O outro día estaba montada no coche e comezou a soar na radio a canción Smells like teen spirit de Nirvana. Supoño que a sensación que tiven foi parecida a cando os nosos pais escoitan, sen esperalo, unha dos Beatles. O caso é que me puxen a viaxar no tempo e sen poder evitalo estaba en 1992, saltando como unha posesa na pista de baile dunha coñecida discoteca. Que maneira de berrar e de suar...
Algúns dos que me acompañaban naquela esmorga xa estiveran nos CAE, agora estaban nos CAF, nos MEL, nos MEU, enfrontaríanse duramente aos reitores máis conservadores, militarían nas xuventudes de partidos políticos, logo serían militantes de base e rematarían ocupando postos de responsabilidade política
Algúns dos que me acompañaban naquela esmorga xa estiveran nos CAE, agora estaban nos CAF, nos MEL, nos MEU, enfrontaríanse duramente aos reitores máis conservadores, militarían nas xuventudes de partidos políticos, logo serían militantes de base e rematarían ocupando postos de responsabilidade política, outros participarían en movementos cívicos, sindicatos, agrupacións culturais, ecoloxistas, medios de comunicación, fundacións… sen esquecer todos aqueles anos de estudantes e posteriormente a carreira profesional onde nunca se abandonou o compromiso. Toda unha vida de esforzo persoal, xeneroso, case nunca cómodo.
Pero a medida que avanzaba a canción de Nirvana decateime de que ese laio de Kurt Cobain que sempre pensara que era un berro de liberación, cos anos, tranformárase nun berro de frustración. Como pode ser que en 20 anos aquela emoción mudara de xeito tan radical?
Comecei a reflexionar acerca da miña xeración, a Xeración do 2000, os que máis ou menos por esa data –que abre un novo século–, anos antes, anos despois, comezamos a nosa vida profesional e familiar de xeito independente
Así que comecei a reflexionar acerca da miña xeración, a Xeración do 2000, os que máis ou menos por esa data –que abre un novo século–, anos antes, anos despois, comezamos a nosa vida profesional e familiar de xeito independente, plasmando en accións o que viñeramos aprendendo, sempre co valor engadido do noso compromiso por este país. Porque non convén desbotar o noso esforzo individual e colectivo ao longo de dúas décadas que foron dunha resistencia extrema para quen fixemos toda a nosa vida, os nosos estudos e o noso traballo pensando, escribindo e falando en galego, construíndo, en fin, o noso país co desvelo de moitas renuncias persoais.
Hoxe en día, ser revolucionario en Galiza consiste en defender o legado das xeracións anteriores, reivindicar e esixir aquelas conquistas
políticas, económicas, sociais, culturais e lingüísticas que nos deixaron, ata as derradeiras consecuencias
Nós, ao contrario que Kurt Cobain, non nos suicidamos, senón que seguimos aquí, teimudos a máis non poder dende que éramos adolescentes. Nunca aspiramos a alcanzar o american dream, non temos nin idea do que significa e estamos afeitos a levar “ondanadas de hostias”. Por sorte, algúns aínda conservan aquel teen spirit e seguen dispostos a continuar berrando, porque aínda que intentaron adestrarnos para ser consumidores submisos, preferimos ser revolucionarios. Hoxe en día, ser revolucionario en Galiza consiste en defender o legado das xeracións anteriores, reivindicar e esixir aquelas conquistas
políticas, económicas, sociais, culturais e lingüísticas que nos deixaron, ata as derradeiras consecuencias. Nin sequera nos fai falla ser anti-sistema. Anti-sistema é Esperanza Aguirre cando propón a disolución das Autonomías ou a ilegalización do aborto.
Reclamemos o noso lugar, transformemos de novo este berro frustado naquel berro liberador e busquemos sitio na pista de baile. A Xeración do 2000 merécese liderar os novos tempos
A miña xeración xoga cunha certa vantaxe a diferenza das xeracións que nos preceden: nacimos coa democracia (a nosa cultura política é diferente) e dende ela podemos buscar un futuro mellor. Ademais, aínda temos moito que aportar, estamos cheos de enerxía, xa non somos aqueles teenagers, tampouco somos maiores e moitos están “sobradamente preparados”. Reclamemos o noso lugar, transformemos de novo este berro frustado naquel berro liberador e busquemos sitio na pista de baile. A Xeración do 2000 merécese liderar os novos tempos. Hai que aceptar que vivimos un cambio de ciclo e precísanse
novos protagonistas. Here we are now, entertain us…