A xustiza que non chega

Execucións practicadas na antiga URSS polos SS Einsatzgruppen Dominio Público

O pasado 22 de setembro finou na súa casa de Waterloo, provincia canadense de Ontario, o cidadán Helmut Oberlander. Tiña 97 anos de idade e no momento último estivo rodeado dos seus seres queridos. Persoa caritativa e amoroso home de familia, Oberlander casou con Margret, tivo dúas fillas e acadou unha acomodada vida grazas ao seu próspero traballo no sector inmobiliario. A súa orixe lévanos ata a actual Ucraína, en concreto á cidade de Halbstadt, onde naceu en 1924. Trinta anos máis tarde trasladouse a Canadá, obtendo a nacionalidade do país norteamericano en 1960. Así transcorreu a súa plácida e confortábel existencia até 1995, cando a Policía Montada do país norteamericano deu comezo unha investigación sobre o pasado nazi.

O historiador Howard Margolian calcula que uns 2.000 criminais nazis chegaron a Canadá tras a Segunda Guerra Mundial, nunha pingueira que continuou toda unha década

En realidade, todos coñecían a pertenza de Oberlander a unha unidade especial integrada por SS, un einsatzkommando que asasinou a milleiros de homes, mulleres, anciáns e nenos entre os anos 1941 e 1943 mentres o Exército alemán avanzaba por territorios da extinta Unión Soviética. Si, porque o honorábel cidadán canadense Oberlander tiña 17 anos cando decidiu alistarse ás SS Einsatzgruppen, a elite do crime nacionalsocialista, e percorrer Lituania, Ucraína e outros lugares conquistados para sementar barbaridades que escapan a nosa racionalidade humana. Resulta recomendábel a lectura do traballo asinado por Richard Rhodes publicado en 2003 polo selo Seix Barral; o seu título, significativo, condensa todo o horror que alí atoparemos: Amos de la muerte: los SS Einzatzgruppen y el origen del Holocausto.

Por desgraza, Oberlander non foi un caso excepcional. O historiador Howard Margolian calcula que uns 2.000 criminais nazis chegaron a Canadá tras a Segunda Guerra Mundial, nunha pingueira que continuou toda unha década. Así, o antigo SS Vladimir Katriuk morreu sen ser molestado en Quebec a piques de cumprir 94 anos, mentres un garda do campo de concentración de Trawniki (Polonia) de nome Wasyl Odynsky, 90 anos, finaba en Ontario tranquilo e con amnesia inducida. O primeiro deles nunca compareceu en sede xudicial. Odynsky obtivo o respaldo dun tribunal cando se xulgaba a retirada da súa cidadanía canadense e a súa posíbel deportación para responder polos crimes do pasado.

Vinte anos atrás, no 2000, un xuíz tentou anular a cidadanía a Oberlander baixo a acusación de cómplice na brutalidade exercida pola unidade na que estaba integrado. Malia recoñecer que non existían probas sobre a súa participación nos masacres, o maxistrado Andrew MacKay tentou retirarlle a Oberlander a seu escudo protector e sostivo que o antigo SS mentira na súa declaración sobre o seu pasado cando entrou en 1954 en territorio canadense. Entón, a filla do ucraíno sinalou: “Meu pai foi un cidadán responsábel e respectuoso coas leis deste país, creou moitos empregos e contribuíu á comunidade”. Os avogados fixeron o resto e a decisión do xuíz foi revogada en tres ocasións. Oberlander era un home de honor.

Así remata outro capítulo de abuso obsceno do sistema xudicial, neste caso canadense, amosando unha parodia de xustiza e a infinita vergoña dun país que se proclama civilizado e democrático

Malia todo, a Suprema Corte de Canadá cancelou a cidadanía do noso protagonista en setembro de 2018. Con tal medida, a deportación de Oberlander estaba servida. Unha vez máis, o “delicado estado de saúde” esgrimido polos avogados xogou o seu papel e o final da historia deste criminal antisemita xa o coñecedes. Así remata outro capítulo de abuso obsceno do sistema xudicial, neste caso canadense, amosando unha parodia de xustiza e a infinita vergoña dun país que se proclama civilizado e democrático.

O peor, cabe concluír, non reside na falla de arrepentimento polos crimes cometidos nin na carencia de cristiá contrición polos pecados pasados. Tampouco a inexistencia de solicitudes de perdón ou de recoñecemento das atrocidades levadas a cabo en nome do nazismo podemos consideralos actos patéticos de traxedia inhumana. O dramático e vergoñento defínese en termos de xustiza incapaz, afastada dos valores que debería defender e aplicar por riba de consideracións absurdas, miserábeis e ruíns. A xustiza que non chega representa a peor das inxustizas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.