Afundidos na irrelevancia

CC-BY-SA Praza Pública

As eleccións xerais afundiron aínda máis ao País na irrelevancia política. A convocatoria anticipada de febreiro nun contexto de máxima polarización estatal esixía decisións moi difíciles e inmediatas nos dirixentes políticos de En Marea e BNG. Esixía a capacidade de visión estratéxica precisa para albiscar que isto ía de voto útil, de concentrar o voto no PSOE para frear á extrema dereita tripartita. Só ofrecéndolle á cidadanía galega un instrumento para reter parte dese voto útil, unha grande coalición, era posíbel enfrontar con bó suceso estas eleccións.

O BNG mellorou substancialmente os seus resultados (sobe de 45.000 a 94.000, do 2,9% ao 5,8%) e marca unha nidia recuperación. Nesta conxuntura, dende a dirección frontista poderase obxectar que nin engadíndolles os 17.700 votos de En Marea (1,1%) e os 2.700 votos de CXG (0,17%) garantiríase representación directa e que as coalicións sempre restan algo. Mais este argumento desmóntaxe axiña. Identifiquen vostedes unha ducia, a máis próxima, dos milleiros de persoas que votaron PSOE como voto útil e pregúntenlles se tería votado nunha coalición nacional á corsa. Os resultados haberanlles dar unha idea da potencialidade desta coalición.

Porén, teñen razón Ana Pontón e Luis Villares cando din que Galicia non existiu nesta campaña e que as forzas galegas víronse privadas de moitas canles para achegar a súa mensaxe nun contexto de grande polarización estatal. Velaí o caso do País Valenciano, onde no mesmo día Compromís, dende a vicepresidencia da Generalitat, obtén só un 6,4% dos votos nas estatais fronte ao 14,5% de Unidas Podemos, mentres que nas autonómicas os resultados invírtense. Porén, tamèn Coalición Canaria xogaba nesa conxuntura e mais duplicou a sua representación. Non falemos xa de Euskadi, onde PNV e EH Bildu recuperaron a primacía perdida diante de Podemos no 2015 e 2016.

O grave problema é que, por vez primeira dende 1993 os cidadáns galegos teñen cinco!!! distintas opcións estatais para elixir. Por vez primeira a esquerda española distinta do PSOE acada representación allea a calquera alianza con forzas galegas e locais. Representamos políticamente, xa, menos ca Cantabria.

Mal farían os dirixentes políticos do galeguismo se, para amañar esta desfeita, seguen a se enguedellar na atribución de culpas históricas. O primeiro que o galeguismo precisa é respecto mutuo, xenerosidade e substituir a competición pola cooperación. E, despois, precisa mudar o seu discurso para atender a toda a transversalidade social, mirar polas maiorías e proporlle á xente un proxecto moderno e gañador que nos dea seguranza e autoestima do noso.

Un proxecto que transmita que Galicia precisa sair da irrelevancia para que os galegos e galegas desfrutemos de benestar e dignidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.