A voltas co emprego

Hai unha coincidencia xeral en que a EPA (INE) aínda que non resulta perfecta, pois ten notables fallos, é a mellor fonte estatística sobre o mercado laboral de España e, xa que logo, de Galiza. Ten fallos evidentes, como, por caso na consideración de persoa empregada (basta con que se traballe 1 hora a semana), nembargante é a mais fiable. Por esta razón vouna utilizar para fundamentar a miña opinión sobre o mercado laboral de Galiza.

A última EPA (4º trimestre do 2017) recollía estes datos básicos relativos ao emprego en Galiza: 1.237.900 activos, 1.055.800 empregados e 182.100 parados. Esa mesma fonte recollera que no comezo da grande recesión (EPA 4º trimestre do 2008) a situación do emprego en Galiza era a seguinte: 1.324.100 activos, 1.195.100 empregados e 129.000 parados.

Comparando os dous períodos atopámonos con que Galiza nesta década –ocupada case toda ela pola grande recesión- perdeu polo camiño 86.200 activos e 139.300 empregos e gañou 53.100 desempregos. A pesar de levar tres anos seguidos de crecemento do PIB, Galiza non recuperou aínda a situación laboral –activos, empregos, parados- que tiña antes de que estourara a crise financeira que dou paso a grande recesión económica. Non a recuperou e parece que tardará tempo en logralo: a pesar da perda de activos o desemprego medrou froito da debilidade do propio mercado laboral como subliña a elevada perda de empregos. Unha debilidade que queda ben reflectida nos seguintes indicadores: baixas taxas de actividade (53%) e de ocupación (45,2%) pero elevada de paro (14,7%). Comparémolos coas medias españolas: taxas de actividade (58,8%), de ocupación (49,1%) e de paro (16,5%). A pesares dunhas menores actividade (-5,8%) e ocupación (-3,9%) o paro mantense igualmente en valores elevados (-1,8%).

Finalmente, e neste repaso dos principais indicadores do mercado laboral galego cabe destacar que ao mesmo tempo dispáranse os contratos temporais e hai unha importante caída do salario real medio. Dinámicas que se viron favorecidas polas sucesivas reformas laborais neoliberais (2010, 2011 e 2012) aplicadas durante a grande recesión.
Que está pasando realmente no mercado laboral de Galiza?: que a demanda non cobre a oferta –problema sistémico da economía galega-. O mercado laboral de Galiza, como tódolos mercados laborais, pon en evidencia a falsidade da teses neoliberais, mercados eficientes e condutas racionais, quen defenden que a oferta e a demanda do traballo, como as de calquera outra mercancía, tenden automaticamente a equilibrarse, punto do pleno emprego, e que si, por caso, iso non sucede débese a que existe un problema na oferta –os traballadores desempregados non queren aceptar o salario de equilibrio-. Noutras palabras: que se hai desemprego a culpa é dos traballadores desempregados por non aceptar traballar polos salarios que se lles ofrecen (salario de equilibrio) que garantan o pleno emprego. Velaí a necesidade, segundo estes gurús do neoliberalismo, de flexibilizar o mercado laboral para garantir que os salarios se adaptan –baixan- ao mercado.

Claro que si acudimos de novo as estatísticas e esta vez as que nos ofrece o SPE (Servizo Público de Emprego), que recollen as modalidades de contratación, as citadas teses quedan, unha vez mais, en evidencia. En Galiza multiplícanse exponencialmente os contratos (9.000 mais so no mes de xaneiro) sen poder por iso impedir que medre o desemprego (12.000 empregos menos). A pesares da forte caída dos salarios reais (un 3% en termos medios  reais pero que se dispara a un 12% no caso dos salarios mais baixos) e o fortísimo incremento dos empregos precarios (mais de un terzo dos novos contratos teñen unha duración inferior a unha semana e duplícanse os contratos a tempo parcial) o desemprego segue en niveis moi elevados (14,7%). Evidencias empíricas que confirman a falsidade das teses neoliberais: non é que os traballadores rexeiten os salarios ofertados senón que a demanda non cobre a oferta como se pode ver, por caso, na caída do número de horas traballadas (4.450.000 horas menos ao mes en relación a cando estourou a crise: unha media equivalente a 5,3 horas menos por asalariado).

