O profesor e investigador David Ferrer Revull vén de publicar «Recuerda» Españoles en la masacre de Oradour-sur-Glane, estudo que rescata do esquecemento as vidas de dezanove refuxiados republicanos, vítimas civís do exército alemán en Francia durante a Segunda Guerra Mundial.
Oradour xa non ten mulleres
Oradour non ten xa un só home
Oradour. Nin follas, nin pedras, nin igrexa
Oradour xa non ten nenos
Nin fume nin risos
Nin tellados nin faiados
Nin palleiros nin amor
Nin viño nin cancións.
Libre versión dun fragmento de «Oradour», poema de Jean Tardieu, 1944
O 10 de xuño de 1944, a 2ª División blindada Das Reich das Waffen SS asasinou salvaxemente 643 civís –mulleres, nenas e nenos na súa gran maioría– na pequena vila de Oradour-sur-Glane
O 10 de xuño de 1944, catro días despois do desembarco aliado en Normandía, que marcaría o inicio da fin da ocupación alemá do territorio francés durante a Segunda Guerra Mundial, a 2ª División blindada Das Reich das Waffen SS asasinou salvaxemente 643 civís –mulleres, nenas e nenos na súa gran maioría– na pequena vila de Oradour-sur-Glane, situada a unha vintena de quilómetros de Limoges, no Lemosín occitano. Este masacre, metodicamente planificado, non foi o primeiro cometido por esta división; moitos dos seus integrantes participaran en accións similares na Fronte do Leste. En xuño de 1944 a Das Reich estaba acuartelada no sur de Francia, mais a nova do desembarco conduciuna cara o norte, nun intento desesperado de conter o avance das tropas aliadas, deixando no camiño tralo seu paso tan só morte e destrución. Así, o 9 de xuño os seus soldados aforcaran 99 homes nas rúas e prazas da cidade de Tulle, en Corrèze, a cen quilómetros de Oradour; entre estes reféns asasinados e logo arrebolados a un vertedoiro municipal atopábase o refuxiado republicano Máximo Pastor Pastor. Outros 149 homes de Tulle foron deportados; deles, 101 non regresaron.
Ao día seguinte, en Oradour, douscentos soldados da 3ª compañía desta división rodearon a vila e as aldeas próximas, obrigando a toda a poboación que nelas se atopaba a reunirse na praza central, onde os escolares acudiron acompañados dos seus mestres. Uns douscentos homes foron conducidos a diversos lugares da vila e metrallados simultaneamente. As mulleres e os nenos, máis de catrocentos, foron pechados na igrexa, que será incendiada tras un fracasado intento de facela estoupar con explosivos. Tan só sobreviviron seis habitantes: un neno, catro homes novos e unha muller, a única persoa que conseguiu escapar da igrexa. O perímetro da vila foi vixiado polos soldados, que regresaron na mañá do día 11 para efectuar tranquilamente a súa pillaxe e eliminar as probas do masacre: a vila foi arrasada, casas e corpos incendiados, e os cadáveres amoreados en dúas fosas comúns, o que fixo imposible a identificación da maioría das vítimas. Durante os días posteriores, soldados alemáns e milicianos franceses perseguiron os superviventes, agachados por amigos e familiares nas granxas dos arredores.
Unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, o goberno francés decidiu non reconstruír Oradour, e en 1946 declarou as súas ruínas monumento histórico nacional; unha nova vila foi levantada nas inmediacións. Cincuenta anos despois, en 1996, inaugurouse un Centro da Memoria que centraliza a visita das ruínas, así como a investigación e a divulgación sobre o masacre, estendendo a súa misión pedagóxica á visibilización de xenocidios e masacres de poboacións civís en todos os continentes. Na libraría deste exemplar Centro da Memoria merquei hai anos un libro imprescindible na miña vida, o diario de Hélène Berr, universitaria francesa xudía deportada e asasinada en Bergen-Belsen en 1945. Nas súas páxinas, a autora reflexiona sobre a forza na que se apoia todo réxime fascista e afirma: “Aniquilar o pensamento persoal, a reacción da consciencia individual, velaí o primeiro paso do nazismo”.
