0. Inicio con metáfora paródica, que lembra á película Air Bag, se non fose unha semellanza demasiado triste coa realidade actual. A pretensión destas palabras é incidir en que un decreto administrativo é algo frío, que pretende ser neutro -pero que non é-, e que ignora numerosas situacións da vida cotiá, a verdadeira vida das persoas. Antes, non obstante, comezaremos cunha reflexións sobre o virus pandémico.
1. A ciencia é un conxunto de coñecementos e actividades. Por unha banda, como afirma Sánchez Ron, é ‘coñecemento adquirido’, pola outra, é unha procura de solucións a problemas novos, ideas que se imaxinan e que se someten a proba. Fronte a un coñecemento xa adquirido e ben establecido na traditio científica, adoptamos con normalidade unha actitude de certeza. Mais, fronte ao novo, que se somete a proba, a certeza non existe. Neste caso, a dúbida epistémica será consubstancial aos experimentos, aos procesos de falsación, até que se convirta en ‘coñecemento certo’.
2. No caso do virus pandémico estamos ante unha situación de adquisición dese ‘coñecemento certo’. E nesa adquisición existirán avances e retrocesos inevitables. Por iso, non se lle pode pedir ás persoas que non dubiden, cando hai científicos que si o fan, con toda lóxica argumental. Non se lle pode pedir ás persoas que suplan a certeza a través da fe cega e da crenza, propias de procesos nada racionais e científicos. E, no entanto, isto é o que se nos pide.
3. O discurso do persoal sanitario, o que está atendendo ás persoas enfermas, di hoxe que en Galicia estamos preto do colapso. Que a presión hospitalaria se volve insostible. Que estamos posiblemente no momento máis duro da pandemia. E isto, despois dos dous picos epidemiolóxicos previos, o inicial do confinamento dos meses de marzo-maio de 2020 e o que se deu a partir de novembro de 2020. A pesar disto, o Presidente do Goberno do Estado afirma que afrontamos este terceiro pico epidemiolóxico con ‘enerxías renovadas’ [preguntámonos en que país vive; até semella un insulto para a intelixencia]; pídesenos un ‘último esforzo’ [posiblemente unha falacia, xa que nada impide, a priori, a existencia de máis picos]; ou ‘poñernos serios e firmes’ [propio do discurso da ‘culpabilización’ e da infantilización da sociedade, como se a maioría das persoas non o fixesen desde o mesmo inicio da pandemia].
4. Semella de mal gusto que se ‘culpe’ ás persoas polo actual pico epidemiolóxico, porque ‘non foron responsables no Nadal’. Lembremos que foron as autoridades públicas galegas que controlan a evolución do virus pandémico -o Comité clínico e a Xunta- as que autorizaron as reunións coas familias durante o Nadal. De ter a valentía suficiente, terían prohibido as reunións familiares durante o Nadal. Mais o certo é que non se desexa ser impopular: sempre hai unha conta segreda que se realiza. Reveladora a queixa do alcalde de Santiago que afirma que estando o concello pechado a taxa de infeccións por covid-19 se cuadriplicou.
5. Se nos demoramos na escoita dos discursos públicos dos profesionais sanitarios percibiremos a fondura da fenda que esgaza a integralidade que debera posuír o servizo público da sanidade e da saúde das persoas. Fenda causada polo carácter etéreo das promesas de provisión incumpridas sistematicamente polos xestores da cousa pública.
6. Retrocedamos uns anos e revisemos os datos, os orzamentos e os procesos de privatización do sistema público sanitario e de saúde. Escoitemos de novo todas as demandas e reivindicacións de organizacións como SOS Sanidade Pública. Simpaticemos coas históricas demandas do persoal sanitario que berraba pola excesiva temporalidade e pola ausencia de estabilidade, pola existencia de multitude de contratos asinados (algúns de horas, de fin de semana, etc...), pola esixencia constante de máis persoal e máis recursos materiais, pola petición de que non se externalizasen servizos, de que non se pechasen camas...etc. Quizais, se se fai, poderase entender a particular situación que vivimos neste novo pico epidemiolóxico.
7. En efecto, que se fixo realmente desde marzo no sistema público galego para que teña os recursos materiais e humanos suficientes e axeitados para atender non só ás persoas con covid-19, senón tamén para non relegar a atención a outras enfermidades existentes? Respondan vostedes...pola nosa banda, temos clara a resposta, só con atender aos discursos dos profesionais sanitarios.
