Introdución
Contaba o prestixioso antropólogo e intelectual galego Xaquín Lorenzo o caso dun gobernador que nos anos da ditadura franquista chegou a Lugo: “falaban dun gobernador de Lugo que chegou a Lugo e unha das primeiras cousas que preguntou foi que lle dixesen en que época se sementaban as sardiñas.” (Xaquín Lorenzo en Romaní, 2004: 27). Os promotores e tecnócratas que avalaran o proxecto GAMA en Palas de Rei lémbranme cada vez máis o perfil deste gobernador. Neste texto pretendo analizar o perfil social destes promotores e tecnócratas “altrianos”, para así (des)construír e desmentir a súa suposta neutralidade e independencia, pero tamén para visibilizar as relacións sociais de produción e as contradicións que hai neste conflito socioambiental.
Pero empecemos polo principio explicando algúns marcos cronolóxicos que nos axuden a entender mellor a evolución do proxecto GAMA (macrocelulosa) e o seu conflito socioambiental. En novembro do ano 2022 a empresa ALTRI presenta unha solicitude inicial a Augas de Galicia (Xunta de Galicia) para captación de auga do río Ulla. O prazo de resposta legal da administración pública galega rematou o 30 de setembro de 2024 sen calquera resolución. O 29 de decembro de 2022 o proxecto bautizado como “GAMA” e promovido pola empresa GREENFIBER (formada pola empresa papeleira portuguesa ALTRI -ver: https://altri.pt/pt - e a empresa galega GREENALIA, ver: https://greenalia.es/ ) é aprobado pelo Consello da Xunta de Galicia (Goberno Autonómico da Galiza), como “Proxecto Industrial Estratéxico” (PIE), para así facilitar a tramitación administrativa dun proxecto que segundo as fontes oficiais produciría “lyocell” (fibra téxtil derivada de celulosa forestal) e que investiría entre 800 e 900 millóns de euros en Palas de Rei (Lugo), creando 2500 empregos directos1. Este PIE, foi aprobado sen xustificación de garantía ambiental, social e económica.
O 26 de decembro de 2023, ALTRI solicita formalmente a captación de 16.790.000 m3/ano de auga do rio Ulla2 para a construción dunha “industria de fibras téxtiles a base de celulosa” a instalar na aldea da Vacariza (parroquia de Remonde e concello de Palas de Rei, Galiza). Por outro lado, a través do Anuncio de 20 de febreiro de 2024, a Secretaría Xeral de Industria da Xunta da Galicia, colocou en información pública3 (ver: a petición de autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto GAMA)
En marzo de 20254 a petición de AAI do proxecto é autorizada e a DIA (declaración de impacto ambiental) é favorable. Xa desde o inicio do anuncio do proxecto naceu un movemento social na comarca da Ulloa que prestou atención e vixilancia ás características do proxecto e que solicitou información sobre o mesmo diante das administracións públicas e da empresa, solicitude que nunca foi atendida ata que o proxecto é aprobado como PIE pola Xunta de Galicia, unha decisión política apriorística antes dunha avaliación seria e rigorosa de un proxecto que pode cualificado de camaleónico, polas súas mudanzas e bandazos constantes, e chapuceiro, pola súa falta de rigor científico, ata cheo de faltas de ortografía, mal paxinado e estruturado.
A consecuencia foi a creación dun conflito que dividiu a sociedade galega, un movemento social masivo de repulsa (“ALTRI NON!”) e unha sombra de percepción dos riscos sociais, culturais, ambientais e económicos, que analizaremos a continuación desde unha mirada antropolóxica da tecnocracia que avalou o proxecto. Feita unha análise afinada do aval da Xunta de Galicia, consideramos que este aval presenta moitos problemas e cuestións críticas que non foron aínda ben ponderados, interpretados e medidos por causa da miopía política e o seu mesianismo pastoralista. Este mesianismo foi abandeirado por algúns políticos (ex. PP de G, partido popular de Galicia) presentando a ALTRI como un proxecto legal e como un feito consumado, antes mesmo do seu aval técnico, enmascarando desta maneira moitos dos seus problemas en propaganda, pseudociencia, unha imaxe idílica súper positiva e un silenciamento da disidencia e da discordancia lexítimas nun réxime dito “democrático”.
A Xunta de Galicia e a máscara da “tecnocracia”
Afirmou Aristóteles na súa obra que existían tres tipos de coñecemento e saberes: a) a “celia” (autoreflexivo, autocoñecemento con base na contemplación e na experiencia, saber teórico); b) a “tecné” (saber técnico orientado á acción, coñecemento especializado aplicado orientado ao benestar público e a felicidade colectiva; c) o “frenesí” (investigación acción, coñecemento colaborativo, teórico-práctico, orientado á aplicación pero envolvendo as persoas). No caso en análise que nos ocupa esta reflexión, o actual goberno da Xunta de Galicia está utilizando máis a “tecné” pero sen pensar no benestar e a felicidade colectivas.
