Anxo, Xulio, Marga, Blanca, Ana Rosa, Dolores, Quino, José Luis, Xosé, María, Mar, Xosé María, Lois, Manolo, Lino, Pepe, Lucia, Margarita, Maika… serían moitos os nomes que habería que escribir para poñelos todos. Que teñen en común entre si estas persoas?, Que teñen en común elas e eu?... As súas voces xúntanse, xunto coas voces de moitas outras persoas, en clamor para que escoitemos aos que non teñen voz. En Galicia e en mil lugares. Eles e elas foron parte, son parte, da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento. Todas estas persoas, e moitas outras, contribuíron co seu esforzo e coa súa ilusión, a que un proxecto que nacía a comenzos dos anos noventa do século pasado, chegue ao noso presente como unha organización que representa á inmensa maioría das organizacións, con presenza e relevancia social, que traballan en Galicia a prol dos pobos máis desfavorecidos, organizacións que teñen como obxectivo representar aos que non votan nas nosas eleccións pero que sofren as decisión dos nosos gobernos, organizacións que nos traen ao noso carón a quenes non vemos, a quenes tantas veces nos ocultan: mulleres de barriadas pobres dunha cidade africana, indíxenas da Amazonía privados da súa terra e de todo dereito, homes e mulleres que foxen da guerra, da fame, da persecución, do odio… ás veces para morrer nas nosas praias, nas cunetas das estradas vítimas de mafias criminais nunca suficientemente perseguidas…
En 1991 falar de cooperación en Galicia era falar dalgo novidoso, case descoñecido, pedir daquela que o goberno autonómico contara con partidas para subvencionar proxectos de cooperación era clamar no deserto. O máis frecuente era atopar escusas, cando non incomprensión… Coa persistencia de quenes saben que o que os move é a solidariedade máis xenuína, pouco a pouco fóronse dando pasos, pequenos pero constantes. Lembro con ledicia aquel ano (97 ou 98), no que celebramos que se tiñan acadado os 100 millóns de pesetas en axudas a proxectos, apenas 600.000 euros dos de hoxe, pouco tal vez, pero todo un fito naquel momento. A Coordinadora sempre insistindo, sempre tentando facer presentes as súas demandas… sendo a voz dos que non teñen voz.
Non formei parte do pequeno grupo de valentes persoas que crearon a Coordinadora, aínda que deles logo aprendín moito. Na Ciencia dise que se avanza a ombros de xigantes, tamén na solidariedade!. Incorporeime á Coordinadora en 1996, representando nas reunións, xunto a Xosé Cuns, a Intermón. En 1998, na asemblea anual celebrada en Ourense, fun elixido presidente, cargo que ocupei ata o ano 2005, para desvincularme da dirección da organización ao ano seguinte, ao ter sido nomeado para un posto directivo nunha empresa pública. A miña foi unha presidencia bastante longa, e unha fase de transición entre os primeiros anos de nacemento e unha fase posterior de consolidación, e coincidiu cun incremento do compromiso institucional coa cooperación ao desenvolvemento, aínda que en termos económicos sen a relevancia doutras comunidades autónomas. Nestes 25 anos temos dado moitos pasos adiante, e tamén temos dado algúns pasos atrás, por eso hoxe, tan perto dunha novas eleccións autonómicas, debemos lembrarnos, unha vez máis, que os fondos dedicados pola Xunta de Galicia á cooperación internacional para o desenvolvemento son apenas un terzo do que eran en 2009.
Durante aqueles anos a Coordinadora de ONGDs esforzouse por defender os intereses comúns das ONG para o Desenvolvemento, pulou por dar a coñecer o código de conducta, organizou actividades formativas de todo tipo, campañas de sensibilización dirixidas ás escolas, como as que se realizaron centradas en proxectos desenvoltos en Nicaragua e Perú, levando a cabo campañas de presión política como “Candidata ao 0,7” ou “Pobreza 0”, dirixidas a conseguir un incremento dos fondos dedicados polo goberno español e polo goberno galego á cooperación internacional.
