Abstérmonos o 28A

CC-BY-SA Praza Pública

A maior das herexías. A só unhas horas para as vindeiras eleccións xerais, os partidos políticos que ofrecen a súa papeleta este 28 de abril apuran cada minuto dunha nova campaña electoral coa liturxia habitual: os milleiros de carteis coa cara do candidato empapelando avenidas, o sobre coa papeleta no buzón entre as facturas mensuais, os mitins ante auditorios cheos de militancia propia, e as entrevistas e debates televisados. 

Ante tal despregue de cartos e medios, dirixido a que depositemos o noso voto nunha urna na cita disposta, semella canto menos unha provocación chamar ao contrario. Vivimos nunha sociedade que promove o culto ao voto, a devoción cega á cita electoral como método de cambio. Durante a “Quincena Santa” de campaña, inúndannos de propaganda que tenta convencernos de que votar é o fin da política, a esencia mesma da democracia, e insulta implícitamente a intelixencia da porcentaxe da poboación que non ten fe neste proceso e opta pola abstención. 

Que esta sexa ademáis a opción maioritaria fronte a calquer candidatura tanto no caso galego coma no conxunto do estado, xustifica a ollos dalgúns a peor das miserias económicas: a vida da maioría da sociedade, suponse, sería moito mellor se esa porcentaxe simplemente depositara o seu voto (calquer for) no canto de manterse allea ao proceso. Como se o xesto mesmo de votar fóra o único xeito de sermos debidamente democráticas. E onde se atopan os colexios electorais que rexistran a maioría desa porcentaxe abstencionista no censo? Como calquera pode comprobar nos datos históricos públicos, é nos barrios periféricos con renta media máis baixa. 

As razóns non son difíciles de comprender. Un simple cambio de goberno non vai solucionar en catro anos os seus problemas diarios: paro, pobreza, desafiuzamentos, droga, xogo… O que fala máis dun rexeitamento de clase ao sistema económico e político, ca do de que se adoita calificar como unha vaga idea de “apatía xeralizada”. O fácil aquí, se tomamos o credo de que preocuparse pola política e participar na democracia burguesa é unha soa e mesma cousa, é terxirversarmos a todas as que se negan a participar como un “simple” problema psicolóxico de apatía. 

E abofé que haberá entre as non-votantes apáticas: á fin e ao cabo, semella mesmo absurdo dende a posición das clases subalternas interesarse por un sistema que se preocupa principalmente (e por veces soamente) polas clases altas minoritarias. Aos convencidos militantes da ficción socialdemócrata, na que o cambio só podir vir da man do proceso electoral e o sistema actual determina os límites da realidade, dificilmente os imos convencer tampouco do contrario. Son os representantes dunha clase media acomodada que só se vai horrorizar ante a mínima crítica da súa comprensión da democracia. 

Despois de todo, se a falsa conciencia puidera ser facilmente eliminada pola lóxica, os argumentos lóxicos do marxismo xa terían resultado na fin do capitalismo hai ben tempo. Reivindicándomos a abstención en campaña electoral, falamos do potencial organizativo desta entre as que non teñen nada que perder, da posibilidade de sistematizarmos a desafección electoral dándolle unha dirección política cara o boicot. Con todo o respecto posible ás compañeiras honestas que nestes días piden o voto táctico para unha ou outra candidatura reformista coa intención de impedir a “involución democrática cara o fascismo”, cremos que tal postura céntrase en cuestións de apariencia pasando por riba do fundamental. 

Os movementos fascistas son xeralmente, como podemos observar tanto a nivel histórico como noutros países no presente, movementos populistas que xorden á marxe do electoral en torno a masas desafeccionadas polas contradicións dun capitalismo monolítico. Que acaden representación nun parlamento e aínda o control desa institución, só demostra que o momento das eleccións é a foto fixa dun proceso que se xestou ben tempo atrás, e que o propio parlamentarismo burgués simpatiza decote co fascismo. Non nos podemos seguir permitindo argumentar que cómpre votarmos para cortar o ascenso da dereita cando os nosos argumentos quedaron demostrados, unha e outra vez, completamente equivocados. A besta do fascismo axexa á porta do parlamento e nós volvémonos cada vez máis incapaces de facerlle fronte canto máis nos agochamos trala papeleta e negamos que a ameaza proveña dos espazos nos que non nos organizamos. Retrucarásenos aquí que non todo voto á esquerda reformista pretende facer da actividade parlamentaria o centro de gravidade da súa propia actividade. 

Que se pode (e debe) á vez votar o 28A e loitar na rúa o resto do ano, nun momento táctico máis ata a revolución que remate co capitalismo. A isto respondemos que non pomos en dúbida as boas intencións e vontade das compañeiras que xustifican así o seu voto. Compartimos e compartiremos trincheira. Ao que diriximos a nosa crítica é á realidade práctica que, cremos, adoita quedar fóra desta discusión. Non é posible conciliar a afirmación axitada de que non compartimos as teses políticas do reformismo, coa centralidade que a actividade electoral-parlamentaria adquire logo na práctica. Abondou a convocatoria destas novas eleccións xerais para centrar esforzos militantes na campaña do 28A no canto da do 1º de Maio. A loita da plantilla de Alcoa ou Unitono, e a última semana negra do terrorismo machista (cunha nova “Manada” de Pamplona, a salvaxe violación en Barcelona e a muller asasinada en Olot), pasan tristemente tamén a un segundo plano. Estamos todas dacordo de que na Galiza do 2019 non se dan as condicións subxectivas para unha revolución social. 

Ante isto cabe ben resignación, ben autocrítica por non traballarmos efectivamente para mudar a situación. A escolla da maioría das marxistas galegas parece clara: ao tempo que nos repetimos que chegará o momento da revolución, toca centrar esforzos na reforma e perfeccionamento dos aparatos que ironicamente, contribúen a facer do delirio da revolución espontánea unha posibilidade aínda menor. Atrevámonos a loitar. Atrevámonos a gañar. Eu este 28A non voto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.