Agravios á cidadanía galega

CC-BY-SA Praza Pública

Óscar Puente recoñeceu o gravísimo agravio comparativo de que os galegos teñamos a nosa rúa maior, a AP-9, de máis de 200 kms. de lonxitude, suxeita a peaxe, mentres noutros territorios empresas e persoas consumidoras transpórtanse por autovías libres de portaxe. Onde o ministro amosou a febleza dos seus argumentos foi na xustificación da improcedencia da transferencia

Nunha moi recente comparecencia perante o Congreso o ministro responsábel da mobilidade, Óscar Puente, recoñeceu o gravísimo agravio comparativo de que os galegos teñamos a nosa rúa maior, a AP-9, de máis de 200 kms. de lonxitude, suxeita a peaxe, mentres noutros territorios (na súa Castela ou na Andalucía) empresas e persoas consumidoras transpórtanse por autovías libres de portaxe. Puente denunciou, con razón, que a situación actual xurdiu das malfadadas medidas dun goberno do PP ( o segundo goberno do aznarato) que, entre 2000 e 2003, primeiro alongou 25 anos a vixencia da concesión (de agosto 2023 a agosto 2048) e logo privatizou a autoestrada, xusto despois de recibir semellante revalorización polo agasallo do propio Goberno do Estado .

Onde o ministro amosou a febleza dos seus argumentos foi na xustificación da improcedencia da transferencia. A AP-9, miñas donas e meus señores, segundo o Goberno do Estado e Vox, ha seguir a ser estatal. Segundo o ministro Puente (xa desbotada a desaquelada tese de que conecta Portugal co Estado, cando remata a case 5 km da fronteira miñota) a razón é que conecta os cinco portos galegos (Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Vigo) e os tres aeroportos galegos (Alvedro, o compostelán Rosalía de Castro e Peinador) de interese xeral. O centralismo españolista sempre é tautolóxico, ao tempo que caloteiro. Velaí a necesidade de afirmarmos na transferencia ou delegación, tanto da AP-9, como dos portos e aeroportos de interese xeral. Doutro xeito non seremos quen a planificarmos un desenvolvemento moderno, potente e sostíbel deste país.

Coordinada coa tese do ministro Puente e do presidente Sánchez Pérez-Castejón, a maioría PSOE-Sumar da mesa do congreso está a adiar, indefinida e trampulleiramente, o debate da proposición de lei de transferencia da AP-9 ao Poder Galego, proposta pola unanimidade do noso Parlamento. Mais disque Sumar recoñece a plurinacionalidade do Estado. Hai cousas que non llelas dou entendido.

Ministro e Goberno teiman en latricar que primeiro (2030) ha ir o camiño de ferro da alta velocidade Lisboa-Madrid e despois o Lisboa-Vigo (2032, supostamente), malia coñecer a definitiva decisión do Goberno portugués, tanto o actual de centro-dereita como o anterior socialista, de priorizar o eixo atlántico ferroviario galego-portugués

Mentres, o mesmo Ministro e Goberno teiman en latricar que primeiro (2030) ha ir o camiño de ferro da alta velocidade Lisboa-Madrid e despois o Lisboa-Vigo (2032, supostamente), malia coñecer a definitiva decisión do Goberno portugués, tanto o actual de centro-dereita como o anterior socialista, de priorizar o eixo atlántico ferroviario galego-portugués, que haberá vertebrar un espazo de dez millóns de persoas dende Setúbal até Ferrolterra que constitúe, logo do eixo mediterráneo, a meirande concentración de actividade económica e poboación da península ibérica, ben albiscábel dende o satélite.

Por certo, se alguén pensa que co PP van mellorar estas cousas que se esqueza. Estamos aquí xusto pola súas malfadadas decisións, que atenden aos intereses dos lobbies españois do estadio Bernabeu tanto ou máis ca o PSOE. 

Por nós só podemos mirar nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.