O galego vai progresando cara á súa desaparición. Os últimos datos estatísticos son teimosos na súa contundencia: década tras década a nosa lingua perde falantes, de xeito paulatino e sen reversibilidade ningunha
O galego vai progresando –é ironía usar este verbo na súa primeira acepción obviando o significado da súa segunda– cara á súa desaparición. Os últimos datos estatísticos son teimosos na súa contundencia: década tras década a nosa lingua perde falantes, de xeito paulatino e sen reversibilidade ningunha. Logo están as interpretacións que se queiran facer dende calquera posición ideolóxica: que se é o resultado da simple “evolución” social ou que se é a consecuencia da secular persecución lingüística que xamais cesou. En verdade, ámbalas explicacións non se contradín e inclusive se complementan, porque ambas son certas. Ende mal, se non se corrixe a tendencia, o noso idioma seguirá o mesmo camiño que, desgraciadamente, levan a maioría das linguas mundiais cara á súa extinción. As predicións a respecto da diversidade lingüística no planeta dentro dun ou dous séculos son similares ás existentes sobor da diversidade de especies de fauna e flora.
Na nosa terra temos dúas linguas oficiais con semellantes dereitos pro diferente status
Na nosa terra temos dúas linguas oficiais con semellantes dereitos pro diferente status: unha tes a necesidade de usala –as situacións que xustifican esta afirmación son innúmeras– e o deber de sabela –Constitución española, artigo 3, punto 1–, a outra só o dereito de usala pro sen ningunha obriga de a coñecer. Se ambas ocupan o mesmo territorio, adiviñen cal delas vai prevalecer?
Á parte desta paulatina extinción estatística do noso idioma vaise dando outra que pasa moito máis desapercibida: a desaparición por asimilación
Mais, aínda que as leis e a realidade social están en contra, non toda a culpa recae nelas, de feito, coido que unha parte importante da sociedade galega ten a crenza de que “a lingua propia de Galiza” –Estatuto de autonomía de Galicia, artigo 5, punto 1– non é necesaria pra ser cidadáns de Galiza: pódese ser simplemente “gallego” sen saber galego, porque este non forma parte esencial de ser galego. Nas últimas eleicións ao parlamento galego o representante do partido ultradereitista VOX, vigués de nacemento e residencia, afirmou que o lugar que lle reservaban ao noso idioma era protexelo como un elemento folclórico máis. Estou convencido de que ningún castelán, andaluz, estremeño ou murciano pode albergar un sentimento similar a respecto do seu idioma propio, mais velaquí unha das grandes desvantaxes de ser unha colonia: a percepción de inferioridade do propio.
Os responsábeis de codificar e normativizar a nosa lingua decidiron que canto máis se asemellase á lingua oral –unha fala xa moi interferida– e visualmente ao castelán, máis doado sería de aprender e asumir polo falante popular e mailo neofalante; pro o resultado é que a maior coincidencia co castelán, máis innecesario faise pra calquera falante de castelán, que acaba por velo como unha sorte de dialecto rexional
E, no entanto, á parte desta paulatina extinción estatística do noso idioma vaise dando outra que pasa moito máis desapercibida: a desaparición por asimilación. Nesta o galego vaise diluíndo e confundindo coa lingua que o está a substituír: o castelán. Tamén é un fenómeno lingüístico ben documentado noutras partes do mundo, sobor todo cando as linguas en conflito son bastante similares. Mais no noso caso concorre un matiz rechamante: é o resultado dunha decisión lingüística suicida. Explicareime. Os responsábeis de codificar e normativizar a nosa lingua decidiron que canto máis se asemellase á lingua oral –unha fala xa moi interferida– e visualmente ao castelán, máis doado sería de aprender e asumir polo falante popular e mailo neofalante; pro o resultado é que a maior coincidencia co castelán, máis innecesario faise pra calquera falante de castelán, que acaba por velo como unha sorte de dialecto rexional.
Pra contrarrestar este desvío redutor que nos empobrece e asimila o galego sempre dispuxo, e aínda dispón, dunha ferramenta podente como solución: usar o portugués como modelo; mais parece que hai importantes intereses na súa contra.
A realidade é que se pode vivir en Galiza sen saber galego pro non sen saber castelán, e cando unha lingua non é necesaria, desaparece, aínda que sexa aos poucos, coma no noso caso
Por que a normativización do galego optou polo modelo ortográfico castelán? O motivo era non crear unha lingua estándar arredada da oralidade, que se vise como algo artificial, obviando tódalas deturpacións que esa mesma oralidade presentaba após varios séculos de influencia castelanizante. Asumilas, como se fixo en boa medida, foi aceptar unha lingua que perdera unha parte substancial da súa especificidade lingüística, e disociar a lingua contemporanéa da lingua antiga e do seu idioma máis próximo. A escolla ortográfica, tan fundamental prá difusión de calquera lingua, foi unha decisión suicida, como o futuro foi demostrando, e dunha incoherencia lingüística supina. Se había un modelo perfeitamente imitábel na súa maior parte e que gozaba dun evidente prestixio, por que se obviou? E a única resposta lóxica que atopo é “por unha cuestión política”, inda que xustificada con argumentacións lingüísticas, xaora. A “cuestión política” era crear unha lingua rexional española en contra dunha lingua claramente vinculada con outra estranxeira, e isto só era posíbel se se achegaba o máximo posíbel o padrón culto á “lingua española”, pra que se percibise por parte dos falantes ese nexo, que nunca verían se o padrón se asemellaba ao portugués. Non me atrevo a afirmar que na intención dos normativizadores estivese a desaparición do galego, mais si a máxima diferenciación posíbel co portugués, unha lingua estranxeira como é percibida maioritariamente pola sociedade galega. A ortografía do galego acentúa a españolidade do mesmo, e isto foi unha decisión política.
Concluíndo, o galego desaparece lenta pro inexorabelmente por dous motivos: a perda de falantes, porque o seu papel na sociedade galega é secundario, grazas ás leis e maila política do estado español e da Xunta de Galiza; e a súa asimilación lingüística polo castelán, facendo que o galego oral se converta, en verdade, nunha mestura de galego e castelán que fai cada vez menos necesario a aprendizaxe do galego pra un castelanfalante e haxa un perda de prestixio innegábel. A realidade é que se pode vivir en Galiza sen saber galego pro non sen saber castelán, e cando unha lingua non é necesaria, desaparece, aínda que sexa aos poucos, coma no noso caso.