Alfinete na pupila

Unha cousa é que che falen dos prexuízos lingüísticos na escola, mais outra ben distinta é ser vítima deles e vivilos en primeira persoa

Creo que recordo á perfección ese preciso instante. Un deses que quedan marcados na memoria dun neno e deixan a infancia en barbeito. A adolescencia é ir deixando a nenez en barbeito ata que unha internacional do capital interrompe os torreiros cun negocio opaco de gandaría extensiva chamado adultez. Ou, mellor dito, é coma clavar na pupila dun neno un alfinete e obrigar á súa mente idealista a mirar de fronte o cru. Hai adultos que teñen as pupilas xa perforadas e perden a visión dun futuro de seu.

Debían ser sobre as doce en Dublín e montamos todos no bus. O de Irlanda fóra unha desas "bolsas" envelenadas nas que unha empresa privada paga, supostamente, parte dunha viaxe de estudos de idiomas. Dende Santiago saíra o avión que nos levou a Éire aos galegos que formamos parte do programa. Eu tiña quince anos. Está ben, non era tan neno, mais en certo modo sí que o era. Foi case un soño para mín. Imaxinade, a miña primeira vez en avión (e fóra da península).

Os galegos fixemos unha comunidade moi unida na Irlanda. Supoño que é o que teñen as viaxes, que tantas experiencias xuntos, queiras que non, une. Tamén é o que temos os desta terra, que coma as aves, tendemos a migrar en grupo. Así, o que agardaba ser unha experiencia de inmersión lingüística en inglés, foi un invernadoiro de neofalantes. Bastou con que unha persoa falara en galego para prantar a semente en todos os demais.

Montamos no bus. Íamos de excursión a Kilkenny e sentamos todos, preparados para a aventura. Arrancamos e comezamos as conversas. En galego. Alí na Irlanda cando lles falabas ós nativos de que preservamos e falamos unha lingua de noso, todos ficaban fascinados. Quizáis isto se debe á precaria utilización do gaélico irlandés no país. Daquela aínda non se fixera público o demoedor informe do IGE sobre a perda de falantes na Galiza.

"Ya me jodería tener que aprender gallego en la escuela". Así lle dixo unha rapaza andaluza a outra detrás de nós, sen intención ningunha de ocultar o seu desprezo total pola fala e por nós. Entón comezou unha forte discusión que supuxo un exercicio básico da defensa dun dereito universal coma é elixir a lingua na que falamos. E aí quebrou un neno. Porque unha cousa é que che falen dos prexuízos lingüísticos na escola, mais outra ben distinta é ser vítima deles e vivilos en primeira persoa.

E é que se o idioma é o fío condutor da nosa identidade coma pobo, na súa contra van tamén os prexuízos e a galaicofobia da que levamos adoecendo dende os séculos escuros. Así sentín esa escena, xa non coma un ataque ao que a lingua representa, senón coma unha humillación persoal.

Fíxenme nacionalista nada máis retornar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.