A vitoria do nacionalismo escocés

Para entendérmonos ben os resultados electorais do pasado xoves na Escocia, compre entender o seu sistema electoral. O Parlamento escocés conta con 129 escanos (“seats”), dos que 73 (“constituency seats”)  elíxense a medio dun sistema maioritario (gaña o escano o que gaña por maioría simple) e 56 elíxense a medio dun sistema proporcional. a razón de 7 por cada unha das 8 rexións electorais nas que se divide o país.

É un sistema pensado para que non haxa maiorías absolutas. E malia isto, no 2011 os nacionalistas do SNP acadaron ésta (69/129 deputados). Agora ficaron dous escanos por baixo dela (63/129), malia que aumentaron os seus votos na elección maioritaria dos 73 distritos uninominais (46,5% agora fronte ao 45,4% no 2011). En calquera caso, os verdes, que tamén votaron a prol da independencia no plebiscito de setembro de 2014, acadaron 6 escanos, con máis do 6% do voto ás listaxes rexionais. Xa que logo, sentarán na sede de Holyrood 69 deputados a prol da independencia fronte aos 60 unionistas. Un grande éxito para a first minister Nicola Stugeon, quen repetirá mandato gobernamental, que será xa o terceiro para o SNP.

No unionismo produciuse unha reasignación de voto a prol dos conservadores de Ruth Davidson, que obtiveron 31 escanos (tiñan 15), fronte á grave derrota laborista (gañan 24, perdendo 13 escanos). Os conservadores gañaron todos os distritos uninominais dos borders lindanets con Inglaterra e o centro de Edinburgh e os laboristas perderon votos fronte aos nacionalistas, os verdes e os propios tories. Pola súa banda, os lib dem mantiveron os seus votos e escanos, malia que perderan a cuarta praza fronte aos verdes.

Os tories perderan votos a moreas na Escocia das resultas da política desindustrializadora desenvolvida por Margaret Thatcher nos 80 do século XX, que xerou moita dor e pobreza interxeracional en moitas comarcas escocesas. A súa recuperación actual, da mán de Ruth Davidson (37) ten máis a ver coa clave nacional ou territorial. Os novos votantes dos tories son antigos labour ou lib dem que buscan un referente unionista. Sinal inequívoco da forteza do independentismo na Escocia.

A cidadanía escocesa, xa que logo, vaise aliñando en clave nacional, alicerzándose o independentismo no centro-esquerda e o unionismo na dereita.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.