Neste sentido, o sociólogo Max Weber sinalou que a burocracia, xunto coa economía monetaria e outros elementos, estaban ligados ao xurdir do estado moderno (Weber, 1977). A burocracia é en sentido positivo un instrumento de administración do estado moderno, en principio para favorecer a sociedade e o ben común, pero en sentido negativo, di Weber, pode converterse nun elemento que os gobernos utilizan para dominar os gobernados e perpetuar o seu control. Neste texto interpreto e argumento, para o caso do proxecto GAMA de ALTRI-GREEFIBER, como o goberno actual da Xunta de Galicia utilizou a súa burocracia tecnocrática co obxectivo de exercer un poder de dominación sobre a sociedade galega. Ademais, considero que o goberno autonómico da Xunta está a realizar un exercicio do tipo que a filósofa Hannah Arendt chamou de “banalidade do mal” (Arendt, 1963; 2013), é dicir, un abandono do cuestionamento ético das súas accións políticas. Segundo esta proposta de interpretación, os tecnócratas da Xunta de Galicia non teñen porque ser considerados malvados, senón que se deixan levar por unhas normas establecidas superiormente, e sen pensar no seu sentido ético de xustiza, abuso ou arbitrariedade unha vez aplicadas. Algúns deles dimitíronse antes da elaboración de informes (ver: Mercedes Rois Díaz en ElDiario, 2025).Outros actuaron pró-ALTRI para subir na súa carreira de funcionarios (ex. Alejandro Carrera López, subdirector xeral de avaliación ambiental), e outros actúan por fe e lealdade aos seus superiores, confundindo esta coa fidelidade, sen cuestionar que desta forma estaban a ser desleais coas comunidades afectadas e coa maioría do pobo galego. Ademais outros confundiron a lei con interpretación xusta e científica da proposta.
O texto nace da miña observación de un exercicio de “tecnocracia de fachada” ao que asisto nestas últimas semanas, e utilizo este concepto para definir unha situación sociopolítica surrealista: Como os políticos son disfrazados de técnicos, supostamente imparciais, neutrais, apolíticos e apartidarios, cando en realidade son outra cousa: políticos ao servizo dunha ideoloxía partidaria, ultraneoliberal, extractivista e depredadora. E digo supostamente porque como sabemos e mostraremos neste texto, estes técnicos da administración pública galega (Xunta de Galicia) adoptaron ou foron obrigados a adoptar posicións políticas partidistas e “partidaristas” nos seus informes base para a declaración positiva da Autorización Ambiental Integrada do proxecto GAMA de ALTRI-GREENFIBER en Palas de Rei5.
Un argumento complementar é que esta tecnocracia foi dobremente enganada, primeiro pola empresa ALTRI-GREENFIBER e despois por algúns dirixentes do actual goberno galego, pois o proxecto GAMA presentado foi convertido nun “camaleón” ao longo da súa vida proxectual, e o que empezou sendo unha proposta de reciclaxe de roupa para a Mariña de Lugo, pasou por unha fábrica de “lyocel” e acabou por converterse nunha macrocelulosa incapaz de fechar o ciclo produtivo na Galiza e de obter compromisos serios das grandes e medias empresas téxtiles galegas (ex. Inditex, Verino, Domínguez, Purificación García...).
Esta tecnocracia de fachada foi utilizada politicamente polo goberno galego actual (do Partido Popular) para lexitimar un proxecto “chapuceiro” e cheo de erros técnicos, científicos e xurídicos como reflexa a solicitude de AAI (autorización ambiental integrada). Lonxe do “goberno dos sabios”, como foi definido na “República” de Platón, o goberno tecnocrático da Xunta de Galicia, nin é sabio, nin técnico (eficaz e eficiente na mira do ben público), nin ten un guía ético, moral e responsable. E moito menos adoptou unha postura institucional de defensa do territorio galego e os seus verdadeiros intereses colectivos e públicos. Estes tecnócratas ataviados de “medioambientólogos” desenvolveron un traballo non de “forma independente” como se argumenta desde a Xunta de Galicia, senón baixo a tutela, encomenda e a consigna implícita e explícita para aprobar o proxecto GAMA, a pesar das eivas e problemas do proxecto (cf. Greenpeace, 2024), algúns deles apuntados e sinalados por estes propios tecnócratas (referenciados na figura 1), como mostraremos a continuación.
Figura 1: Relación de institucións e dos técnicos da Xunta de Galicia que asinaron a AAI do proxecto GAMA de ALTRI.
Institución ou departamento | Técnicos | Notas |
Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, da Consellería de Economía e Industria | Nicolás Vázquez Iglesias | Órgano regulador |
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostinibilidade | Mª José Echevarría Moreno | Responsable pola avaliación e aprobación do EIA e a AAI xunto con Alejandro Carrera López |
Dirección Xeral de Emerxencias e Interior | Santiago Villanueva Álvarez | |
Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal | José Luis Chan Rodríguez | |
Dirección Xeral de Defensa do Monte | Manuel Rodríguez Vázquez | |
Dirección Xeral de Patrimonio Cultural | María del Carmen Martínez Insua | |
Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural | Mª Paz Rodríguez Rivera | |
Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias | ? | |
Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica | Antonio Basanta Fernández | |
Axencia Turismo de Galicia | Manuel Merelles Remy | |
Axencia Galega da Industria Forestal | Alfredo Fernández Ríos6 desde 27-01-2025 (antes Jacobo Aboal Viñas) | |
Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias | Silvestre José Balseiros Guinarte | |
Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias | Nicasio Mejuto | https://praza.gal/politica/medio-rural-advertiu-do-impacto-de-altri-pero-aminorouno-tras-aceptar-os-argumentos-da-empresa |
Augas de Galicia | Roi Fernández Añón7 | |
Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático | Paula María Uría Traba | |
Subdirección Xeral de Cambio Climático e da Ordenación do Litoral | Teresa Bernal Cortegoso | |
Dirección Xeral de Saúde Pública | Carmen Durán Parrondo | |
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade | María José Echevarría Moreno | |
Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular e | ? | |
Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental | Alejandro Carrera López | |
Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) | Martín Alemparte Vidal8 | |
Dirección Xeral de Patrimonio Natural | María Sol Díaz Mouteira | |
Instituto de Estudos do Territorio (IET) | Enrique Luis de Salvador Sánchez9 | |
Concello de Melide | ? | |
Concello de Santiso | ? | |
Concello de Agolada | ? | |
Concello de Palas de Rei | ? | |
Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais | Pablo Fernández Vila | |
Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación | ? | |
Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación | ? | |
Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía Industria e Innovación | ? | |
Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) | Francisco Menéndez | |
Demarcación de Carreteras del Estado en Galicia | ? | |
Deputación de Pontevedra | ? | |
Deputación da Coruña | ? | |
Deputación de Lugo | ? | |
Sociedade Galega de Historia Natural | ? | |
Federación Ecoloxista Galega | ? | |
Sociedade Galega de Ornitoloxía | ? |
Fonte: Elaboración propia con base en DOGA nº 51 de 14 de marzo de 2025, pp. 17257 e ss., ver https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250314/AnuncioG0760-070325-0001_es.html
Especialmente desenvolvido en:
E unha vez identificadas as institucións e departamentos da Xunta de Galicia que emitiron informes sobre a AAI de ALTRI, vamos face unha análise máis afinada do contido da DIA (declaración de impacto ambiental). Aquí temos que incidir en seis aspectos importantes:
Foron consultadas 39 institucións, pero os seus informes non son todos favorables nin sen críticas ao proxecto.
