Comecei a escribir este texto o martes de entroido. A miña intención era publicar un post en instagram no que contarlle aos meus amigos –e un pouco a min mesmo– as razóns do meu voto para as eleccións do 18F. Pero, esa reflexión non resultou tan fácil e levoume a outro lugar; se cadra tan intricado como a política institucional galega.
A caixa negra é unha sorte de metáfora que nos axuda a pensar e discutir os modos da produción tecnocientífica; nomeadamente, a produción e o réxime de visibilidade dos feitos científicos e dos dispositivos técnicos
A caixa negra foi un concepto moi popular no campo dos estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía (STS). Unha chea de autores interesados polo estudo da “ciencia en acción”, como Steve Woolgar, Bruno Latour ou Annemarie Mol; pero, tamén contemporáneos meus, como Blanca Callén ou Israel Rodríguez-Giralt valéronse deste concepto para levar a atención investigadora até un conxunto de fenómenos tecnocientíficos, chamémolos paradoxais: prácticas imprescindíbeis para acadar unha innovación científica ou tecnolóxica que, ao mesmo tempo, eran desestimadas nos relatos da ciencia oficial.
Ao xuízo destes autores, a ciencia non representaba os obxectos da natureza dun xeito puro e transparente –os feitos non eran pura facticidade–; máis ben, construíanse mediante marañas complexas de relacións, negociacións e mediacións que conseguían traducir cadeas de entidades e de relacións heteroxéneas en totalidades estábeis. Sen embargo, moitos dos elementos mobilizados no proceso de construción dun feito científico eran obxecto dun proceso de simplificación que ocultaba moitas desas cuestións relevantes.
Para indagar sobre a obtención dun feito científico, os STS entenderon que os relatos dominantes sobre a ciencia eran insuficientes. Os científicos falaban da ciencia como unha actividade acabada e trataban os feitos como caixas negras: entidades que se daban por supostas e que non se problematizaban. Nese sentido, a caixa negra é unha sorte de metáfora que nos axuda a pensar e discutir os modos da produción tecnocientífica; nomeadamente, a produción e o réxime de visibilidade dos feitos científicos e dos dispositivos técnicos.
Se pensamos a caixa negra desde a perspectiva da política institucional á que estamos afeitos na Galiza, podemos inferir que da política só nos interesarían os votos que entran nunha urna e as políticas que se fan visíbeis mediante a partilla deses votos: non moito mais
Segundo Bruno Latour, caixanegrizar, ou pechar nunha caixa negra, é unha expresión que identifica o modo no que o traballo científico e técnico se torna visíbel como consecuencia do seu propio suceso. Así, cando unha máquina funciona eficazmente ou cando damos un feito por sentado –pensemos, tamén, no facer dunha institución, na irrupción dun concepto ou na descuberta dunha molécula– abondaría con repararmos nos datos de entrada e de saída –inputs e outputs–, esquecendo a súa complexidade interna e desinteresándonos polo que poida suceder alén do que se dá a ver.
Dese modo, cando unha innovación científica e tecnolóxica é adoptada nun certo consenso, unha parte significativa do seu coñecemento fica clausurado. Ademais, canto máis estábeis foren esas tecnoloxías e canto máis tempo leven funcionando, máis opacas e descoñecidas serán.
Pensemos nun aparello fundamental na nosa vida cotiá como son os smartphones. Cando enviamos unha mensaxe por WhatsApp, por exemplo, non precisamos coñecer as interioridades tecnolóxicas do noso teléfono, nin os detalles do software da aplicación de mensaxería: introducimos o texto, escollemos a imaxe ou gravamos un audio e facemos clic na función de envío.
Isto pode ser moi útil cando o noso papel é o de persoas usuarias e podemos vivir desinteresadas por algúns dos procedementos técnicos nos que delegamos a ecoloxía de apoios da nosa vida: próteses tecnocientíficas, administrativas ou bio-culturais que nos permiten non ter que tomar conta de todo. Porén, cando a nosa relación con eses dispositivos non se reduce á de usuarios pasivos, ou cando a cuestión é a política, o conto pode mudar.
Se pensamos a caixa negra desde a perspectiva da política institucional á que estamos afeitos na Galiza, podemos inferir que da política só nos interesarían os votos que entran nunha urna e as políticas que se fan visíbeis mediante a partilla deses votos: non moito mais.
A política da caixa negra invisibiliza moitos dos seus procedementos até facelos inaccesíbeis –para a maioría–. E, de feito, a nosa relación coa política pode ser esa moitas veces: somos espectadores, seguidores máis ou menos entusiastas dalgunha posición ou partido; opinamos sobre os resultados electorais ou sobre algunha política pública, manifestámonos, pero sabemos pouca da tremoia na que se sustenta a política.
A política institucional na Galiza é unha grande caixa negra ou, talvez, unha rede extensa de caixas negras
Hai algo sobre o que teño pensado desde que volvín a Galiza para traballar na USC.