Por que sucede isto? Se nos centramos no emprego asalariado e atendemos as cifras oficiais vemos como a caída do emprego afecta tanto ao sector público (15% dos empregos perdidos durante a grande recesión) como ao sector privado (85%). Importantes estes datos por dúas razóns: 1. Galiza é, de seu, unha comunidade con unha moi baixa ocupación (49,1%) polo que precisa dun potente sector público para que tire da mesma. 2. Pero Galiza é unha comunidade na que o peso do emprego público é tamén moi baixo (o emprego asalariado público apenas ocupa ao 15% da poboación activa galega) por mor, entre outras razóns, do deficitario estado de benestar (en Galiza o persoal asalariado nas funcións públicas de benestar apeas supón o 12,1% do total asalariado e/ou o 8,2% dos activos). Hai, xa que logo, unha primeira conclusión evidente: os poderes públicos –tanto a Xunta de Galiza como o Goberno de España- contribúen directamente, coas súas políticas austericidas, a perda de empregos e, xa que logo, a baixa ocupación en Galiza. Velaí, por caso, que co gallo dos recortes o número de empregos perdidos en Galiza nas funcións publicas de benestar superou a cifra dos 5.000 (Datos recollidos dos Boletíns Estatísticos do persoal ao Servizo das AAPP) a pesares da enorme precarización –flexibilización- introducida no sector público galego (a taxa de temporalidade no sector público galego ronda o 25%). Unha practica que o propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea considera ilegal.

Perda de empregos públicos aos que hai que sumar os habidos no sector privado e que foron maioría (85%). Para entender esta perda de empregos no sector privado hai que ter en conta que o desemprego sole producirse por un desequilibrio entre a demanda e a oferta globais, mais exactamente pola realidade da demanda de bens e servizos cuxa debilidade fai que as empresas non vendan e se non venden nin invisten nin producen, e se non producen non contratan traballadores aínda que os salarios sexan extremadamente baixos, como sucede agora en Galiza. Se analizamos esta década comprobaremos que os empregos diminuíron (-139.300) ao par que caía a demanda agregada (13 puntos en termos reais) e ambos ao tempo que os salarios tamén caían (3% de media). Un período no que, por mor das reformas laborais, hai unha maior debilidade sindical e, xa que logo, unha merma da negociación colectiva (actualmente so o 25% dos traballadores asalariados galegos teñen un convenio con vixencia expresa: a metade en relación ao ano 2008. Unha merma que explica a citada caída dos salarios reais que, nembargante, non foi quen de provocar que aumentaran os empregos. Unha caída dos salarios reais que se acompaña no tempo dunha fortísima caída do investimento privado (-54,5% en termos reais). Importantes evidencias que desmenten as teses neoliberais dominantes sobre o emprego e a súa relación cao desregulación do mercado laboral e cos salarios. Evidencias que camiñan en sentido contrario a esas teses neoliberais. Galiza é un caso de libro: unha parte moi importante das empresas galegas están orientadas preferentemente ao mercado interno polo que as súas vendas dependerán da masa salarial que canto mais reducida sexa mais dificultades terán aquelas xa que diminuirá a demanda global e con ela as súas vendas.

Velaí a realidade do mercado laboral galego. Cunhas administracións públicas que apostan pola austeridade fiscal, a precariedade laboral e o deterioro das funcións públicas de benestar e cun sector privado no que mingua a negociación colectiva e practicamente se desploma a demanda, o impacto negativo sobre o emprego está mais que asegurado.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.