A voz de quen?

Leo nun artigo de Marcos Perez Pena que a cuberta dun xornal reflicte a imaxe da  sociedade que ese medio quere transmitir. Son cubertas famosas as do diario francés Libération (La Une), ou as do ABC, que enchen o 100% da páxina cunha foto a toda cor que singulariza a publicación en calquera quiosco.

Coincide a lectura desa análise sobre o panorama dos medios en Galiza con que levo case tres semanas, froito dunha intuición nebulosa, anotando como xestiona as súas cubertas a edición de La Voz de Galicia en Vigo

Coincide a lectura desa análise sobre o panorama dos medios en Galiza con que levo case tres semanas, froito dunha intuición nebulosa, anotando como xestiona as súas cubertas a edición de La Voz de Galicia en Vigo. Non toda a cuberta, as miñas anotacións limítanse á fotografía principal, que é onde as redaccións se mostran máis creativas verbo da imaxe que queren transmitir.

Unha desas fotografías foi para Rato e Blesa, aos que o xuíz deixaba en liberdade e sen medidas cautelares despois de seren condenados polo caso das tarxetas black. Outra para a Festa da Arribada celebrada en Baiona. O día seguinte a foto titulaba: “A complicada viaxe da dovela xigante”. Que non sabedes o que é unha dovela? Pois unha peza do taboleiro para a ampliación da ponte de Rande que quedou atoada nunha área de servizo da autovía das Rías Baixas, aló por Ribadavia. 24 horas despois, para que non se pensase que a obra corría perigo, a foto era de outra peza similar que non tivera problemas de transporte: “En Rande xa hai unha dovela xigante” titulábase. “Xa”, “Rande” e “xigante”... Queda claro?

Outro día a foto referíase ao tempo: “Onte 30 graos e mañá neve por riba dos 1000 metros”. Durante o verán a metade das cubertas falarán da calor, coma no inverno do frío, pero nesta altura o asunto parecía collido polos pelos. En Vigo nin unha cousa nin outra. O día anterior houbera 26 graos e o día seguinte pasou dos 15. Unicamente se collemos a máxima de Ourense e buscamos a neve nas umbrías de Pena Trevinca... pero non era a Voz de Vigo?.

O día seguinte... a ver como volo explico. Resulta que o gordo da lotería caeu nunha ocasión en Vigo, no ano 1974. Fora un premio repartido porque se vendera en participacións nun bar de nome “O Compostelano”. Na cuberta viña a foto actual do dono de aquel bar. Non se cumpren 50 anos, non estamos en tempo de loterías, non morreu o home e desexamos que viva moitos anos, pero esa é a foto que a redacción da Voz de Vigo elixiu para a súa cuberta neste día de 2017. Que pasa? non había máis dovelas?

Dous días máis tarde un mozo dentro dun coche pequeno detido na beira da estrada sacaba a cabeza pola xanela e o pe de foto era: “Estudantes da contorna de Vigo precisan coche para ir a clase”. Non fodas! En serio? Resulta que hai universitarios de Gondomar ou de Tomiño que non teñen transporte público para ir desde a casiña á facultade. Criaturiñas, non hai dereito. Exclusiva mundial!

Un día despois unha muller musulmá, técnica en radioloxía no hospital Álvaro Cunqueiro, dicía: “Eu traballo con velo no hospital”. Pois moi ben. Non quedaba claro cal era a noticia nin que eu saiba era este un debate candente na sociedade viguesa. Polo demais...

O resto dos días, once en total, a cuberta pintouna o Celta: Na primeira da serie Iago Aspas laiábase por un empate fronte ao Español. Outro día a foto anunciaba que o equipo ía xogar en Barcelona e amosaba un adestramento en mollado. O día seguinte xa xogou e palmou 5-0. Noutra ocasión dicíannos que o Celta buscaba impulso para meterse nos cuartos de final da Europa League. Na seguinte cuberta infórmase de que o Celta cobra xusta vantaxe (2-1). O Celta é cuberta se gaña, se empata e se perde. Ë noticia en si. Tras un descanso de dous días o Celta perdía na casa co Vilarreal e o titular baixo a foto era que “O Celta ve afastarse as prazas europeas”. Outros dous días de descanso e a traca final: a foto da cuberta dos últimos cinco días seguidos, ata hoxe, foi para o equipo de fútbol local: “O Celta desprega o seu mellor baile” Titular enigmático, sobre todo porque é previo ao partido en Krasnodar. Tras vencer nese partido: “O Celta cos grandes de Europa”. Volven pasar 24 horas e: “Un rival asequíbel para meterse en semifinais”. Onte lemos que “O Celta mide a súa euforia en Riazor” e hoxe que “Aspas puxo a guinda”.

Que imaxe da sociedade se quere transmitir? Estas once cubertas coinciden con que PSA-Citroën adquiriu Opel, houbo unha folga xeral no ensino, celebrouse o día da muller traballadora ou ETA anunciou que entregaba as armas, cousiñas así

Que imaxe da sociedade se quere transmitir? Estas once cubertas coinciden con que PSA-Citroën adquiriu Opel, houbo unha folga xeral no ensino, celebrouse o día da muller traballadora ou ETA anunciou que entregaba as armas, cousiñas así. No entanto A Voz de Galicia dinos que Vigo é un sitio no que se fala castelán, as temperaturas varían, algúns universitarios van en coche á facultade, fai corenta e tres anos tocou a lotería, unha empregada do hospital leva un velo, dous camións transportan pezas e, sobre todo, hai un equipo de fútbol. Dezanove días, once cubertas para o Celta. Xa dicía Manuel Antonio na súa correspondencia que o progreso social en Vigo era complicado: á xente o que lle importaba era o fútbol.

Entendo que os xornais teñen que defenderse dos seus verdadeiros competidores: o Marca e o As, pero onde está o límite?

O experimento fíxeno coa Voz pero o Faro non difire moito e a SER local nin vos conto. Entendo que os xornais teñen que defenderse dos seus verdadeiros competidores: o Marca e o As, pero onde está o límite? En vez do 60%, vai ocupar o fútbol o 80%? Por que non o 90%? Se os deportivos de Madrid presionan, eu aposto a que os xornais galegos van acabar sacando a tía en bolas na última páxina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.