Alerta: alarma!

A treboada de neve. 1842. J. M. W. Turner © Tate Britain

A alarma e a alerta molan. Tamén no privado, no profesional e no social. Semella que se “che dá a vida”, é que non o estás a facer ben

Datos alarmantes. Alerta por ciclón bomba. Poñer a alarma para espertar cada mañá. Contratar a instalación dun sistema de alarma na casa para viaxala desde o móbil cando non esteas nela. A AEMET eleva a alarma ante a borrasca/ seca/ outros eventos meteorolóxicos. Pasou o Estado de Alarma pola COVID19. Alerta, sempre alerta. Alarma pola invasión de Ucraína, alarma ante a desfeita na Franxa de Gaza. Todos os estados alerta ante a alarma internacional diante duns conflitos que chaman nas portas de Europa. Alarma pola baixa ocupación turística. Alarma pola escaseza de produción marisqueira. Alerta vermella por fortes ventos de compoñente sur.

Non hai tanto, unha eminente política e feminista á que admiro subiu unha foto ás redes sociais. Sorrinte, leda polo achado, vestía orgullosa unha camisola co lema “Non me dá a vida”, e escribía a xeito de comentario sobre a imaxe: “Esta camisola represéntame. Encántame”. Arrepioume. Saltoume unha alarma e sentinme soa na miña percepción.

É tarefa titánica revisar a prensa diaria na procura dunha primeira páxina ou uns titulares nos que non se empregue ningunha destas dúas palabras ou do seu campo semántico. A alarma e a alerta molan. Tamén no privado, no profesional e no social. Semella que se “che dá a vida”, é que non o estás a facer ben.

Neste intre hai cincuenta e oito guerras e conflitos activos no planeta, segundo Wikipedia. Algún, desde hai case oito décadas. ONU Mulleres calcula que arredor de setecentos trinta e seis millóns de mulleres (unha de cada tres) foi vítima de violencia machista polo menos unha vez na súa vida. O cambio climático é unha realidade irreversible que está mudar o mundo tal como o coñeciamos.

O que me alarma a min, o que me ten alerta, é quen dá a alarma, por que e ante que. Quen nos quere alerta, ocupadas, estresadas, pero preocupadas por unhas cousas si, e outras non. Quen desvía a atención e con que fin

Mais non todo é alarmante. Semella que é posible escoller ante que estar alerta. Alarma que dous cachorros de catro meses atacasen a unha anciá cando lles bateu cun bastón. Alarman moitos ataques caninos, xusto cando se aproba a Lei de Benestar Animal. Tamén alarman as crianzas que padecen violencia a mans das súas nais, xusto cando o berro fronte a violencia machista colle forza. Alarma o absentismo laboral relacionado coas baixas médicas por doenzas mentais, mais non que este sexa o estado no que máis medicamentos psiquiátricos se prescriben. Alarma que os xabarís baixen ás vilas, mais non que os montes estean erosionados pola chuvia logo das queimas. Alarma a chegada en masa de migrantes moito máis ca o perigo que corren, sobre todo, no mar baixo estes temporais.

O que me alarma a min, o que me ten alerta, é quen dá a alarma, por que e ante que. Quen nos quere alerta, ocupadas, estresadas, pero preocupadas por unhas cousas si, e outras non. Quen desvía a atención e con que fin. 

Mais non quero sinalar, non hoxe. Só quero deixar esta pregunta no aire: quen dirixe os nosos medos, cara onde e para que? Cada quen, que conclúa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.