A política institucional na Galiza é unha grande caixa negra ou, talvez, unha rede extensa de caixas negras.
Parte do “éxito” do goberno galego dirixido polo Partido Popular fundaméntase nunha opacidade que fai que “ninguén” saiba nada e que poucas cousas nos concirnan. E teño a impresión de que é esa opacidade o que lle proporciona a aparente estabilidade ao goberno.
Nun xantar no sábado de entroido –obrigado, amigxs– preguntámonos polo nome do Reitor da USC e, tamén, polos nomes das persoas que dirixen algunhas das principais institucións museísticas de Santiago e da Coruña. Ninguén soubo responder: eu tampouco. Con todo, a cuestión non é tanto nominal como relativa á posición pública dos nosos representantes, aos lazos entre as intitucións e a sociedade civil: non sabemos moito.
A caixa negra remite a un mecanismo de gubernamentalidade que privatiza a política a través da proliferación incesante de procesos pouco visíbeis.
Onde poderían existir espazos plurais de negociación e disputa, unha rede tupida e opaca, que sempre acontece nun lugar que non é o das nosas vidas, elabora “A Galicia que funciona”: aínda que non funcione.
A caixa negra remite a un mecanismo de gubernamentalidade que privatiza a política a través da proliferación incesante de procesos pouco visíbeis. Onde poderían existir espazos plurais de negociación e disputa, unha rede tupida e opaca, que sempre acontece nun lugar que non é o das nosas vidas, elabora “A Galicia que funciona”: aínda que non funcione
Porque a caixa negra tamén é unha caixa forte que protexe un botín. E para iso, é fundamental que a metáfora científica non cese de se reproducir. Circulen, aquí non hai nada que ver, a nosa obra de goberno avanza de xeito indiscutíbel con eficacia xestora: aínda que non o faga.
Como lembraba Blanca Callén (2012), desde a perspectiva dos STS, o proceso de composición, convencemento, adopción e difusión controlada das caixas negras susténtase nunha interconexión de elementos e prácticas cotiás e colectivas de carácter político, cultural, simbólico, material, económico, etc. que ficarán ocultas mentres a caixa funcione como tal.
Parece que, desta volta, a caixa amosa algunha fendas. As mobilizacións sustentadas con relación á crise do sistema público de saúde, son un dos moitos exemplos que non conseguen conterse só con discursos xa prontos e estabilizados.
Se cadra, unha das aprendizaxes que podemos tirar do traballo realizado desde a década de 1980 no campo dos STS ten que ver co repto da descaixanegrización. Os estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía conseguiron abrir algunhas das caixas negras da ciencia para investigar algúns dos fenómenos.
Esa operación fixo posíbel coñecer como operan as prácticas tecnocientíficas baixo a súa apariencia “compacta, obscura e consistente” (Callén, 2012). Nese sentido, os STS permitiron problematizar como a estabilidade e a veracidade indiscutíbel dos feitos científicos, ou a adopción masiva e a populariación social dos dispositivos técnicos, non son máis do que un equilibrio precario de forzas entre elementos dispares, susceptíbeis de mudar no momento menos esperado.
Precisamos abrir a democracia: tocala, compartila, encarnala e habitala. Repoboar o espazo público, abrir as institucións e facelas existir doutros xeitos. Abramos a caixa negra
Se cadra chegou ese momento: o cambio.
O próximo domingo hai unha elección importante.
Comecei este texto falando do meu voto. Votarei no BNG por primeira vez desde 2005. Non contaba con votar no Bloque este domingo. Con todo, a medida que avanzou a campaña decateime de que o meu voto só se sostiña na razón: nunha razón cada vez máis isolada. Hai tempo que penso que cando só nos resta a razón, mellor desentenderse dela e darse a outras forzas.
Isto está na tese de Lacan (1932): “o louco é o que perdeu todo, excepto a súa razón”; mais tamén nun verso da letra dunha canción de Nueva Vulcano: “La razón: antes de perderla te la doy”. O vínculo co outro antecede calquera razón solitaria: e é no vínculo co outro como se pode facer a política entendendo a política como as artes incertas da vida en común.
As enquisas, esa tecnoloxía da representación que case nunca nos é favorábel sinala algunha posibilidade de mudanza para o 18F.
Hai algo na campaña de Ana (xa non é Ana Pontón, nin Pontón) onde resoa a forza da política que nos afectou hai xa máis de dez anos.
Precisamos abrir a democracia: tocala, compartila, encarnala e habitala. Repoboar o espazo público, abrir as institucións e facelas existir doutros xeitos.
Abramos a caixa negra.
Referencias
Callén, B. (2012). “Software Libre: Abriendo las cajas negras de la tecno-ciencia. En: Tirado, Francisco y López, Daniel. (Eds.)
Teoría del Actor-Red: Más allá de los estudios de ciencia y tecnología. Editorial Amentia, pp. 71-110.