Alcoa e o infinito universal

Mobilización ante a factoría de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

Se algo tan vasto como o Universo ten limites definidos, non se entende que alguén teime en demostrar a infinitude de, poñamos por caso, o alumínio e, máis concretamente, da súa fabricación na periféria máis arredada do mercado

En 2018, pouco antes de morrer, Stephen Hawking publicou un artigo no Journal of High Energy Physics que asinou xunto con Thomas Hertog. Neste traballo, ambos investigadores concluían que a eterna inflación do Universo seguindo a teoría do Big Bang era incorrecta e que, segundo a teoría das cordas, o Universo era, efectivamente, finito, cuns limites, no entanto, descoñecidos.

Se algo tan vasto como o Universo ten limites definidos, non se entende que alguén teime en demostrar a infinitude de, poñamos por caso, o alumínio e, máis concretamente, da súa fabricación na periféria máis arredada do mercado. Como tamén é sorprendente que aínda haxa xente convencida de que a construción da Presa das Tres Gargantas da China (22.500 MWh de poténcia instalada) foi para levar a luz eléctrica a miles de aldeas remotas habitadas por “pobres chinitos”.
 

O poder da China

“China non quere ser a fábrica do mundo, senón a súa grande vangarda tecnolóxica”, declarou hai pouco Xulio Ríos. E, efectivamente, todo o que o governo chinés fai na planificación dos seus investimentos vai dirixido cara ese obxectivo. Por exemplo, a Belt and Road Initiative chinesa, é unha estratexia de desenvolvimento que persegue posicionar ao xigante asiático en cabeza do comercio, os investimentos e as finanzas mundiais, con seis eixos dirixidos, nesta orde: Mongolia e Rusia, países eurasiáticos, Ásia Central e do Oeste, Paquistán, outros países do subcontinente indio e a Indochina. Estratexias aparte son as que a sitúan como máximo investidor na Sudamérica e en África. E, queiramos ou non, China está a lograr situarse á cabeza do mundo.

“China non quere ser a fábrica do mundo, senón a súa grande vangarda tecnolóxica”, declarou hai pouco Xulio Ríos. E, efectivamente, todo o que o governo chinés fai na planificación dos seus investimentos vai dirixido cara ese obxectivo

Se en 1986 o norteamericano Paul Theroux desvelaba no seu libro “No galo de ferro” o inmellorábel posicionamento chinés para liderar o mundo en apenas unhas decenas de anos, a pesar de Tiananmen, na actualidade os USA queixanse da economía subsidiada e do dumping chinés, que sería responsábel da absoluta preponderáncia das producións chinesas no mercado mundial. Como exemplo, o exabrupto da Aluminum Association, a organización que agrupa a indústria norteamericana do alumínio, no seu documento “Time for action on China´s Overcapacity”. Nun dos parágrafos deste documento afírmase: “Un informe de Xaneiro de 2019 da OCDE documentou subsídios masivos para os produtores chineses de alumínio”, algo que, evidentemente, descoñecemos que teña sucedido, suceda ou poida chegar a suceder no futuro coa Aluminum Company of America (ALCOA), nen nos USA, nen en Europa...

Cun mercado invadido pola produción chinesa e co abaratamento mundial dos prezos, pretender competir con China é, simplesmente, un absurdo

