O outro día no telexornal escoitouse claramente a mensaxe que está a lanzar o líder de Ciudadanos: "Non estamos dispostos a que se suban os impostos porque crea máis paro". Este é un dos mantras da dereita, civilizada ou non.
Esta é unha afirmación que, como todas, require ser demostrada. Para a dereita forma parte do seu ideario subconsciente e, por iso, non require demostración. Pero os demais adoitamos ver que pasa e que pasou para facer unha afirmación dese calibre.
Se a tese de Rivera fose certa, deberiamos ter unha taxa de paro baixísima en relación cos demais Estados
Se miramos a presión fiscal que temos en comparación co resto de países da nosa contorna europea, poderemos observar que pola nosa presión fiscal, medida en porcentaxe da nosa riqueza, ocupamos o posto 18 dos 28 países da Unión Europea. Con todo, en relación coa riqueza por habitante ocupamos o posto 13. Se a tese de Rivera fose certa, deberiamos ter unha taxa de paro baixísima en relación cos demais Estados. Pero todos sabemos que non é así. É a segunda taxa máis alta da UE, despois de Grecia.
Isto é o que din os datos de 2014, que son os últimos sobre presión fiscal publicado por Eurostat, que sitúa a presión fiscal no 34,2% fronte á media da UE-28 do 39,9% ou do 40,4% se nos fixamos na UE-15. Isto quere dicir que unha presión fiscal similar á media da UE suporía unha recadación de 59.055 millóns de euros máis ou de 65.063 se fose a da UE-15.
De fixáromonos nos países cunha presión fiscal máis alta, figuran entre eles os favoritos do señor Rivera, os que pon el de exemplo e adoita citar como forma de facer as cousas, os países nórdicos. Cunha presión fiscal como a danesa, o 50,7% do seu PIB, en 2014 recadáronse 172 mil millóns de euros máis; Suecia e Finlandia teñen 9,4 e 9,7 puntos máis o que suporía arredor de cen mil millóns de recadación máis e Noruega só 4,7 puntos máis, uns cincuenta mil millóns. Cada punto de presión fiscal supuña para España en 2014 unha recadación de 10.411 millóns de euros. Entre os países máis da nosa contorna, Francia recada o 47,8%, Italia o 43,6% e Alemaña o 39,3%.
Os Estados que menor presión fiscal teñen, son, por esta orde, Letonia, Lituania, Bulgaria e Romanía cunha presión inferior ao 30%. No seguinte chanzo, xusto o anterior ao noso, están Irlanda, o 30%, Eslovaquia co 31%, Estonia co 32,3% e Polonia co 32,9%. Se, como quere Ciudadanos, se baixan os impostos, cal sería modelo ao que quere que nos parezamos? En 2014 a presión fiscal era a mesma que Polonia ou Estonia. O modelo sería o de Dinamarca, Francia ou Italia ou, pola contra a Bulgaria, Romanía ou Lituania?
Inmediatamente por riba de España, cunha presión fiscal entre 2,4 e 3 puntos máis están Croacia, Eslovenia e Portugal que recadarían, en equivalente noso, entre 25 e 28 mil millóns máis. Logo atopámonos a Holanda, Hungría e Grecia cuxa recadación equivalería entre 35 e 50 mil millóns máis.
Debaixo destes Estados só están os xa mencionados que teñen menor presión fiscal e Irlanda que apostou por captar fondos e empresas por medio dunha política fiscal por baixo dos países da contorna.
A presión fiscal en España está moi por baixo dos países da Unión Europea que manteñen un Estado de benestar
Como primeira conclusión pódese dicir que a presión fiscal en España está moi por baixo dos países da Unión Europea que manteñen un Estado de benestar. Aqueles cunha renda por habitante similar á nosa, Italia e Eslovenia, teñen unha presión fiscal superior en 9 e 3 puntos respectivamente o que suporía un aumento da recadación de 90 a 30 mil millóns de euros máis segundo o Estado que tomemos de referencia. A primeira política distributiva é a que provén da presión fiscal. A mera constatación da diferenza no posto que se ocupa por presión fiscal, o 18 e na riqueza por habitante, o 13, deixa ás claras a necesidade de aumentar a recadación e os impostos.
