Albor, santo súbito!

En 2005 fíxose viral -que diríamos agora- un lema en italiano que esixía a rápida beatificación do papa Xoan Paulo II, o polaco Karol Wojtyła, falecido meses antes, unha campaña criticada nalgúns sectores da Igrexa Católica que consideraban inapropiada esa premura. O ex-bispo de Cracovia foi un papa de tendencias retrógadas, alonxadas da evolución da sociedade. Lembro a expectación pola súa visita a Compostela en 1982 (aínda non existía o Xacobeo!), pero tamén a súa reprimenda a Ernesto Cardenal, o crego e escritor nicaraguano que era ministro de Cultura do novo goberno da Frente Sandinista; era 1983, e no propio aeroporto de Managua, Wojtyla amonestou, con claro enfado e irritación, ante as cámaras de TV de medio mundo a un Ernesto Cardenal axionllado, unha imaxe que quedou para Historia como símbolo da intolerancia. Wojtyla foi, trala súa morte, elevado aos altares no proceso de beatificación máis curto da Igrexa Católica.

Hai poucos días falecía Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia autonómica, elixido en 1982. Foron moitos os artigos e declaracións que salientaban os seus valores e principios, unha maré haxiográfica típica; pero poucas opinións foron equilibradas, e moi poucas destacaron o lado obscuro de Fernández Albor: a súa formación como piloto na Luftwaffe nazi, a pertenza ao colectivo de poder fáctico Realidade Galega ou a súa reunión cos contrabandistas galegos en Portugal; tamén se evitou no posible citar a súa especialización como cirurxián proctolóxico; a onda colleu tal forza que ata cantou alabanzas del o que fora acusado da felonía, Barreiro Rivas, que saltara sen rede de vicepresidente nun goberno do AP a vicepresidente do novo goberno encabezado polo PSdG-PSOE en 1987 coa moción de censura.

En Galicia é costume non falar mal do veciño recén falecido, e eu acredito nesa tradición; con todo, alguén debe facer unha análise equilibrada da figura de Albor

En Galicia é costume non falar mal do veciño recén falecido, e eu acredito nesa tradición; con todo, alguén debe facer unha análise equilibrada da figura de Albor; este tivo desde o seu inicio un talante paternal -accedeu á Presidencia da Xunta con 65 anos- que unido á sua voz suave determinou que fose o presidente do «sentidiño», unha máxima de significado político descoñecido. Non debe fácil ser presidente de Xunta; sometido sempre ao escrutinio dos medios de comunicación -por máis que na TVG e na RG todo sexan louvanzas- non sabe un que práctica observar: se recluirse no fortín de San Caetano ou aparecer en calquera festa popular a botar o pregón; algo disto último foi o que elexiu Albor, adicado venres e sábados -os Consellos da Xunta eran e son os xoves- a inauguracións varias, que soían rematar co clásico viño e pinchos, ou comida para os invitados VIP. Daí veu o alcume, entre familiar e caricaturesco, de «merendiñas». Nada que non fixera, por certo, o «León de Vilalba», pois foi Fraga, a pesar da súa fama de carácter rexo, o que inaugurou unhas beirarrúas en Narón en 2004.

Tamén é certo que Albor non chegou ao extremo de Jose Quiroga, o seu antecesor, que na noite negra do 23-F decidiu rematar a reunión extraordinaria do Consello da Xunta e irse a durmir; é certo que nesa época as máximas tropas da Xunta eran os axentes de Extensión Agraria e os seus famosos Dyane 6. Nada que ver cos seus colegas de Cataluña e País Vasco, que optaron por actitudes moito máis activas en defensa dos valores democráticos.

Deu pasos progresivos para afianzar as institucións autonómicas e promoveu unha política de galeguización conservadora pero non reaccionaria; pero por outro lado, contribuiu a banalizar a institución

Cómpre unha biografía ecuánime de Albor. Deu pasos progresivos para afianzar as institucións autonómicas e promoveu unha política de galeguización conservadora pero non reaccionaria; pero por outro lado, contribuiu a banalizar a institución, práctica que seguiron algúns dos seus epígonos; véxase a recente decisión de Feixóo de conceder a Medalla Galicia -máxima condecoración da Xunta- a tres expresidentes do TC, dos cuais dous (que naceron, traballaron e viviron fóra do noso país) teñen a mesma relación co noso país que os turistas que chegan no Queen Mary 2.

En fin, D.E.P. Albor. O meu recordo tamén para Miguel Cortizo, outra figura clave da política galega, recentemente falecido, do que haberá que falar.

PD.: O Panteón de Galegos Ilustres admite novas incorporacións?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.