Chegáronme por varias canles entre onte domingo, día grande das patronais de Ribadeo, e hoxe luns, varias fotos e varios memes feitos a partir delas. As fotos son tomas do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, coa vasoira e recolledor en man limpando a parte alta das escaleiras do concello ribadense o día da patroa pola mañá. É dicir, en plenas festas e despois de pagar, dende hai xa tempo, a unha empresa contratada un extra para reforzar o servizo de limpeza e manter impoluto o pobo, ou ao menos a zona máis visible del. Como complemento, outra foto tomada pouco despois, ó frente da corporación, escoitando á Banda 'de Gaitas' de Ourense en formación diante do concello. A esas fotos logo se lle xuntaron memes, con lendas commo 'novo fichaxe de FCC' (a empresa contratada para limpar máis, ou 'o castigado da clase', ou coa foto trucada como se estivera varrendo cartos (querendo supoñer que como comisión do contrato de limpeza).
Como se pode observar, as fotos son de risa fácil, e iso pode provocar que sexan o que agora se chama 'trending topic' a través das redes. Mais, máis aló dese primeiro impulso a rir, coido que poden ter numerosas outras lecturas, mesmo contraditorias unhas coas outras. Por exemplo:
- O alcalde de Ribadeo déixase sacar unha foto traballando nun traballo manual para o concello, o que o dignifica de xeito independente a que na súa labor como alcalde o faga ben ou mal. Mesmo diríase que a foto pode ser propaganda pagada polo alcalde!
- O alcalde déixase ver limpando, como se por outra banda non estivera presumindo a diario dunha controvertida limpeza do pobo. Está visto que non é capaz de que a xente contratada de reforzo limpe nin a propia casa do concello!
- O alcalde, á primeira de cambio, adícase a outras cousas que non son as propias da alcaldía. Aí están estas fotos para amosalo!
- Que pouca previsión e que mala programación hai no concello para que o alcalde teña que estar a limpar no último momento para non quedar como un porco!
As anteriores son só algunhas das moitas posibilidades que se poden pasar pola cabeza, ás que habería que aumentar as cábalas sobre a orixe do lixo que podía haber en tal lugar un festivo pola mañá, ou mesmo a natureza de tal lixo, que non se apreza (devolto dun botellón? Pipas dos pícaros de primeira hora do festivo?). De calquera xeito, de forma natural, a xente máis achegada a simpatizar co alcalde collerá as interpretacións máis favorables, mentres que no outro extremo quedarase cos memes máis punzantes. Moita xente non irá máis aló do 'desfrute' puntual, mentres haberá quen sinxelamente apartará fotos e memes como unha parvada.
Parvada si, pero aí quedará testemuña dun feito que é posible que se comente tanto como o custe aumentado do alumeado de Nadal ou a oportunidade, agresión á ría, perigosidade e presencia do novo mirador sobre a ría, por non falar doutros temas.