A segunda afirmación que fai o señor Rivera é que non hai que subir impostos porque sobe o paro. Por que o aumento da presión fiscal sobe o paro? Se miramos que pasou coa relación entre a taxa de paro e o aumento da presión, o resultado é claro. A maior presión fiscal desde 1995 foi en 2006 e 2007 (36,8% e 37,1%). e os anos con menor taxa de paro precisamente foron eses con un 8,5% e un 8,3%.
Se, continuando en Europa, miramos como variaron as diferenzas entre a taxa de paro e a presión fiscal en relación coa media europea, o resultado nega por completo a afirmación de Albert Rivera. Na medida en que a presión fiscal se aproxima á media europea, a taxa de paro tamén. É dicir que a taxa de paro baixa cando sobe a presión fiscal e non ao revés, como defende a dereita.
A taxa de paro baixa cando sobe a presión fiscal e non ao revés, como defende a dereita
Entre os anos 1995 e 1998 a taxa de paro estaba de media en 21,2% o que supuña 10,4 puntos por encima de Europa. A presión fiscal estaba no 31,7% o que implicaba unha diferenza de 6,7 puntos. Entre 1999 e 2003 a presión fiscal era 5,3 puntos inferior á media da UE e a taxa de paro 4,2 puntos superior. Neses anos a taxa de paro era do 12,5% e a presión fiscal do 33%. Entre 2004 e 2007 houbo unha taxa de paro de 9,3% e unha presión fiscal do 35,3% cunha diferenza de 1,5 e 2,6 puntos sobre a media da UE, a menor do vinte anos. Entre 2008 e 2014 creceu a taxa de paro até o 20,9% de media e diminuíu a presión fiscal até 31,7%. A diferenza coa UE foi de 11,2 na taxa de paro e de 6,3 puntos na presión fiscal
DIFERENZA DE TAXA DE PARO E PRESIÓN FISCAL ENTRE ESPAÑA E A UE
Como se aprecia claramente no gráfico, as dúas diferenzas coa Unión Europea, taxa de paro e presión fiscal, tenden a confluír ou a afastarse simultaneamente. Iso supón que a afirmación de que o aumento da presión fiscal fai crecer o paro é falsa. O que fai é diminuír os petos dos intereses que defende o señor Rivera.
A afirmación de que o aumento da presión fiscal fai crecer o paro é falsa. O que fai é diminuír os petos dos intereses que defende o señor Rivera
Coa situación actual, non propor un forte aumento da presión fiscal supón necesariamente seguir condenando a nove de cada dez novos en paro, a tres de cada catro mulleres paradas e dúas de cada tres homes parados a continuar sen protección por desemprego. Iso é inconstitucional. Supón incumprir a Lei da Dependencia e iso é non garantir un Estado de Dereito. Supón manter a sanidade na situación actual e iso é non garantir un Estado Social. Supón non garantir unha educación de calidade para todos, con independencia da súa orixe, e iso é negarnos o futuro.
O diñeiro que perciben os parados en prestacións, gástano, aumenta o consumo e xérase máis riqueza. O diñeiro do aforro, o que o Estado deixaría de ingresar con menor presión fiscal, cara a onde vai?
Ademais da falsidade das afirmacións da dereita, e das razóns de xustiza, hai un razoamento económico que cada día é máis obvio: o diñeiro que perciben os parados en prestacións, gástano, aumenta o consumo e xérase máis riqueza. O diñeiro do aforro, o que o Estado deixaría de ingresar con menor presión fiscal, cara a onde vai? Non parece que á vista dos últimos datos policiais se poida afirmar que ao investimento. A garantía do investimento desa porcentaxe do PIB prodúcese a través das persoas paradas, das dependentes, de quen carecen de ingresos, da educación ou da sanidade. Iso si garante a creación de emprego. A menor presión fiscal non a garante ou, polo menos, até agora non a garantiu e non hai que crer en que no futuro o faga.