O caso é que China é na actualidade o primeiro produtor mundial de alumínio e copa o mercado mundial da bauxita. Emprega boa parte da súa produción eléctrica en alimentar a súa indústria de transformación, da que forman parte os catro focos principais de fabricación de alúmina, alumínio primário e derivados de alumínio, entre os que destaca o de Shandong-Henan, situado xusto ao norte da provincia de Hubei (capital Wuhan, lembran?), que é onde está a Presa das Tres Gargantas. Cunha produción anual de 98.800 gigawatios hora e liñas eléctricas de 500 kV, algunhas de máis de 1300 km de lonxitude, a corrente chega ás plantas de alumínio con imparábeis ánsias electrolíticas. Un exército de traballadores, tan baratos como eficientes, domina o proceso nas cubas da electrolise e así como entra, a bauxita logo se transforma en alúmina, alumínio primário e derivados. En 2019, China puxo no mercado 36 millóns de toneladas, dos aproximadamente 56 millóns producidos no mundo. Os USA apenas alcanzaron 1.1 millóns de toneladas. Cun mercado invadido pola produción chinesa e co abaratamento mundial dos prezos, pretender competir con China é, simplesmente, un absurdo. A non ser que practiquemos exactamente aquilo que a Aluminum Association of America denuncia como dumping chinés… Sendo minimoscas, queremos desputar o campionato de pesos pesados e pedímoslle ao treinador que reciba as hostias por nós. Algo que xa está a facer a Itália, que asinou un compromiso de subministro eléctrico a 28-29 euros/MWh, 24-25 euros por debaixo do prezo de mercado. 

A redución da tarifa eléctrica até extremos inmorais é o que pretende esta indústria para poder competir coa produción chinesa. Algo que se suma ao investimento estatal maioritário cando se trata de conservar a indústria e os postos de traballo, como sucedeu en Sardeña no acordo da venda da planta de Alcoa a Sider Alloys (90 millóns de euros do Estado dun investimento total de 140 millóns).

Para poder conservar a planta de Alcoa, Islándia ten que afrontar a construción dun enorme encoro para produción hidroeléctrica e dunha planta xeotérmica de dimensións xigantescas

Pero isto non é todo. Cando a produción eléctrica é insuficiente, esta indústria é capaz de influir na política enerxética dos estados. O caso de Islándia é sangrante. Para poder conservar a planta de Alcoa, Islándia ten que afrontar a construción dun enorme encoro para produción hidroeléctrica e dunha planta xeotérmica de dimensións xigantescas. Ambas infraestruturas, con enormes custes ambientais, para subministrar electricidade barata á planta da multinacional norteamericana.

O caso é que incluso co apoio estatal máis inmoral a multinacionais de dubidosa honestidade, caso da suiza Sider Alloys na Sardeña, a sinatura de contratos con compañías chinesas para o subministro de alúmina podería entenderse como parte dunha estratexia chinesa de internacionalización, fomento de niveis de dependencia absoluta, orientación cara máximas exposicións a flutuacións futuras da demanda e futuro “crash out” inducido da compañía. Ese ben podería ser o futuro da planta da Sardeña.
 

A transformación do alumínio

En 2014 a multinacional de investimentos Atlas Holdings comprou as instalacións de Alcoa en Amorebieta e Alacant, onde a compañía norteamericana transformaba alumínio para a fabricación de produtos destinados á arquitectura, envases ou laminados para automoción (fabrica chapa, perfís e bobinas). Co compromiso de mercar o seu suministro de alumínio nas plantas de Alcoa, Atlas Holding fundou Aludium, que aínda hoxe traballa na transformación do alumínio nestas plantas e na de Castelsarrasin, en Francia. Mais, onde merca hoxe Aludium o seu alumínio? No seu web indican que mercan follas de alumínio primário a empresas pertencentes á Aluminium Stewardship Initiative (ASI), organización na que se integran a maior parte das compañías produtoras de alumínio primário do mundo, entre elas a chinesa Chalco ou a C.S. Aluminium Corporation de Taiwan (CSAC). Non é difícil entender que Aludium procurará o subministro máis económico para abaratar custes e ser máis competitiva. Porén, non especifican a procedencia do alumínio primário que consomen e simplesmente sinalan á ASI como proveedora.

