Airas Nunez na sombra das Avelaneiras

A primavera enforna unha revolta incandescente. Baixo a súa irreverencia non hai lugar para a represión. A submisión da beleza aos designios relixiosos da virtude é unha linguaxe incomprensíbel para a estación por excelencia. Un poeta galego, na sombra en retirada do século XIII, acendeu un facho para alumear esa beleza “mudando en clara luz a escuridade”, tal e como prescribira ese precursor do racionalismo que é o poema do Gato Pángur do irlandés Libro de Kells .

De Airas Nunez sabemos que foi autor dunha parte das Cantigas de Santa María e que era clérigo. Pouco máis

De Airas Nunez sabemos que foi autor dunha parte das Cantigas de Santa María e que era clérigo. Pouco máis. A respecto deste último dato, a confusión terminolóxica é doada. Giuseppe Tavani, autor dunha monografía canónica sobre o poeta publicada por Galaxia, cuestiona tal condición apuntando á tradición europea do termo naquela altura.

“O termo clérigo, máis ca no senso dunha pertenza precisa do poeta ó clero regular, debe ser entendido máis ben como indicativo da súa calidade de home de letras, como tal simple tonsurado,...”

No rigor da cosmovisión medieval a ousadía de Airas dá en desatar o Renacemento. Nun entorno de oficial marxinación nas artes de calquera motivo non relixioso, a natureza ábrese camiño a través dunha lírica esplendorosa. As xeracións de magníficos poetas sucédense, facendo uso dunha abraiante versatilidade apreciábel na diversidade de rexistros, na brillantez e orixinal inspiración da súa obra, que transita no gume do tolerábel pola omnipresente teocracia.

Airas sitúa na súa ao meu ver obra capital a tres mulleres novas que bailan á sombra das avelaneiras en flor. Recupera deste xeito unha liña directa coa tradición clásica. A cantiga é atípica. Non é de amor, non é de amigo en sentido estrito senón de maneira tanxencial. O amigo non se agarda. Ámase, mais non ten figuración. É posíbel mesmo que aínda non exista, que estexa por aparecer na vida das mozas. Elas falan de “se amigo amar”, mais de existir tal amigo, non ronda polo aveledo. Así teiman, de feito: “Por Deus, ai amigas, mentr´al non fazemos/so aqueste ramo frolido bailemos”.

Airas sitúa na súa ao meu ver obra capital a tres mulleres novas que bailan á sombra das avelaneiras en flor. Recupera deste xeito unha liña directa coa tradición clásica

A despreocupación da muller que baila en liberdade (o “bailas e faisme libre” de Uxío Novoneira ) ten sido unha recorrente fonte de preocupación para todas as expresións do fenómeno relixioso na Historia, obsesionadas co control da conduta moral feminina.

Na cantiga de Airas as mozas florecen ao tempo que o fan as avelaneiras. Os seus corpos novos experimentan o indómito alporizar dos sentidos que provoca a primavera. Os adxectivos do Poeta – belidas, louçãas – acrecentan a connotación pecaminosa, convertida ademais en impúdico convite á transgresión (“quem for louçãa como nós louçãas / so aqueste ramo d´estas avelãas verrá bailar”).

O baile supón, do mesmo xeito que o cabelo solto, a roupaxe ou a nudez, outro dos albos referenciais na represión relixiosa contra a muller. Boa fe dan ao respecto as moi detalladas actas procesais da inquisición, que debullan a delirante instrución, a repugnante tortura practicada nos interrogatorios e a depravación dos representantes da divindade ao se enfrontar á ameaza da identidade feminina.

Airas sentiu esa fascinación pola beleza de seu, pola muller danzante, indómita, sen amigo, deleitada na cálida mocidade que a posúe

Airas sentiu esa fascinación pola beleza de seu, pola muller danzante, indómita, sen amigo, deleitada na cálida mocidade que a posúe. Relacionou esa xuventude en flor coa natureza en fervor primaveral e ao facelo, puxo conceptualmente fin á Idade Media.

Botticelli pintará na súa Primavera tres mulleres novas danzando baixo as ponlas dunha árbore, douscentos anos despois. Séculos máis tarde, un escritor francés recriará a súa frieza á sombra doutras mozas en flor. Ambos loitando contra a imposición dunha grisenta e desalentadora moral. Perdido no tempo, o noso Poeta aventaría neste maio con renovada fascinación a irrupción, un novo triunfo da invencíbel primavera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.