Hai 5 informes desfavorables: o do Concello de Melide, o do Concello de Santiso, o da FEG (federación ecoloxista galega), o da SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) e a SGP (Sociedade Galega de Ornitoloxía).
A Deputación de Lugo non fai informe e só di nunha nota que pasa a responsabilidade para a Xunta de Galicia, o que me parece unha irresponsabilidade e unha exención irresponsable de funcións (ex. parecer e defensa de afectacións do seu territorio de incidencia).
No documento da DIA publicado só se fai referencia a contidos de tipo ambiental, no seguimento dunha ecocracia e mediambientalismo sin considerar os efectos deste proxecto nas persoas, comunidades e sociedade galega en xeral. Esta ausencia do social, do cultural e do económico mostra unha profunda fraqueza do procedemento, e un entendemento deshumanizado e deshumanizante da natureza.
Moitos directores xerais son dependentes directos dos conselleiros.
Moitos dos departamentos da Xunta de Galicia dependen directamente da conselleira de medio ambiente, Ángeles Vázquez, e da conselleira de industria, María José Lorenzana, quen por activa e por pasiva se manifestaron a favor do proxecto, pero sempre argumentando unha suposta e “absoluta” independencia dos seus “técnicos”.
Hai un informe crítico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, asinado por María del Carmen Martínez Insua, que despois dimitiuse a raíz deste informe e de algunhas incongruencias e falsidades afirmando apoiarse nun suposto informe do ICOMOS, que finalmente non existía, e cunha proposta de transformar a cheminea do proxecto de 75 metros de altura, proposta por ALTRI, nun elemento histórico-artístico ao propor pintar esta de verde. Pero máis alén disto, o propio informe alerta sobradamente para moitos problemas e solicita moitas correccións do proxecto no ámbito patrimonial e na protección do camiño francés de Santiago.
De forma transversal, nalgúns informes analizados hai unha carencia de rigor científico, metodolóxico e técnico disfrazados dunha linguaxe pseudocientífica opinativa.
Os tecnócratas pró-ALTRI máis que seguir “criterios técnicos e obxectivos” (cf. María Bastida en https://www.g24.gal/-/o-caso-de-altri-por-maria-bastida) puxéronse ao servizo do Partido Popular e do goberno galego, con base nunha idea simplista de industrialización extractivista sen sopesar cabalmente e cientificamente os custos, e non ao servizo dos intereses do país e da cidadanía. Eles serven de esteticistas e maquilladores do actual goberno galego, e tiveron como aliados intelectuais orgánicos como Carlos Luis Rodríguez, Roberto Blanco Valdés e Xosé Luis Barreiro, que coas súas columnas xornalísticas en medios de comunicación parciais e partidistas, dedicáronse a cantar as bondades do proxecto de ALTRI e a súper independencia dos tecnócratas da Xunta de Galicia. Estes “opinion makers” de parroquia ou “todólogos” chegaron a recoñecer publicamente nalgunha ocasión o seu descoñecemento do proxecto GAMA, o que mostra a súa fraqueza intelectual e a súa irresponsabilidade diante dunha opinión pública cada vez máis informada e menos disposta á aceptar a manipulación mediática.
“Altrilandia” e a tecnocracia civilizatoria
O proxecto GAMA xunta en GREENFIBER dous grupos capitalistas, un portugués (ALTRI) e outro galego, este último abandeirado pola empresa Greenalia (cf. Rodríguez, 2024) dirixida polas persoas referenciadas na figura 2.
Figura 2: Membros directivos de Greenalia.