O subministro internacional de follas de alumínio primário cada vez pasa máis por mans de compañías chinesas. Detentan a propriedade das máis importantes minas de bauxita e de plantas de primeira transformación en vários países do mundo

E, ao igual que Aludium, a maior parte das fundicións e metalúrxicas do alumínio de Italia, como Eural Gnutti, Cestaro, Fassi, Pavinato e demáis empresas do sector van procurar abaratar os seus procesos produtivos fornecéndose do alumínio primário que ofreza mellores condicións económicas e de calidade no mercado internacional.

O certo é que o subministro internacional de follas de alumínio primário cada vez pasa máis por mans de compañías chinesas. Detentan a propriedade das máis importantes minas de bauxita e de plantas de primeira transformación en vários países do mundo. A primeira compañía en produción é a privada China Hongquiao Group, seguida da rusa UC Rusal, para despois posicionarse en terceiro lugar a estatal Chinalco (empresa matriz de Chalco). Todas elas colocan inmensas cantidades de alumínio primário e alúmina no mercado internacional, completamente globalizado e sometido aos intereses dos maiores produtores. Calquera pode facerse unha idea da magnitude e alcance deste mercado consultando as ofertas no web trade-metal.com.

 

O xogo político

Na actualidade, o dominio chinés do mercado é tan incuestionábel como a retirada dos USA. Non só no aluminio. Tamén no mercado mundial doutros metais e matérias primas estratéxicas

Muito mudou o panorama mundial do aluminio desde Febreiro de 1998, cando se consumou a venda da factoría de San Cibrao a Alcoa por 410 millóns de dólares. Naquel momento, os USA lideraban a produción mundial, con máis de 6 millóns e medio de toneladas producidas, dunha produción total mundial, entre Febreiro de 1998 e Febreiro de 1999, de algo máis de 24 millóns e medio, con China a enorme distáncia (apenas 391.000 toneladas).

Na actualidade, o dominio chinés do mercado é tan incuestionábel como a retirada dos USA. Non só no aluminio. Tamén no mercado mundial doutros metais e matérias primas estratéxicas. O caso é que o PIB real de China a sitúa como primeira economía mundial, a pesar dos vaivéns rexistrados no primeiro trimestre deste ano 2020. Pensar en competir con este xigante é estar fóra da realidade.

Contra toda lóxica, a clase política galega pecha filas na defensa da fabricación de alúmina e alumínio en San Cibrao

Mais, contra toda lóxica, a clase política galega pecha filas na defensa da fabricación de alúmina e alumínio en San Cibrao e todas as propostas xiran ao redor ou ben dunha maior contribución pública através do denominado estatuto electrointensivo, eufemismo de “electricidade gratis”, ou dunha intervención tal que permita unha operación similar á da planta de Alcoa de Sardeña. A primeira alternativa, co peche da térmica das Pontes, implica destinar boa parte da produción eólica ao subministro desta indústria, co máis que posíbel efecto colateral do incremento de poténcia eólica instalada (masificación aínda maior da enerxía eólica nos montes galegos). A segunda implica iniciar un camiño similar ao de Sardeña. Se nesta planta o governo italiano mobilizou máis de 90 millóns de euros en axudas, nun investimento global de 140 millóns para reiniciar a produción da planta, é de esperar que no caso de San Cibrao os potenciais compradores non admitirían unha participación pública inferior. Con ese antecedente e co foco mediático posto na situación social da Mariña, nengún dos especuladores do mundo da metalurxia do alumínio vai entrar nunha operación sen garantías, é dicir, sen unha suculenta participación pública e sen un contrato eléctrico igual de suculento. 

Visto o panorama do mercado mundial do alumínio e a dinámica existente na produción mundial, apostar por unha nacionalización da indústria é abrir un pozo sen fundo onde enterrar cartos e máis cartos

Mais investir 90 ou 100 millóns de euros en tentar salvar mil postos de traballo, máis alá da empatía que poidamos desenvolver co colectivo de traballadores afectados e as súas famílias, implica asegurar que o destino dese importante capital vai proxectarse nun futuro a meio prazo e que non se perderá á volta de 10 ou 15 anos, como todo parece indicar no caso de Sardeña. E, visto o panorama do mercado mundial do alumínio e a dinámica existente na produción mundial, apostar por unha nacionalización da indústria é abrir un pozo sen fundo onde enterrar cartos e máis cartos. Alá aqueles partidos que pretendan ignorar a teimuda realidade enganando a cidadáns necesitados de esperanza.
 

