Agora é o tempo da rúa

As mobilizacións sociais multiplícanse en Galiza nos últimos tempos. Ás protestas das persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes únense as dos colectivos en defensa da sanidade e máis da educación públicas, as que reclaman o cese dos ataques á lingua galega ou as que piden a paralización dos megaproxectos mineiros que ameazan Corcoesto, Xinzo, os montes da Fonsagrada e outras zonas do país.

Boa parte destas mobilizacións desenvólvense nun dobre escenario: o analóxico (rúas e prazas das vilas e cidades galegas) e máis o dixital (a través de páxinas web e accións nas redes sociais)

Boa parte destas mobilizacións desenvólvense nun dobre escenario: o analóxico (rúas e prazas das vilas e cidades galegas) e máis o dixital (a través de páxinas web e accións nas redes sociais).

No caso das protestas contra as megaexplotacións mineiras, o seu éxito no plano dixital é incontestábel. Ao redor de 200.000 persoas mostraron o seu apoio á petición “Que non arrasen Galicia. Paremos a megaminería contaminante” que se desenvolve na plataforma change.org.

Agora o reto é ser capaces de trasladar a presión popular da internet ás rúas de Compostela o vindeiro domingo na protesta convocada por ContraMINAcción

Agora o reto é ser capaces de trasladar a presión popular da internet ás rúas de Compostela o vindeiro domingo na protesta convocada por ContraMINAcción, a rede contra a minería destructiva no país, baixo o lema “Galiza non é unha mina”.

Vivimos un momento de auxe evidente da mobilización online. Son múltiples os xeitos de executala (difundir un manifesto, facer un chío, compartir un vídeo, picar un Gústame) e centos os espazos para a súa difusión e canalización (Facebook, Twitter, Youtube, Change, Avaaz…).

Antoni Gutiérrez-Rubí, asesor de comunicación e consultor político, apunta no seu libro La política vigilada que o triunfo dos movementos políticos na rede deriva, entre outros, da súa simplicidade, o carácter horizontal e de aire fresco que representan ou a “facilidade que internet outorga para ser activo politicamente, a miúdo, sen moverse da casa”.

Un dos efectos inmediatos dunha mobilización exitosa na rede é o eco que produce a súa mensaxe nos medios de comunicación tradicionais (radio, prensa e televisión) co que a mensaxe se amplifica e alcanza a un público máis amplo

Un dos efectos inmediatos dunha mobilización exitosa na rede é o eco que produce a súa mensaxe nos medios de comunicación tradicionais (radio, prensa e televisión) co que a mensaxe se amplifica e alcanza a un público máis amplo. No caso da mina, na Televisión de Galicia (TVG) semella non aplicar esta lóxica pois, tal e como denuncia o colectivo Eu non manipulo, e ti?, a televisión pública non se fixo eco da entrega de sinaturas tanto en contra (23.000+166.000) como a favor (7.000) da mina de Corcoesto que tivo lugar o pasado 28 de maio ás portas da Xunta en San Caetano.

Resulta evidente que existen elementos positivos nas accións de protesta que se desenvolven na rede, que internet é unha extraordinaria ferramenta de comunicación mais non se deben sobrevalorar os efectos da mobilización online e, sobre todo, é preciso ser conscientes de que se trata tan só dunha acción complementaria á presión social que cómpre exercer na rúa e máis nas institucións.

É preciso ser conscientes de que se trata tan só dunha acción complementaria á presión social que cómpre exercer na rúa e máis nas institucións

Luis Arroyo, consultor de comunicación, alerta dun fenómeno crecente que denomina como “sofactivismo” e que consiste nunha “mobilización de baixa intensidade, preguiceira e con baixos niveis de compromiso”. Ou o que ben sendo o mesmo, limitar a acción política cidadá á sinatura compulsiva de peticións ou propostas a través da rede sen que logo haxa unha traslación ao activismo real.

O primeiro triunfo da mobilización contra megaminería salvaxe que ameaza o país sería que se producise un trasvase do extraordinario apoio online á participación activa na protesta nas rúas de Compostela. A sinatura, a información compartida ou os chíos xa cumpriron o seu cometido: reforzar o encomiábel traballo de información e presión que dun tempo a esta parte veñen facendo colectivos como a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños ou a plataforma social Salvemos Cabana. Pero agora é o tempo da rúa.

A sociedade galega ten diante de si unha nova oportunidade de virar as costas á resignación colectiva que nos adxudican os tópicos

A sociedade galega ten diante de si unha nova oportunidade de virar as costas á resignación colectiva que nos adxudican os tópicos, de artellar unha auténtica rebelión cívica que sexa quen de frear un novo ataque aos nosos recursos naturais. Ogallá sexamos quen de conseguilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.