Agresións evitábeis e mudanzas necesarias

Artigo realizado por Antón Sánchez e Manoel Santos

Plan Director de Acuicultura Litoral, Lei de Costas, Plan Sectorial de Actividades Extractivas, Lei de Montes, Lei de Augas, cultivos enerxéticos, transxénicos, xeoenxeñaría… Barra libre. Falamos de alternativas sustentábeis e normas reguladoras ou de estratexias de desprotección e xestión irracional do territorio e os seus recursos naturais? Falamos de procura de saídas ou de emprender unha masiva desregulamentación ambiental e laboral como a que provocou o Norte sobre o Sur para globalizar a súa ambición?

A lectura polo miúdo destes e tantos outros documentos indica ben ás claras que todas e cada unha das decisións do malgoberno do señor Núñez, ao servizo do capitalismo sempre, englóbanse nunha nídia fuxida cara adiante perante a crise económica e financeira

A lectura polo miúdo destes e tantos outros documentos indica ben ás claras que todas e cada unha das decisións do malgoberno do señor Núñez, ao servizo do capitalismo sempre, englóbanse nunha nídia fuxida cara adiante perante a crise económica e financeira. Custe o que custar. A crise ecolóxica, a crise social, a crise alimentar e en xeral todo o panorama multicrise que afrontamos xa non só como sociedade, senón como civilización, parecen non estar entre as urxencias do aristócrata de Monte Pío. Nada importa para quen actúa co papel arquetípico dos cipaios ao servizo do ultracapitalismo e o capital estranxeiro.

Se a estas alturas non entendemos que a saída a esta barbarie socioeconómica e ambiental, non pasa por retrotraernos ao insustentábel modelo pre-crise, orixe sen dúbida dos males que hoxe nos toca vivir, é que non entendemos nada

Se a estas alturas non entendemos que a saída a esta barbarie socioeconómica e ambiental, a esta miseria social na que eles mesmos nos mergullaron, non pasa por retrotraernos ao insustentábel modelo pre-crise, orixe sen dúbida dos males que hoxe nos toca vivir, é que non entendemos nada. Hai límites infranqueábeis. Límites que teñen que ver cuns ecosistemas esgotados e cunha biodiversidade en perigo mortal. Límites que atentan directamente contra a paciencia humana e que violan á nosa dignidade como persoas, como pobo e como parte da biosfera.

E non entenden nada tanto os que teiman no capitalismo feroz, ultraprodutivista e ultraconsumista, coma quen pretenden camiñar cara unha especie de neokeynesianismo. Coa nosa esfera celeste na unidade de coidados intensivos hoxe o emprendemento dun New Deal ao estilo Roosevelt é só unha quimera. Non ver isto é pechar os ollos á realidade.

E non entenden nada tanto os que teiman no capitalismo feroz, ultraprodutivista e ultraconsumista, coma quen pretenden camiñar cara unha especie de neokeynesianismo

Como o planeta todo, Galiza está ameazada por estas inefábeis políticas do pan para hoxe e fame para mañá. É por isto, e non por estratexia política de ninguén, que agroman con forza as manifestacións de resistencia e a rebelión cívica. Unha rebelión xa en marcha que mobiliza milleiros de persoas en defensa do común. E é por isto que, ademais de respostar ante a destrución e o espolio dos nosos recursos, da nosa costa e da nosa terra, ao cabo da nosa vida, unha cada vez meirande parte da cidadanía manifesta a súa aposta por un outro modelo. Aquel berro que escoitamos polas rúas de Compostela o pasado día 2, na megamanifestación contra a megaminaría, “ese traballo que o metan no carallo”, é un claro síntoma do que estamos a falar.

Como o planeta todo, Galiza está ameazada por estas inefábeis políticas do pan para hoxe e fame para mañá

Enriba da mesa temos alternativas que cómpre ter moi en conta quer na sociedade civil quer na sociedade política. Todo parece indicar que o máis responsábel sería camiñarmos cara un decrecemento –que non recesión– planificado dende abaixo, para reducir fundamentalmente a nosa produción e o noso consumo. Isto, xunto con moitas outras medidas correctoras de cambio social, podería sacar a nosa civilización do capitalismo de xeito sereno, para adaptármonos deste xeito a un planeta de recursos finitos que xa está sobreexplotado, para enfrontármonos con algunha posibilidade de éxito ao peak-oil, á mudanza climática, á inevitábel creba do capitalismo global, como deixou escrito Ramón Fernández Durán.

Necesitamos imperiosamente un novo modelo, para o que Galiza conta cunhas condicións excepcionais. Condicións excepcionais para un modelo agroecolóxico de produción con circuítos curtos de comercialización

Necesitamos imperiosamente un novo modelo, para o que Galiza conta cunhas condicións excepcionais. Condicións excepcionais para un modelo agroecolóxico de produción con circuítos curtos de comercialización, para a distribución extensiva da poboación nun mundo rural vivo, para o aproveitamento multifuncional dun monte infrautilizado e empobrecido con monocultivos sen futuro, para a xestión sustentábel dunha pesca artesanal nun litoral único no mundo, para os ecoempregos, para a xestión cooperativa dos recursos. Galiza é un mundo si, pero temos que facer un mundo novo.

Os factores que tradicionalmente se consideraron como eivas dende un punto de vista capitalista; minifundio, dispersión poboacional, propiedade comunal, pouca especialización, non o son ou non teñen porque selo para os novos paradigmas que están a xurdir. Cun cambio no modelo produtivo ábrense portas á esperanza, coa posibilidade da creación de traballo, de aplicación dos coñecementos tanto tradicionais coma innovadores, para a xente que agora non albisca saída e á que só se lle ofertan condicións de miseria para traballar para canadianos nunha mina, ou noruegueses nunha piscifactoría.

Os factores que tradicionalmente se consideraron como eivas dende un punto de vista capitalista; minifundio, dispersión poboacional, propiedade comunal, pouca especialización, non o son ou non teñen porque selo para os novos paradigmas que están a xurdir

Esta é a loita decisiva.

Fronte ao capitalismo feroz e desesperado, mudanza dos paradigmas, ecoloxismo, decrecemento, reparto do traballo, respecto ao medio e ás persoas. Coñecemento e racionalidade fronte á barbarie e defensa da terra.

Galiza non está en venda, non. E si, por suposto que hai que botalos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.