Qué facer coa Mariña?

Salvar esa planta non lograría modificar un contexto mundial desfavorábel, que á volta de 5 ou 10 anos esixiría máis e máis privilexios á empresa que a explotase

Para os que somos profanos da política ou, máis ben, non temos a habilidade de profana-la con fantasías, defender o futuro do alumínio na Mariña é cuspir contra o vento. Porque salvar esa planta non lograría modificar un contexto mundial desfavorábel, que á volta de 5 ou 10 anos esixiría máis e máis privilexios á empresa que a explotase. O mesmo acontece con Ence, que se sostén porque ten secuestrada a política forestal e porque todos os montes que miran para a beiramar, crecentes superfícies do interior e cada vez máis terras agrárias lle son entregadas ao desbarato pola brigada de demolicións que dirixe o goberno autonómico do PP.

Entón, qué facer coa Mariña, tan dependente como é da factoría de Alcoa?

A evolución demográfica de Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz e Barreiros foi positiva desde os anos 80, nun claro reflexo da incidencia social e económica da implantación da factoría de Alúmina-Aluminio en San Cibrao. Alternativamente, dúcias de aldeas da montaña de Muras, Ourol, Alfoz, O Valadouro, Mañón e O Vicedo perderon case todos os seus moradores. Muitas delas son hoxe espectros encadeados en densos eucaliptais.

A actual e definitiva crise de Alcoa pode ser unha oportunidade para despregar todo o argumentário nacionalista galego na defensa dunha outra concepción do país

Entendo que a actual e definitiva crise de Alcoa pode ser unha oportunidade para despregar todo o argumentário nacionalista galego na defensa dunha outra concepción do país. Cos nosos recursos naturais ao servizo da nosa xente e da nosa terra. Escrevía hai ben pouco Gabriel Lópes: “Aproveitemos a oportunidade. Que fechem. Tiremos a chave vem longe nom vaia ser que mudem de ideia. Comecemos a pensar que Galiza queremos, que indústrias som as que precisamos, como é que queremos que seja o nosso futuro e dos e das que venhem atrás nossa”. Coincido no enfoque. 

Son catro os elementos que dan volume a esta situación. O elevado continxente humano que vai ficar sen traballo por depender directa ou indirectamente da factoría de Alcoa. O enorme espazo industrial que ficará baleiro a disposición de nova indústria. O aínda máis vasto território rural e de montaña despoboado na contorna como resultado da migración interior. E, finalmente, como non pode ser doutra maneira, o máis que significativo orzamento que se deberá habilitar para iso que denominan sempre planos de reindustrialización. Falta a dirección que deberíamos imprimir a este conxunto de elementos.

O nacionalismo galego dominante pouco se ten ocupado en deseñar unha alternativa ao actual sistema do oligopólio eléctrico. Para non pillarse os dedos, o BNG considera que son os axentes sociais quen deben impulsar outras visións. Aí están as propostas da CIG nas súas iniciativas lexislativas populares sobre tarifa eléctrica galega e de recuperación das concesións de saltos e encoros de produción hidroeléctrica. Mais nas ILP non debe rematar o debate. É o BNG quen debe dar a batalla e cargar unha e outra vez no parlamentiño e onde faga falta para defender a necesidade da existéncia dunha axéncia pública galega da enerxía eléctrica, encarregada de xestionar, activar e modernizar os aproveitamentos hidroeléctricos tras a recuperación das concesións. 