As seis familias refuxiadas residentes en Oradour viviron un periplo similar ao de tantos exiliados obrigados a abandonar España como consecuencia do golpe de estado fascista de xullo de 1936. Co paso da zona sur ao control militar directo de Alemaña, moitos destes traballadores foron recrutados como escravos forzosos dos nazis
Fronte ao esquecemento programado e ao desleixo memorial érguese, como a escultura de Apel·les Fenosa reproducida na capa do volume, a escritura de David Ferrer. O seu libro, xeneroso e necesario, froito dun compromiso activo e integral, recupera as identidades dos dezanove refuxiados republicanos masacrados xunto aos seus veciños en Oradour. Este traballo de investigación, comezado en 2016, presentouse no Centro da Memoria da denominada “vila mártir” en 2019, no 75 aniversario da matanza. Trátase dun estudo que non é tan só fundamental para a nosa memoria histórica en España, senón que tamén supón un gran avance na historiografía memorial francesa, pois aporta a identidade dunha nova vítima non contabilizada oficialmente, Ramona Domínguez Gil, así como os nomes correctos e os rostros de refuxiados que non posuía o centro de documentación de Oradour.
David Ferrer parte da información fragmentaria previa e da bibliografía existente, como a tese de Eva Léger sobre o exilio republicano español no Lemosín, lida na Universidade de Paris-Nanterre; colabora co “Ateneo Republicano du Limousin”; recolle testemuños orais e realiza un admirable traballo de arquivo, pois consulta 89 fondos públicos e privados en Francia e en España: arquivos provinciais, municipais, militares, rexistros civís e parroquiais, asociacións da memoria, etc. Esta minuciosa investigación e o tempo da vida dedicado a reunir cada dato, a recuperar cada fotografía contribúen a erguer un monumento de verdade e de futuro, indestrutible fronte ao vil negacionismo que segue macelando o recordo das vítimas, como ocorreu sen ir máis lonxe este verán de 2020, cando unhas pintadas infames degradaron a entrada do memorial.
As seis familias refuxiadas residentes en Oradour viviron un periplo similar ao de tantos exiliados obrigados a abandonar España como consecuencia do golpe de estado fascista de xullo de 1936. Despois de vivir case tres anos de guerra civil, formaron parte dese éxodo de medio millón de persoas que en xaneiro e febreiro de 1939 atravesaron en condicións extremas os Pireneos, para ser logo internados en indignos campos de concentración no sur de Francia. O afastamento dos homes, separados das mulleres e dos nenos, foi duramente vivido polas familias, repartidas por toda a xeografía francesa con moita improvisación e moi diferente acollida segundo os lugares e as persoas receptoras. Co tempo, as familias puideron reagruparse, a miúdo grazas á integración dos homes en compañías de traballadores. A investigadora Maëlle Maugendre recolle no seu libro sobre as mulleres españolas exiliadas en Francia, (Femmes en exil, 2019), que en 1940 e grazas ao traballo realizado por estes traballadores, as finanzas públicas francesas xa recuperaran a totalidade das sumas aportadas para aloxamento e subsistencia do conxunto dos refuxiados españois no seu territorio.
Unha destas compañías, o Grupo de Traballadores Estranxeiros (GTE) nº 643 radicouse no entorno de Limoges; velaí a razón da presenza das familias en Oradour. Co paso da zona sur ao control militar directo de Alemaña, moitos destes traballadores foron recrutados como escravos forzosos dos nazis, e enviados pola organización Todt á realización das infraestruturas militares do Muro do Atlántico, nas condicións infrahumanas por todos coñecidas. As mulleres e os nenos ficaron en Oradour.
