Aldea de Coro

Cando era nena lía a cotío contos de trasnos falcatrueiros que vivían en grandes e frondosas fragas onde as aventuras acontecían sen parar. As súas casas estaban dentro das árbores ocas que o tempo fora baleirando a forza de treboadas e de traballadores esquíos, furóns e paxaros carpinteiros. A medida que fun medrando cambiei os contos polas lendas galegas de Xacias, Xoanas, Lavandeiras da Noite… que enredan os camiñantes cos seus cantos e as súas peles infinitamente brancas á beira dos ríos nas fragas galaicas. Entón o bosque deixou de ser xogo e converteuse en misterio, en voces, en suspiros transformados, en doces sons que tratan de ser canción de chuvia nas tarde de inverno ou sonsonete de auga e sol nos calurosos veráns da montaña… este foi un deles… Non lonxe da estela do monte queimado, do silencio máis terrible que supón a devastación absoluta da vida, hai un lugar onde as árbores aínda son milenarias, un lugar no que non sabes moi ben se os duendes se converteron en árbores ou se as árbores sempre foron duendes, máis alá das montañas máis incribles desprégase entre tímida e algareira a Aldea de Coro.

Coro vive nos seos da montaña lucense. Entre salvaxes e sinuosas curvas agóchase un pobo que invita ó repouso e dá acubillo a todo o que chega. Reunida baixo espectaculares soutos de castañas que ó chegar o outono se cubren cunha manta protectora de follas en ocres, acóllete a xente da aldea. Camiñan contigo aquí e acolá, amosándoche a beleza deste lugar onde xa a finais de agosto o chan empeza a se encher de ourizos buscando o seu magosto… e mentras camiñas canda eles, chega de lonxe o son dos paxaros que viñeron tamén, do mesmo xeito que @s nad@s en Coro hai xa moito anos, a pasar o verán nas súas pálas, nesas pólas onde un día a súa nai fixo o niño.

Un paseo polo río que charla durante as tarde cun vello muíño de pedra, unha aperta dunha árbore milenaria, o cheiro do doce soño das abellas nos seus panais e unha mirada longa e prolongada dun corzo… así é Coro, un lugar no que sentar a ver pasar a vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.