8. A vacinación provoca novas escenas dignas do esperpento capitalista: competitividade, falta de ética, cálculos interesados e aproveitamentos sen moral, promesas numéricas e cronolóxicas que se incumprirán. Non somos produtores, estamos a expensas doutros. Mesmo non somos quen de dispoñer do material axeitado para aproveitar o sexto vial das vacinas. Estragos de doses. Doses que van a persoal que non é de risco. Capítulos dunha sociedade demasiado habituada a situacións de corrupción.
9. O 70 por cento dos galegos e galegas vive en concellos perimetrados. O 30 por cento en supostos concellos libres, rodeados polos que están pechados perimetralmente, e cos que teñen establecido estreitas relacións e servizos mancomunados. Pero a policía local, a nacional, a garda civil propoñen sancións sen ningún miramento (...polas ordes recibidas, entendemos). Por moito que algún medio de masas ao servizo do poder dominante diga que o fan con pedagoxía, como se isto abondase para acreditar a bondade dalguén. Sobradas probas existen de malas praxes pedagóxicas.
10. De feito, estanse dando situacións de vulneración de dereitos democráticos, máis aló do mero control da mobilidade. Cacheos indiscriminados a persoas, que ben poden agochar veleidades racistas (falamos con coñecemento de causa). Sancións por unha mobilidade de puro sentido común. Vexamos algunha das situacións consideradas non xustificadas polos admirables xestores da cousa pública (hai moitas máis situacións, desde logo):
a. A economía das persoas está en dificultades. Unha das tarefas máis importantes para chegar a fin de mes é calcular ben o custo da cesta da compra. Quen lle di a unha economía coas contas xustas que non é esencial que adquira a súa cesta no supermercado de sempre, onde os prezos están máis axustados? Quen lle di a esa economía que non chegará a fin de mes pola falta de sensibilidade dos gobernantes?
b. Cada vez existen máis intolerancias e alerxias a determinados tipos de alimentos que esixen das persoas saber moi ben onde adquirir eses produtos libres das substancias perigosas para a súa saúde. Quen lle di a esas persoas que non é esencial desprazarse ás escasas tendas que dispoñen deses produtos básicos...e que están no concello limítrofe, con máis servizos e máis oferta?
c. Os DNI’s non son máis ca unha proba da nosa identidade, non da nosa residencia actual. As casuísticas son tan numerosas que produce risa -se non fose que sangran os petos e provocan angustia- que se sancione por levar un DNI dun concello distinto ao do control de turno. Sirva un único exemplo real, unha persoa que ten DNI dunha localidade do sur de Ourense, pero reside cunha tía nun concello perimetrado do val da Maía. Non toda residencia obedece a operacións de mercado.
d. Quen acredita que unha persoa traballa ‘sen contrato’ na cidade xacobea e que precisa desprazarse en autobús desde un concello limítrofe non pechado para gañar algo de diñeiro para sobrevivir?
11. Os decretos fanse co frío da tinta, sen ter en conta as múltiples situacións en que vivimos os seres humanos e que exceden as liñas do DOG. E non pode ser, como afirmaba un xornalista nun medio de masas, que a ‘sanción ou non’ dependa da vontade do polícía ou garda civil. Non señor. A vontade non debe intervir. Debe intervir a igualdade radical de trato entre todas as persoas. Debe intervir unha lóxica que teña en conta en que tipo de país e sociedade vivimos. Non pode ser que ante a mesma circunstancia a min me sancionen e a ti non, ou ao revés. Iso non é democrático.
12. Digressio nº 1. Oféndenos ver que agora é portada que en centros educativos os nenos e nenas van con mantas a clase. Levamos meses defendéndonos da hiperventilación e do frío desa maneira. Mellor iso, desde logo, a que nos confinen e volvamos ao baleiro educativo, ao illamento social, que é o que achega a dixitalización forzada do ensino.
13. Digressio nº 2. Alporízanos o comportamento do Presidente do Goberno, que se proclama ‘progresista’, e decide reunirse cos representantes en España de Amazon, Google e Huawei para tranquilizalos e dicirlles que lles vai abrir o fondo que chegue de Europa para a recuperación económica. Está de broma? As empresas que máis se lucran en tempos pandémicos beneficiados co diñeiro que se debe destinar a axudar a quen máis o necesita?
14. Digressio nº 3. Tampouco é de esquerdas solicitar no Tribunal de Estrasburgo o arquivo da causa de Couso. Representa, antes ben, unha traizón.