Realizáronse estudios como o Informe 0 da Cooperación Galega, publicáronse distintos cadernos e boletíns informativos, levouse a cabo a exposición Galicia Solidaria e púxose en marcha a web galiciasolidaria.org. Organizáronse xornadas de debate cos distintos axentes de cooperación, reunións con partidos políticos, con concellos e con medios de comunicación. A pegada da Coordinadora quedou na Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento e nos plans directores de cooperación, ás veces apoiados, ás veces rexeitados. Todo o feito é o resultado de centos de horas de traballo de persoas que desinteresadamente dedicaban, e dedican hoxe, o seu tempo á Coordinadora. Dedican o tempo a cambiar o mundo, que é o obxectivo detrás de cada liña que se escribe, de cada campaña, de cada intervención. Detrás de todos e cada un dos actos organizados, dos eventos, das campañas hai innumerables anécdotas, amizades que se foron forxando co traballo conxunto, co trazar metas común, coas discusións, cos debates…
Para min non é doado falar da Coordinadora, son moitas as lembranzas, moitas as vivencias, moitos os bos momentos, moito o que aprendín. É moito o que lle debo ás persoas coas que colaborei nas xuntas directivas, moito o que lle debo ás persoas coas que compartín reunións e asembleas.
É verdade que durante os anos nos que fun presidente dediqueille importantes esforzos, igual que o resto dos homes e mulleres que formaron parte das directivas, pero o balance é netamente positivo. A oportunidade de compartir proxectos, que fixemos realidade, con persoas da valía de Pepe Esteller ou Matias, as conversas con José María Díaz de Rábago, xesuíta do que aprendín que si ben o valioso é o fondo, tamén hai que darlle valor ás formas, ten para min un valor incalculable.
A Coordinadora cumpre 25 anos sendo o insistente recordatorio aos dirixentes políticos galegos de que temos unha débeda pendente cos máis desfavorecidos. A Coordinadora, as organización que a compoñen, son a conciencia que nos recorda que os problemas deste mundo que habitamos son de todos: Siria, Ecuador, Afganistán, Mozambique… todos e todas habitamos o mesmo mundo, os problemas non entenden de fronteiras, a nosa responsabilidade como sociedade, como persoas, non está circunscrita ao espazo que delimitamos con arame de espiño, con vallas coroadas por concertinas. As ONGDs recórdanos un día e outro que pechar os ollos non resolve os problemas.
A Coordinadora cumpre 25 anos. É algo que como sociedade galega debemos celebrar. Non son moitas as organización sociais, menos aínda as de carácter federal como a Coordinadora, que chegan a esa idade. E chega con moi boa saúde, aglutinando a máis de 40 organizacións, cunha estrutura forte, con ganas de seguir traballando, sabendo que aínda queda moito camiño por diante.
Hai uns días uns compañeiros de Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) gravábanme unha pequena entrevista para un documental que se vai estrear o próximo 3 de xuño en Santiago de Compostela no acto de celebración do aniversario. Facíanme unha pregunta: ¿Como sería para ti o mundo sen organizacións sociais?. Non dubidei a resposta: o mundo e a sociedade seria máis pobre. As organizacións sociais, das que as ONGs para o Desenvolvemento son unha pequena parte, contribúen a que as nosas sociedades sexan máis participativas, a que sexan sociedades máis democráticas e plurais, mais críticas, menos dóciles. As organizacións sociais son escolas de cidadanía e de democracia.
Esa é a miña propia experiencia: hai moito tempo participei en organizacións ecoloxistas como ADEGA, logo, na universidade, nos Comités Abertos de Facultade, e logo en organizacións de cooperación internacional como Intermón-Oxfam ou Implicadas e a Coordinadora de ONGDs. Cada unha desas experiencias enriqueceume como persoa. Cada unha desas organización fixo mellor á sociedade na que desenvolvía o seu traballo. Unha sociedade con organizacións sociais fortes e dinámicas é unha sociedade rica, unha sociedade cun futuro mellor, con cidadáns mellor formados, unha sociedade máis capaz de acadar as metas que se fixe.
Celebramos o 25 aniversario da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, as persoas que forman parte dela saben que o camiño para erradicar a pobreza e a desigualdade da face da terra, para rematar coas inxustizas, é longo. Estaremos con eles e con elas facendo ese camiño.
Non desistades. Comprometémonos con vos a non desistir no noso apoio. Durante outros 25 anos, durante outros 50 anos. Sabemos que paga a pena.