Unha axéncia destas características é o ovo da serpe para o centralismo españolista. Saben ben que a operatividade dunha entidade pública deste tipo activaría unha chea de procesos sinérxicos na indústria, na promoción do emprego e na recuperación social e ambiental de numerosas comarcas de Galiza. Esta axéncia podería negociar cos produtores e operadores eléctricos unhas tarifas reducidas en comarcas industriais deprimidas, favorecendo a recuperación do seu tecido industrial. O caso da Mariña sería o disparo de saída dunha nova andaina cara a soberanía enerxética e o uso dos recursos hidráulicos para o progreso dos galegos e non dos especuladores. 

A promoción da recuperación e desenvolvimento das aldeas, terras agrárias e de montaña das parróquias deprimidas de Muras, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mañón e O Vicedo sería outra obxectivo

A promoción da recuperación e desenvolvimento das aldeas, terras agrárias e de montaña das parróquias deprimidas de Muras, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Mañón e O Vicedo sería outra obxectivo. Destinar os orzamentos públicos á promoción de iniciativas de recuperación arquitectónica, valorización agrária, gandeira, forestal ou turística, á recuperación ambiental e á protección dos recursos naturais dunha montaña tan singular e valiosa como a das Serras Setentrionais de Galiza, en lugar de alimentar o burato negro do alumínio, proporcionaría uns retornos sociais, económicos e ambientais inimaxinábeis.

Son apontamentos que habería que desenvolver para calibrar a súa viabilidade. Mais a certeza da China proxecta un fundido a negro na Mariña que obriga a valorar con urxéncia outros camiños. Podemos defender tácticamente algo que estratéxicamente debe ser eliminado, mentres sentamos progresivamente as bases para poder face-lo

 

Unha transición necesária

Trataríase de articular un período de transición no que o mantimento da actividade na factoría de San Cibrao se acompañaría coa progresiva criación das condicións sociais e económicas para o seu peche

A defensa non desexábel de Alcoa ou dunha factoría activa en San Cibrao no inmediato, a curto prazo, debería poder integrar unha engranaxe coa necesidade dunha reestruturación económica na bisbarra, cuxos trazos serían os expostos anteriormente. Trataríase de articular un período de transición no que o mantimento da actividade na factoría de San Cibrao se acompañaría coa progresiva criación das condicións sociais e económicas para o seu peche. Quizás, para viabilizar este proceso, sería necesario partir da abordaxe de axustes produtivos e ir introducindo socialmente a necesidade dunha racionalidade social, económica e ambiental na produción e xestión de recursos. A mellor opción, por ser a menos custosa e a que non implicaría interrupción da actividade, sería que o governo de Madrid ofrecese un contrato eléctrico a 5 anos en condicións que Alcoa non puidese rexeitar. 

No deseño deste período habería que marcar prazos ás condicións de continuidade da factoría á vez que ir definindo, tamén con prazos de execución material, o plano alternativo de estímulo á reindustrialización, de impulso ao emprendimento agrário e de revitalización do tecido produtivo rural, contando sempre coa implicación social nesta estratéxia (empresários, sindicatos, colectivos sociais, concellos..). 

A morneza política en contextos de emerxéncia nacional acaba por condicionar o discurso até extremos contraditórios, e un deles é este do alumínio

En todo caso, e dito o anterior, paréceme que a morneza política en contextos de emerxéncia nacional acaba por condicionar o discurso até extremos contraditórios, e un deles é este do alumínio. Pensar que se pode continuar cun posicionamento de perfil ante a transcendéncia do debate eléctrico ou, mesmamente, permanecer na area politica sen adaptar estruturas, obxectivos e mensaxes para lograr a conquista do poder xestor disponíbel é non tomar a sério o próprio discurso da “emerxéncia nacional”, porque todo o anteriormente exposto esixe da criación, igualmente, das condicións políticas adecuadas. Seguir a cegas o camiño do políticamente correcto é adentrarse no terreno da estupidez humana, o máis próximo que existe ao concepto do infinito universal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.