Nome | Función | Breve CV |
José Maria Castellanos | Presidente non executivo; proprietario 5% (comprado en 2020 por 12 millóns de euros). | Doutor en CC Económicas Empresariais pola UCM (Madrid), catedrático de Economía Financeira e Contabilidade pola UDC (Universidade da Coruña). Fonte: https://cadenaser.com/emisora/2021/06/29/radio_coruna/1624978249_888754.html |
Manuel García Pardo | CEO – conselleiro delegado | 47 anos, “millonario”, empresario especializado en biomasa e enerxías renovables. MBA e proprietario de “Smartia” (94% de Greenalia). Fonte: https://cincodias.elpais.com/companias/2023-06-09/garcia-pardo-el-millonario-gallego-de-las-energias-renovables-de-greenalia.html |
Antonio Fernández Montells | Conselleiro executivo | Licenciado en Xestión, MBA, |
Antonio Couceiro | Conselleiro “dominical” | Enxeñeiro de Camiños… (Universidade Politécnica de Madrid), ex-conselleiro de Industria da Xunta de Galicia (1994-1999)… |
Pablo Castellano | Conselleiro “dominical” | Presidente de Nakadama, MBA en negocios dixitais… |
Beatriz Mato | Conselleira “educativa” | Enxeñeira Industrial (ETS de Bilbao) e MBA pola UDC, ex-conselleira de Traballo (2009-2015) e de Medio Ambiente (2015-2018) da Xunta de Galicia (goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo). |
Laura Luaces | Secretaria non conselleira | Licenciada en Dereito, Mestrado en Práctica Xurídica Empresarial pelo Centro Garrigues. |
Fonte: Elaboración propia com base en https://greenalia.es/grupo/
O poder manifestado e exercido polas empresas ALTRI-GREENFIBER está baseado nunha “tecnocracia civilizatoria”. Quero dicir con isto que os tecnócratas están non só ao servizo dunha empresa de produción de celulosa, senón ao servizo dunha ideoloxía (sistema de ideas) civilizatoria, que parte do principio etnocéntrico e estereotipado de que os galegos e as comunidades afectadas polo proxecto son: ignorantes, atrasadas, pouco intelixentes, anti-industrialistas, antiprogreso, contra a evolución, contra a modernidade, pobres de espírito, sentimentais, subxectivas, manipuladas, instrumentalizadas, inferiores moralmente...
Esta ideoloxía civilizatoria evolucionista asenta de forma arrogante e soberbia en dicotomías falsas como a de industrialistas / anti-industrialistas, esquecendo prepositada e interesadamente que no Alto Ulla existen grandes, medias e pequenas industrias promovidas por locais (ex. Granxas Campomaior) e foráneos (ex. Queixos Castelo de Pambre – de García Baquero), queridas, apreciadas e recoñecidas localmente, nacionalmente e internacionalmente como empresas punteiras e innovadoras. Pero tamén esquecen que nas comarcas afectadas a industria turística é unha realidade socioeconómica moi importante (ex. só no concello de Palas de Rei hai 88 aloxamentos turísticos e 1706 camas, fonte: IGE, 2024).
Pero esta tecnocracia altriana é dun tipo diferente da anterior (tecnocracia “xunteira”, máis mesocrática ou de poderes medios), ela é máis elitista do punto de vista económico, financeiro, de clase e de estatuto (ex. “O Senhor Engenheiro Bruno Dapena”). É unha tecnocracia que pensa arrogantemente que eles están en posesión da verdade absoluta, que eles son os únicos que saben do proxecto GAMA e que coñecen todo, e tamén que o seu negocio privado se pode disfrazar de filantropía para “enganar os ignorantes galegos”. A tecnocracia altriana ten como misión disfrazar e enmascarar a través de discursos e imaxes poderosas de “greenwashing” e pseudociencia o extractivismo neoimperialista dos recursos naturais e culturais de tod@s os galegos (ex. a paisaxe, a auga, os Camiños de Santiago de Compostela, a terra, a identidade colectiva...). Para eles todo o máximo beneficio e para nós os efectos ambientais, sociais, culturais e económicos negativos.
O seu exercicio é dunha técnica ao servizo dunha necropolítica (política da morte) e dun negocio privado a custa da depredación e degradación dos bens públicos, e con propostas de compensacións mínimas, moi baixas, en relación co uso e abuso deses bens públicos. Son tecnócratas que loitan contra quen consideran “inimigos”: ecoloxistas, patrimonialistas, agricultores, gandeiros, empresarios críticos, turistores críticos co proxecto, científicos críticos, etc. Xunto cos seus aliados na Xunta de Galicia están a criar unha cultura de odio e practicar violencia simbólica e estrutural contra os considerados “inimigos da súa patria”, que non é outra que o capital e o capitalismo depredador.
E na súa postura, nin teñen en conta a Axenda 2030, os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentables) da ONU, nin o cambio climático, nin a redución do consumo de papel e de fibras téxtiles, nin a falta de un proxecto de economía circular comprometida para desenvolver na Galiza, nin a falta de contratos firmes da industria téxtil galega. En realidade, o que precisamos realmente é unha transición do capitalismo “exclusivo” dos accionistas e dos financeiros para un capitalismo social, redistribuidor e inclusivo dos axentes sociais envolvidos nos proxectos empresariais como ese. Isto significa que non basta que as empresas digan que practican a RSC (responsabilidade social corporativa) senón que teñen e terán que demostrar fielmente esta praxe, como poñen de manifesto:
O Global ATLAS of Governamental Justice. Ver: https://ejatlas.org/
https://ejatlas.org/conflict/altri-s-gama-mega-cellulose-factory-in-galicia-spain
A Directiva 2014/95 da Unión Europa, que obriga ás empresas a dar información pública das súas actividades non estritamente financeiras, isto é, en relación coas persoas, os traballadores, o cumprimento dos dereitos humanos e a sustentabilidade (social e cultural non exclusivamente ambiental ou económica). Esta directiva foi trasposta para a lexislación española en 2018 (BOE, 22-12-2023).
E quen son os seus cómplices e aliados? Pois ben, vexamos na figura abaixo.
