cuestionable desde o punto de vista democrático, tamén é garante de que as decisións, acordos e normas aprobadas nestes órganos, respondan aos intereses corporativos do PDI: desde os Plans de Estudos ás políticas de investigación. É tan atávica a súa estrutura que non hai Goberno nin Ministerio, por moi progresista e ousado que sexa, capaz de realizar calquera transformación que non sexa gatopardiana.

O Proceso de Bolonia ou Plan Bolonia, iniciado a partir da declaración homónima, acordo que en 1999 asinaron os ministros de Educación de diversos países de Europa (da UE e doutros como Rusia ou Turquía) na cidade italiana. Foi unha declaración conxunta, pois a UE non ten competencias en materia de educación, que deu inicio a un proceso de converxencia e adaptación do contido dos estudos universitarios ás demandas do mercado. Esta declaración de Bolonia conduciu á creación do Espazo Europeo de Educación Superior, un ámbito que serviría de marco de referencia ás reformas educativas que moitos países, os que se incorporaron ao espazo, terían que iniciar nos primeiros anos do século XXI. É moi clarificador que este acordo se enmarcase dentro do Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AXCS) asinado en 1995, co obxectivo declarado de "liberalizar o comercio de servizos" a escala mundial. A OMC integrada por 151 Estados, incluíndo a toda a Unión Europea, considerou explicitamente o financiamento público como un elemento de distorsión do mercado. Tratábase de conseguir a liberalización dos servizos.

Estatua de Alonso III de Fonseca © USC

Proceso da implantación do Plan Bolonia:

O primeiro que se di pretender é “a titulación recoñecida polo Espazo Europeo de Educación Superior”, harmonizar os distintos sistemas educativos da UE para proporcionar un intercambio rápido e eficaz. O resultado son materias máis breves e con menos profundidade.

O segundo suposto avance é o “seguimento personalizado e avaliación continua”, un concepto interesante que implica entre outras cousas a substitución dos exames tradicionais, mais neste caso reduciuse a un sistema de avaliación constante e sostido no tempo que obriga ao estudantado a levar as tarefas ao dia e estar preparados para examinarse en calquera momento. Competir permanentemente nunha carreira chea de atrancos. Cuestión que imposibilita a conciliación dos estudos con outras obrigas, afectando especialmente a aquel alumnado que por falta de medios para estudar na universidade necesita compatibilizar traballo e estudo. A isto súmase o encarecemento e a obrigatoriedade dos másters para darlle á universidade un carácter máis elitista. Flagrante contradición con conceptos que tamén se formulan no plan como: xestión da propia aprendizaxe ou aprendizaxe permanente. 

Outro aspecto é a importancia de coñecementos prácticos nos Plans de Estudos, algo tamén enganoso, xa que non se trata de aplicar o principio do ensino experimental, trátase máis ben de elaborar plans de estudos ad hoc para a demanda empresarial con prácticas, coñecementos de lingua estranxeira, etc. Aprendizaxes técnicos e instrumentais en detrimento, como xa dixen, de materias que motivan a reflexión e educan o espírito crítico. Efectivamente, aprendemos o que facemos. Hai unha cita atribuída a Confucio que di: “Contáronmo e esquecino. Vino e entendino. Fíxeno e aprendino”. Sempre reproducimos os comportamentos practicados. Máis aquí tamén están incluídos os comportamentos sociais, cuestión que este sistema exclúe completamente. Non queda espazo para a socialización, para imaxinar ou soñar o mundo de maneira integral.

A privatización do Ensino Superior non consiste só en crear universidades privadas. Como viña dicindo, a lóxica da mercantilización opera no terreo da investigación até o punto de que todas as universidades, impulsadas por un financiamento insuficiente e estruturado de maneira que as aboca a competir, centraron as súas estratexias en captar financiamento privado

Por último hai outros aspectos que tamén teñen moito de perversión, o traballo en equipo e a substitución da clase maxistral polo traballo autónomo. Os enunciados son atractivos e soan a unha pedagoxía máis activa e participativa. A perversión na práctica está en que non é máis ca un traballo en grupo que non é colaboreativo senón fragmentado, “compartimentalizado”, as clases maxistrais non se substituíron por traballo participativo senón por máis traballo e máis esixencia para o alumno, que redunda en máis ocupación, máis illamento e menos reflexión.

Alasdair Chalmers MacIntyre, que reflexionou sobre o fenómeno da "compartimentalización" di: “En gran medida, un dos inconvenientes máis graves que se desprenden da fragmentación do saber, é que, curiosamente, se vai perdendo a capacidade de reflexionar en profundidade”. As condicións perfectas para que os instrumentos tecnolóxicos, riqueza e poder se concentren fronte a unha sociedade cada vez máis indefensa.

Desde o bacharel, con un currículo escolar e unha EBAU que constitúen todo un despropósito, furtando no posible a experiencia en colectividade e a análise critica e pechando as portas da Universidade a milleiros de rapazas e rapaces. O alumnado entra nunha carreira sen descansos, na que os espazos para socializar quedan limitados á marxe do sistema e na que a Filosofía e as artes desaparecen substituídas por tendenciosas materias de marketing e economía de mercado. Unha cuestión que merece reflexión en profundidade alén do slogan: “Ensino Público e de Calidade”, que compartimos desde logo, mais trátase dun combate cultural que non se gaña só con máis medios. O feito de que Nais e Pais non expresen protestas fronte a limitación de prazas nas universidades é ben sintomático.


