A Xunta non quere competencias

A moita xente en Galicia, si se lle explicaran ben as cousas, gustaríalle ter moita máis soberanía ou polo menos unha autonomía decente. No caso dos asteleiros de Ferrol, quen non preferiría que a súa xestión se levase dende Galicia en vez de estar dirixidos por unha empresa, Navantia, dende Madrid?. Ata un partido como o PPdeG critica a xestión desa dirección, aínda que o estar ese partido dirixido tamén dende o centro, non censure ós seus compañeiros do PP que puxeron a eses nefastos directivos no cargo. E isto que pasa nos asteleiros acontece noutras actividades que o estar dirixidas dende a capital, ós seus xestores nin están preto para coñecer os problemas da zona, nin teñen un grande interese, xa que non lles afectan directamente.

E pódense por outros exemplos: si tódalas obras públicas que se executan en Galicia, foran proxectadas e dirixidas dende aquí, faríanse con un mellor criterio, por exemplo a liña de velocidade alta, Santiago-Pontevedra-Vigo, remataríase primeiro que a liña Santiago-Ourense, porque afecta a moitísimos máis viaxeiros, e si se remata moito antes á de Ourense, é simplemente por beneficiar ó centralismo madrileño, que por sorte tamén beneficia ós ourensáns. 

Supoño que algunha xente viu as estatísticas de accidentes de tráfico do ano 2014, e si se fixou, puido ver que no noso país houbo máis mortos en accidentes que no ano 2013, sendo unha das peores comunidades en accidentes. Pola contra en Cataluña e Euskadi, onde están transferidas as competencias de tráfico, son os lugares onde estas estatísticas foron boas con respecto o resto do Estado. Pódese argumentar que isto é circunstancial, mais moitos estamos convencidos que Galicia ten unha climatoloxía, unha ordenación do territorio e outras circunstancias que fan que esa competencia estaría moito mellor dirixida por nos, e para iso está prevista a competencia de Tráfico a través da policía autonómica, no noso Estatuto de autonomía, aprobado por certo xa no ano 1981.

O bipartito solicitou esta competencia, aínda que non contou co apoio do Goberno do PSOE de Madrid, máis o Sr. Feijoo nin o intentou. Pode ser que se sinta incapacitado para asumila, ou que non lle preocupe reducir os accidentes nesta terra.

Polo menos deberíanlle de preocupar os diñeiros que xeran as multas de tráfico, pois en Galicia o Estado recada un 20% máis, con respecto o resto de España, quedando a Xunta e os galegos cun palmo de narices o ver como foxen eses cartos, por non ter a competencia desa materia.  E despois aínda temos que oír a algúns, que os que están na Xunta gobernan ben …  si, ben para Madrid, non para os galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.