Relación das principais empresas que participaron na proposta e nos relatorios do proxecto GAMA e a súa solicitude de AAI (Autorización Ambiental Integrada)
Empresa | Notas |
ACENTO PUBLIC AFFAIRS | Empresa lobista liderada polo ex-ministro socialista José Blanco, natural de Palas de Rei. Ver: https://www.acento.es/equipo/ |
AFRY SOLUTIONS SPAIN SAU | https://afry.com/en/offices/spain |
AXA Arqueoloxía (A Coruña) | https://arqueoloxia.es/ |
SERTOGAL S.L. | https://www.sertogal.com/ |
ZETA ARQUEOLOXÍA (Santiago de Compostela) | http://www.zeta-arqueoloxia.es/arqueoloxia.asp |
CALIDAD Y GESTIÓN MEDIOAMBIENTAL TRILLUM SLU” (de Santiago de Compostela). | https://www.trillium.es/ |
Fonte: Elaboración propia con base en DOGA nº 45, de 4 de marzo de 2024, pp. 16837-16896). Ver proxecto e informe de impacto ambiental en: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos?content=expediente_0005.html&fbclid=IwAR3f14YXzsksBS2ckfjJP24-04lbqlMaMjW8jdp06TRUsClgEGhQ6iLOi1Y_aem_AW7mRU7AVfy-VX8R1NPTrRzQgn7op1nWMOLgMhATsKNuIxnF1VEklQ9JTRNem4KS2djJoH2nZZ6kNWeTvetcAfey
O equipo técnico identificado como “redactor do proxecto” é a empresa “AFRY SOLUTIONS SPAIN SAU”, unha empresa de enxeñaría e proxectos industriais presente en 4 países, que conta con 19.000 empregados, que tivo orixe en Malmo (Suecia) en 1895 e que ten sedes en Madrid, Donostia e Zaragoza. Ademais son referidas outras empresas galegas colaboradoras como AXA Arqueoloxía (A Coruña), SERTOGAL S.L. e ZETA ARQUEOLOXÍA (Santiago de Compostela) entre outras. Unha outra empresa, neste caso tamén galega, é CALIDAD Y GESTIÓN MEDIOAMBIENTAL TRILLUM SLU” (de Santiago de Compostela). No ponto 5.3.7. (“Relevamiento de percepción ambiental”) do estudo de impacto ambiental preséntase unha enquisa pseudocientífica, feita por esa empresa (“CALIDAD Y GESTIÓN MEDIOAMBIENTAL TRILLUM SLU”). Segundo a pouca información presentada, o que non é ético e responsable, foi aplicada unha enquisa, no sabemos cando, a 69 organizacións e institucións da zona do Alto Ulla, recibindo só 13 respostas (18%). Tampouco sabemos como foi aplicada a enquisa, se foi presencial, online, telefónica, etc. A identificación dos inquiridos é escasa, dise que se entrevistou o alcalde de Palas e algunha asociación de mulleres de Antas de Ulla, algo desmentido pola propia asociación. A pseudoanálise da empresa conclúe e xeneraliza que a percepción sobre o impacto ambiental da planta de ALTRI proxectada é positiva. Algo que representa unha falacia e unha manipulación da realidade. É inadmisible este tipo de enquisas e presentacións, e o máis grave incluír esta nun EIA supostamente serio e rigoroso, que acaba por deslucir o que xa tiña poucas luces.
“Altri non” como movemento social
O conflito socioambiental xerado polo proxecto GAMA en Palas de Rei é causado pola ambición desmedida do que denominar “gran Capital” e a súa postura extractivista, depredadora, paternalista, salvífica e antigalega tamén. A diferenza de empresas capitalistas como Pescanova, empresa con alma e factor humano galego que nos anos 1960 bautizaban os seus barcos conxeladores cos nomes das cidades e os ríos galegos, algúns dos cales chamaron Pambre e Ulla, este último como o río Ulla, un dos máis emblemáticos da Galiza e que agora ALTRI pretende aquecer 3 grados de media a súa temperatura e converter este nunha lixeira e nun vertedoiro. Son estes capitalistas os que como o “gran capital”, non teñen patria nin bandeira, ou si, a do diñeiro e o beneficio a custa da explotación ilimitada e abusiva da natureza e outros seres humanos.
Fronte ao elitismo dos tecnócratas de dos políticos gobernantes, sempre culpando á oposición política (BNG, PSOE, Podemos, Sumar...) da grande oposición social ao proxecto GAMA como “mantra” do seu pobre discurso, o activismo popular ecoloxista e o activismo das plataformas cidadás (ex. Ulloa Viva) mostrou un activismo pluralista que non permitiu o controlo institucional e/ou orgánico de ningún partido político ou sindicato. Ese activismom que pretende converter o Alto Ulla (corazón do río Ulla) nun santuario da natureza, confrontou o elitismo político empresarial con Ciencia pública, rigor, crítica, redes sociais e pedagoxía social do proxecto e os seus efectos sobre as comunidades afectadas e sobre Galiza enteira e o mundo.
Ese activismo construíu un movemento cidadán social e político que mostrou con rigor científico os puntos fracos do proxecto GAMA de ALTRI-GREENFIBER, e manifestou masivamente un rexeitamento máis do que xustificado e racional, non só emocional (De Cea, 2025). E digo masivamente porque as expresións deste rexeitamento non son xa protagonizadas por unha minoría ruidosa, senón por unha maioría social que deixou de ser silenciosa e que non ten medo de manifestar o seu punto de vista crítico co proxecto. Esa maioría constitúe un movemento social que ten expresado por diversas canles e diversas veces a súa oposición ao proxecto e a proposta de outras alternativas de vida dignas, como as que están a ser desenvolvidas noutros proxectos industriais galegos. E estas expresións, son para os antropólogos reveladores de un “ethos” (modo de ser, pensar e estar) colectivo. Vexamos algúns exemplos fronte aos cales non podemos ser xordos ou miopes, e si sensibles cientificamente falando:
Houbo unha manifestación multitudinaria na vila de Palas de Rei en 26-05-2024 (ver: https://www.youtube.com/watch?v=M8lFzSlBels ), que chegou a colapsar a estrada entre Lugo e Santiago de Compostela, outra en Santiago de Compostela o 15-12-2024 (ver: https://www.youtube.com/watch?v=-ixLrKMo778 e tamén: https://www.rtve.es/play/videos/telediario-fin-de-semana/multitudinaria-manifestacion-santiago-compostela-contra-macrocelulosa-altri-palas-rei/16373006/ )
E outras moitas na Ría de Arousa e noutras poboacións do contorno do río Ulla e non só. Estamos a falar de decenas de millares de persoas e que representan un movemento social xa estudado en moitas universidades e centros de investigación internacionais (ver por exemplo: https://ejatlas.org/conflict/altri-s-gama-mega-cellulose-factory-in-galicia-spain).
