Adolfo Suárez

Dicirmos Adolfo Suárez é dicirmos transición política española. Xa que logo, os que por razóns xeracionais non vivimos conscientemente aquel proceso quizais poidamos xulgalo máis obxectivamente ca os seus protagonistas e coetáneos.

O seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo "da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura

Suárez, fillo dun republicano derrotado na guerra, foi un funcionario do franquismo que chegou á dirección da RTVE e á secretaría xeral do Partido único. Escoller ese camiño non era obrigatorio, como demostran outros coetáneos de Suárez (Pujol, Arzalluz, Nicolás Redondo…) que fixeron política contra o franquismo, sufrindo das resultas  graves trastornos na súa vida. O Suárez que forma goberno quere afondar no reformismo e achegarmos un réxime homologábel con Europa. Mais o seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo "da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura.

Este espírito de reforma pactada co Réxime permitiulle que as Cortes franquistas votasen a súa propia morte e legalizar un PCE que, en troques, asumía a Monarquía e a economía social de mercado. E permitiulle aterrar no Centro Democrático que fundara Areilza e usar con parcialidade o amplo aparello do Poder para gañar, sen maioría absoluta, as eleccións xerais de xuño do 1977 ás que non puideron concorrer determinadas forzas republicanas e nacionalistas.

Suárez foi quen de propiciar un amplo pacto político e económico para aprobar a Constitución e os Pactos da Moncloa. Mais tamén  impuxo uns Acordos coa Santa Sede que blindaban a xerarquía católica, malia a formal aconfesionalidade estatal e deixou ben claro que o dereito a decidir de galegos, vascos e cataláns e a Monarquía ficaban out of question.

O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que revisa o Estatuto galego da aldraxe para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco

O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que revisa o Estatuto galego da aldraxe para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco. Aquel que enfronta o Rei para non nomear Armada segundo xefe do Exército ou o que fuma displicente en claro desafío á barbarie de Tejero e Milans del Bosch. Aquel que sabe dimitir e dimite.

O Suárez das luces e das sombras. A transición das luces e das sombras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.