O 10 de xuño de 1944 foron asasinados no exilio polo réxime nazi sete nenas, catro nenos, seis mulleres e dous homes declarados apátridas polo réxime franquista
Antes da chegada dos refuxiados republicanos, a vila situada na ribeira do Glane xa acollera refuxiados procedentes de Alsacia e de Lorena, maioritariamente nenos, tamén asasinados no masacre. As condicións da instalación non foron fáciles para os primeiros españois en Oradour, aloxados nun muíño que se inundaba nas crecidas do río. Mais as reticencias e dificultades iniciais foron sen dúbida vencidas co paso do tempo e as relacións de veciñanza das que testemuñan algunhas das fotografías conservadas. A proximidade lingüística do occitano e o do catalán materno dalgunha das familias, a aprendizaxe do francés a través do traballo e da escolarización dos nenos, así como o nacemento de novos pequenos, axudarían sen dúbida ao enraizamento dos refuxiados, que en 1944 xa levaban catro anos en Oradour.
O 10 de xuño de 1944 foron asasinados no exilio polo réxime nazi sete nenas, catro nenos, seis mulleres e dous homes declarados apátridas polo réxime franquista:
Ramona Domínguez Gil, de 73 anos, orixinaria de Mianos (Zaragoza), o seu fillo Joan Téllez Domínguez, de 45 anos, nacido en Zaragoza, a súa nora Marina Domènech Almirall, de San Feliu de Llobregat, de 29 anos, e os seus netos Miquel, de once anos, nacido en Barcelona, Harmonía, de sete anos, nacida en Montcada i Reixac, e o pequeno Llibert, dun ano de idade, nacido en Limoges.
Francisca Espinosa Magallón, de 49 anos e as súas fillas xemelas Francisca e Pilar Gil Espinosa, de 14 anos, nacidas as tres en Alcañiz (Teruel).
Carme Juanós Sampé, de Vilalba dels Arcs (Tarragona), tiña 31 anos e estaba embarazada.
As irmás Emília e Angelina Masachs Borruel, de 11 e 7 anos de idade respectivamente, nacidas en Sabadell.
Antonia Pardo Guirao, de 32 anos, nacida en El Esparragal (Murcia) e a súa filla Nuria Lorente Pardo, de 9 anos, nacida en Barcelona.
María Pardo Guirao, irmá de Antonia, de 36 anos, tamén nacida en El Esparragal, o seu home José Serrano Robles, de 29 anos, orixinario de Purchena (Almería), e os seus tres fillos, nacidos en Limoges, Armonía, de 3 anos, e os xemelos Áster e Francisco, de dez meses de idade.
Primo Levi: “Se comprendelo é imposible, coñecelo é necesario, porque o que ocorreu pode recomezar, as conciencias poden ser novamente desviadas e escurecidas: tamén as nosas”
Lembra David Ferrer no seu libro que todas as vítimas de Oradour, independentemente da súa orixe, son consideradas “mortos por Francia”, cos dereitos e honores que iso supón para as familias, ademais do recoñecemento oficial da República Francesa en homenaxes e actos institucionais; grazas á investigación de Ferrer, Ramona Domínguez Gil obtivo este recoñecemento oficial. Tamén expón o autor que a primeira homenaxe en España ás vítimas de Oradour tivo lugar en 2016, 72 anos despois dos feitos, en Purchena, Almería, onde un graffiti honra a memoria de José Serrano Robles no seu lugar natal.
No apéndice escrito en 1976 para a edición escolar de Se isto é un home (1947), afirma Primo Levi referíndose ao odio nazi: “Se comprendelo é imposible, coñecelo é necesario, porque o que ocorreu pode recomezar, as conciencias poden ser novamente desviadas e escurecidas: tamén as nosas”.
Que a harmonía e a liberdade acubilladas polas nais e polos pais nos nomes dos seus pequenos sexan por sempre lembradas na memoria de Oradour.