Presentación de 27.000 alegacións ao proxecto de AAI (autoridade ambiental integrada), de 74 tipos diferentes e algunhas verdadeiras teses de mestrado e de doutoramento en canto ao seu contido e argumentos. Ver artigo de Sonia Vizoso en El Pais, 30-03-2025: https://elpais.com/espana/galicia/2025-03-30/altri-y-ahora-que-la-macrocelulosa-que-sacude-galicia-depende-de-multimillonarias-subvenciones.html
O estadio de fútbol de Balaídos (Vigo) manifestouse maioritariamente co berro de “Altri NON”, varias veces e durante a celebración de varios partidos do Celta de Vigo (1ª división). Ver: https://www.tiktok.com/@publico_es/video/7488256091801849110
Esta expresión foi moi criticada pola número 2 do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, acusando publicamente aos organizadores da expresión, a Federacións de Peñas do Celta de Vigo de que están por detrás “…os do NON A TODO, que non saben desfrutar dun partido de fútbol e só saben alborotar.” (na súa rede social X). Esta forma de inventar inimigos no interior do país, é política e socialmente irresponsable, os políticos deben escoitar a sociedade e non só facerse escoitar por ela ou facer monólogos directivos, é unha cuestión ética que non acaban de aprender os políticos de moitos signos.
Ídem sucedeu no estadio de Riazor, onde xoga o equipo de fútbol do Deportivo da Coruña, que xunta máis de 25.000 afeccionados no estadio, no Anxo Carro de Lugo, no Pazo de Deportes e outras instalacións deportivas con asistencia masiva. Ver artigo de Rodrigo Brión Insua de 1-04-2025, publicado en Galici@Pres: https://www.galiciapress.es/articulo/galicia-en-red/2025-04-01/5239020-vieos-altri-non-grito-hermana-balaidos-riazor-eco-anxo-carro-pazo-deportes
En concertos e teatros tamén se expresa a xente, un exemplo sucedeu na gala dos premios de cinema e audiovisual galego “Mestre Mateo”, celebrados recentemente no auditorio de Lalín o público asistente berrou en masa “Altri Non”. Ver: https://www.tiktok.com/@nosdiario/video/7482151099189808406
Estas expresións colectivas e masivas foron escoitadas polo goberno español que a través do seu ministro Jordi Hereu i Boher (ministro de industria e turismo e membro do PSOE) declarou que denegaba a ALTRI a solicitude de 30 millóns de euros de subvención da UE porque non cumpría os criterios de descarbonización do PERTE. Pero estas expresións tamén son ouvidas pola Xunta de Galicia, pero non escoitadas. Recordar que ALTRI pretende obter 250 millóns de Euros de diñeiros públicos, isto é, case un 25% do investimento proxectado en Palas de Rei.
Máis alén da tecnocracia: da crítica ás propostas sociais e institucionais democráticas
O actual goberno da “Xunta de Galicia” está integrado por membros que legalmente foron escollidos polo presidente da Xunta, pero non directamente polo pobo galego, senón indirectamente, é dicir, a través dun proceso “dedocrático”. Esta forma de elixir os nosos gobernantes é legal pero ten os seus problemas, dentro do marco legal da democracia representativa, principio e método recoñecido polo Estatuto de Autonomía da Galiza. Algúns deses problemas teñen que ver co risco de prácticas políticas ortodoxas, e coa falsa idea de que son conselleiros ou conselleiras, cando en realidade o que sucede é que “fan de conselleiros ou conselleiras” ao servizo do pobo galego.
É isto algo que creo que esquecen conselleiras como Ángeles Vázquez (Conselleira de Medio Ambiente, natural de Melide e con relacións de amizade con executivos de Greenfiber, un dos promotores do proxecto GAMA de ALTRI) (cf. Xornal Galicia, 2018) ou María José Lorenzana (Conselleira de Industria). Teñen un poder delegado e non absoluto, que será limitado no tempo e que despois logo se verán ou non as portas xiratorias e os camiños que seguen na política e na actividade económica. Tal vez a súa crenza é que defenden o seu país e o que pensan mellor para o seu país, eu dubido diso, e penso que o que están a defender é o seu futuro laboral e o seu proxecto de “carreirismo” político e económico. A historia e os historiadores serán quen de xulgar a súa posición e postura.
Por outro lado, o fervor industrialista celulósico que lles entrou no corpo e mente a algúns políticos non ten como base o rigor da análise científica necesaria para unha mellor gobernación. É lamentable que estes políticos recoñezan publicamente que non leran o proxecto GAMA presentado, que non confronten seriamente o EIA coa “maquillaxe” da empresa, e que falen del de ouvidas, do que lles dixeron e contaron os executivos de ALTRI-GREENFIBER, contos contados nun mal “portuñol” nunha terra que fala unha modalidade da lingua galego-portuguesa, que parecen menosprezar reiteradamente. O poder de decisión sobre proxectos como este non pode ser froito de falta de coñecemento e da irresponsabilidade de quen non mide, calcula e entende a ponderación dos efectos sobre o territorio galego e as comunidades.