A investigación:

A privatización do Ensino Superior non consiste só en crear universidades privadas. Como viña dicindo, a lóxica da mercantilización opera no terreo da investigación até o punto de que todas as universidades, impulsadas por un financiamento insuficiente e estruturado de maneira que as aboca a competir, centraron as súas estratexias en captar financiamento privado. Grande parte da produción de coñecemento, sobre todo do científico tecnolóxico, transfírese directamente a empresas privadas. Parte dese coñecemento pode ter unha consecuencia indirecta nos avances sociais, mais en forma de patentes privadas destinadas ao negocio. Sería máis correcto pois, falar de transferencia de coñecemento a grandes corporacións, empresas, a spin off ou a outras modalidades dos programas chamados de “emprendemento”. Non se transfire directamente a sociedade que paga esa investigación cos seus impostos. Outra consecuencia derivada é que as áreas de humanidades sexan discriminadas nos orzamentos das propias universidades. Pouco a pouco foise normalizando a mercantilización da Universidade Pública e con iso desaparece a perspectiva global pola fragmentación do saber. Pérdese, permitídeme que me repita, a capacidade de reflexionar en profundidade. Di Pablo Levín: “A ciencia moderna é unha criatura do sistema de produción e de vida que permitiu á humanidade elevarse ata os limiares da civilización universal. Hoxe, sen embargo, este sistema volveuse incompatible coa vida civilizada, e coa vida mesma, e é a súa maior ameaza”

Hai unha inevitable transposición desta aculturación á todos os espazos de representación e de poder. Un poder que, dicilo non é nin novidoso nin orixinal, non está nos gobernos que a cidadanía elixe cunha liberdade moi condicionada, foi substituído por un novo poder, planetario ou global, que escapa totalmente ao control democrático. Autores e autoras como: Emilio Gentile, Michela Murgia, Timothy Snyder ou Madeleine Albright, nada sospeitosas de radicalismos; Madeleine Albright por exemplo foi a primeira Secretaria de Estado dos EU, ven nisto a expresión dun neofascismo ou posfascismo. A incerteza, o medo e a desesperanza están instalados, son un poderoso fertilizante reaccionario e un paralizante que, entre outras cousas, alimenta a máis poderosa industria do planeta: a industria do medo. Ben protexida pola lóxica da seguridade, que sempre serviu e serve para xustificar represións e guerras. Creo que isto explica ben o auxe da dereita máis ultra e reaccionaria.

O Panorama:

Se a liberdade do persoal investigador consiste en cumprir os Plans de Estudos e poder asinar contratos de investigación para vender o coñecemento, que é patrimonio social, ao capital privado; se lle arrebatamos á mocidade a experiencia colectiva e social condicionando toda a súa vida universitaria con traballo e obxectivos para mantela ocupada nunha actividade incesante que impide a reflexión e a crítica; o resultado é previsible

A fragmentación; os espazos comúns nos que compartir a vida universitaria cos seus descubrimentos no proceso de formación humana e intelectual e os proxectos, substituídos por cuartos ou cabinas de estudo e proxectos individuais. A potenciación da competitividade e o valor do éxito persoal como único alicerce. Os rankings internacionais con grande visibilidade mediática: ARWU, THE, Webometrics , QS, SIR… nun contexto mundial que establece clasificacións e avaliacións con criterios mercadotécnicos, aínda que se presentan como medicións “obxectivas” de calidade de todas as universidades do mundo teñen todos os nesgos da xeopolítica e dos intereses xeoeconómicos que se replican até o ámbito máis local coma os cromosomas.

Factores internos como o relevo xeracional tamén condicionan a transmisión da cultura de xestión e a ética de Servizo Público vaise relaxando. Isto mais as dinámicas sociais están configurando unha universidade que perdeu o espírito participativo e trunfa unha cultura sindical e unha xestión que pasa polo forro os principios de “igualdade, capacidade e mérito”. A facilidade con que se saltan os dereitos e se actúa discrecionalmente está destruíndo unha cultura de participación e compromiso co Servizo Público que foi aceno de identidade do PAS no Sistema Universitario Galego. Se o persoal traballador da Administración Pública perde a conciencia de tal, como parece que está pasando, prodúcese unha alianza perversa cos poderosos intereses en desprestixiar os Servizos Públicos.

A realidade cambia sen darnos tempo a ver os contextos e sen permitirnos controlar os procesos. Existe moita literatura sobre como analizar os contextos para mellorar a capacidade de adaptación das organizacións, entre elas as universidades, xestionadas cada vez máis con criterios de competitividade empresarial. Mais a procura de adaptación permanente esquece os ideais de transformación. Onde quedan os soños e a esperanza do estudantado? A mocidade necesita crer, soñar e equivocarse, mais a sociedade, o sistema comezando pola Universidade, non da segundas oportunidades. Arrebatóuselles o dereito a equivocarse, que é segundo dixo Ortega, o gran dereito da xuventude. 

Se a liberdade do persoal investigador consiste en cumprir os Plans de Estudos e poder asinar contratos de investigación para vender o coñecemento, que é patrimonio social, ao capital privado; se lle arrebatamos á mocidade a experiencia colectiva e social condicionando toda a súa vida universitaria con traballo e obxectivos para mantela ocupada nunha actividade incesante que impide a reflexión e a crítica; o resultado é previsible. Que sociedade lle deixamos ás xeracións futuras. E, sobre todo: que xeracións lle deixamos á sociedade futura?. 

Malia todo, desde o optimismo da vontade, espero e confío de verdade en que a capacidade de rebeldía exceda os cálculos do Sistema.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.