Se facemos unha análise do contido e significado dos discursos do poder dominante sobre o proxecto de ALTRI, repetidos insistentemente polos medios de comunicacións afíns ao poder establecido (ex. La Voz de Galicia, El Progreso, RTVG, TVG, etc.), estes presentan algunhas características ou trazos comúns:
Discursos cliché cheos de consignas, lugares comúns, propagandas fake e vacuos intelectuais.
Moralizacións negativas dos que se manifestan e expresan contrarios aos proxecto de macrocelulosa e os seus efectos negativos, desde unha suposta superioridade moral e metendo a todos no mesmo saco.
Mesianismo de pastores que cuestionan que parte do “rabaño” galego sexa disidente e rexeite un proxecto de suposta “salvación” socioeconómica...
Creación de falsas dicotomías (ex.: industrializadores /anti-industrializadores) e polarización social, tomando partido a favor de unha empresa, abandonando a súa obriga de regulador político do ben público, contra o propio pobo galego, hoxe maioritariamente en contra do proxecto GAMA.
Apoio a operacións de marketing empresarial, publicidade e maquillaxe de informacións criticas e problemáticas para a empresa ALTRI-GREENFIBER.
Tentativas de ocultación de informacións chave e críticas do proxecto e censura.
Produción dunha falta equidistancia entre o valor do proxecto de ALTRI e outros proxectos industriais e de economía social sostible e ambientalmente responsable.
Manipulación de emocións con racionalidades tecnocráticas sen fundamentación científica e cheas de lóxicas de dependencia e subordinación político-ideolóxico-partidaria.
Fronte a iso e no marco do capitalismo actual como modo de produción dominante, considero que na Galiza temos que descolonizar a mente e tamén as relacións estruturais coa nosa terra. A oligarquía (parcialmente representada en Impulsa Galicia, unha sociedade público-privada impulsada pola Xunta de Galicia, ver: https://impulsa.gal/ ) non pode promover, apoiar e desenvolver proxectos “trapaceiros” como o de ALTRI en Palas de Rei. Sexamos serios, hai que introducir máis sensibilidade social e cultural nos modos de produción, non só a macroeconomía miope e neocolonial. E digo miope porque penso que en todo este conflito socioambiental de magnitude identitaria colectiva non se están a facer ben as contas. Por un lado non se contabilizou ben a redución do capital natural do Alto Ulla, onde se vai instalar a celulosa de ALTRI, nin do río Ulla e a Ría de Arousa. Tampouco se contabilizou ben o grande beneficio da industria do turismo galego, que é particularmente importante no Alto Ulla, atravesado por varios camiños de Santiago que serían e xa están a ser seriamente afectados polo lanzamento público do proxecto da macrocelulosa GAMA. Só o turismo de peregrinación xacobea deixa en localidades como Palas de Rei ou Melide uns 18,5 millóns de euros anuais en cada unha desas poboacións, estimativa tendo en conta que pasan cerca de 300000 peregrinos ao ano e que gastan unha media (polo baixo) de 60 euros por día.
A postura negacionista segundo a cal os efectos do proxecto de macrocelulosa GAMA a 2,5 km do camiño francés de Santiago de Compostela son pouco importantes e fácil de mitigar é unha falacia científica como poñen de manifesto informes do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (cf. Pereiro, Carreño e González Rodríguez, 2024), e tamén informes como o do Consello da Cultura Galega (ver: https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4515), pero ao que parece, tampouco leron os políticos e tecnócratas da Xunta de Galicia, cultivando así o “analfabrutismo”. E como consolo traer aquí unha frase esperanzadora dunha interlocutora de Palas de Rei en relación a eles: “Xa lles virá o coñecemento!!” (muller, 85 anos, 4-05-2025). Non sei se terán ou non unha crise de consciencia, ou se os contrapoderes e instrumentos da sociedade civil e dos movementos sociais organizados poderán no campo xurídico contestar e trabar a declaración de impacto ambiental positiva para o aberrante proxecto GAMA.
En definitiva, hai outros proxectos industriais mellores, hai outros capitalistas mellores, hai outras empresas reais e posibles, hai outra lóxica e oportunidade para os proxectos industriais responsables que non xentrifiquen ou macdonalicen os espazos rurais produtivos da nosa terra. Hai outra vida máis digna e un mundo mellor por construír colectivamente e sen as divisións sociais criadas pola tecnocracia altriana e “xunteira”10.
Notas
1 Ver: https://www.economiaengalicia.com/articulo/economia/xunta-declara-proyecto-industrial-estrategico-fabrica-altri-palas/20221229184403022721.html
2 Ver DOGA de 26-12-2023: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231226/AnuncioO143-011223-0002_pt.html )
3 Ver DOGA nº 45, de 4 de março de 2024, pp. 16837-16896: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240304/AnuncioG0692-200224-0017_gl.pdf
4 DOGA de 14-03-2025: AAI e DIA de ALTRI. Ver: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250314/AnuncioG0760-070325-0001_gl.pdf
5 Ver: DOGA nº 51 de 14 de marzo de 2025, pp. 17257 e ss., ver: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250314/AnuncioG0760-070325-0001_es.html). AAI asinada por María José Echevarría Moreno (Directora Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade) e Alejandro Carrera López ( Subdirector Xeral de Evaluación Ambiental),(DOGA nº 51 de 14 de marzo de 2025, pp. 17257 e ss., ver: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250314/AnuncioG0760-070325-0001_es.html
6 Fernández Ríos é enxeñeiro de Montes pola Escola Politécnica Superior de Lugo desde o ano 1997. Posúe ademais o Diploma de Estudos Avanzados en Teledetección e Sistemas de información xeográfica aplicado aos incendios forestais, así como o título de técnico en Prevención de riscos laborais nas especialidades de Seguridade no traballo, seguridade industrial e ergonomía e Psicosocioloxía aplicada”. Fonte: https://www.campogalego.gal/novo-director-da-axencia-galega-da-industria-forestal-alfredo-fernandez-rios/
7 Roi Fernández Añón. Nado na Coruña en 1979, é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos (2002, Universidade da Coruña) e graduado en Dereito (2014, UNED). Posúe ademais o Máster de Avogacía e o Máster MBA da Escola de Negocios IESIDE, así como un amplo abano de formación superior específica no sector da obra pública. Fonte: https://transparencia.xunta.gal/tema/transparencia-institucional/goberno-e-altos-cargos/entidades-instrumentais?content=/.content/unidades_informacion_transparencia/interiores/tema_2/altos_cargos/entidades_instrumentais/transparencia_0228.xml
8 Martín Alemparte. “Nacido en Lugo en el 1976, es licenciado en Economía por la Universidad de Santiago de Compostela, en la especialidad de Economía Pública y Política Económica. Entre los años 2000 y 2001 trabajó como auditor y asesor de mercado en diferentes empresas privadas.Desde el año 2002 hasta la actualidad es responsable de la gestión del programa Leader en diferentes Grupos de Desarrollo Rural de Galicia de la provincia de Lugo. Además, trabajó como impulsor y coordinador de los trabajos para la elaboración de la candidatura a Geoparque para las Montañas del Courel, convirtiéndose en el año 2019 en director del primer Geoparque Mundial de la UNESCO en Galicia. Durante estos años también coordinó numerosas publicaciones en diferentes ámbitos del desarrollo rural y ejerció como profesor y colaborador con las universidades de Santiago de Compostela y Vigo en cursos de postgrado relacionados con el emprendimiento, el turismo y los recursos naturales.” Fonte: AGACAL. Fonte: https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/002157/martin-alemparte-toma-posesion-como-nuevo-director-axencia-galega-calidade-alimentaria
9 “Enrique de Salvador asume la dirección del Instituto de Estudos do Territorio con una apuesta por el "hermosismo". Enrique Luis de Salvador Sánchez ha asumido este lunes el cargo de director del Instituto de Estudos do Territorio con el compromiso de trabajar por el "hermosismo" en Galicia.”. Fonte: https://www.europapress.es/galicia/noticia-enrique-salvador-asume-direccion-instituto-estudos-do-territorio-apuesta-hermosismo-20211011182135.html
10 Na Galiza hai aproximadamente 3000 comunidades de montes, que son organizacións comunitárias que detentan a propriedade comunitaria do monte. Un bon exemplo de aproveitamento rexenerativo do monte e do bosque é a comunidade de Montes da parroquia de Couso (Gondomar). Ata o ano 2008 era a lixeira do concello de Gondomar, logo foi recuperada como espazo florestal e turístico. A comunidade de montes de Couso está formada por 83 comuneiros e factura anualmente cerca de 230.000 Euros, desenvolvendo un proxecto de repovoamento florestal con especies autóctonas (carballos, castiñeiros, vidueiros, etc.), unha exploración de cogumelos shitaki que xeneran 7000 euros anuais de beneficios, de frutos do bosque, e un bosque da língua. Ver: https://montesdecouso.gal/ A rentabilidade do cultivo de carballos é de 400 euros por metro cúbico (crecemento de 40 anos), a de eucalipto é de 25 euros (crecemento de 20 anos; 1,13 euros por metro cadrado de eucaliptos plantados). Ademais teñen rotas de sendeirismo e camiñadas guiadas, e aproveitan a resina (100000 kg, prezo de venda: 1,50 euros o kg). Son exemplos como estes que si merecen ser recoñecidos e apoiados, e que teñen como base un dos sinais da identidade colectiva galega: o sentido de comunidade.
Bibliografía citada
-Arendt, Hannah (1963). Eichman in Jerusalem: A Report on the Banality of Evil. New York: The Vinking Press
-Arendt, Hannah (2013). Eichman en Jerusalem: Un estudio sobre la banalidad del mal. Barcelona: Mondadori – Random House.
-De Cea, Xosé (2025): O que estou a dicir cando digo “Altri non”. Santiago de Compostela: Laiovento.
-Eldiario.es (ed.)(2025): “Una ex alto cargo del Gobierno de Rueda alerta del impacto “sin precedentes” e “irreversible” de Altri”, online em: https://www.eldiario.es/galicia/ex-alto-cargo-xunta-galicia-alerta-impacto-precedentes-e-irreversible-altri_1_12143714.html
-Greenpeace (ed.) (2024): Consideraciones sobre los riesgos socioambientales del proyecto Gama. Una nueva fábrica de celulosa en Galicia. Madrid: Greenpeace. Online en: https://es.greenpeace.org/es/wp-content/uploads/sites/3/2024/03/celulosa-1.pdf
-Pereiro, Xerardo; Carreño, Sara e González Rodríguez, Silvia (2024): Brief report about GAMA project for the implementation of a “macro cellulose” faciliy in Palas de Rei (Lugo, Galicia, Spain) near to the French Way of Santiago de Compostela. For World Heritage Center of UNESCO. Online em: https://xerardo2014.wixsite.com/xerardopereiro/post/brief-report-about-gama-project-for-the-implementation-of-a-macro-cellulose-in-palas-de-rei-lugo
-Rodríguez, Javier H. (2024): “¿Quién es quién en el proyecto de la celulosa de Altri en Galicia?”, em O SALTO- Galicia, 13-10-2024, online em: https://www.elsaltodiario.com/galicia/quien-es-quien-proyecto-celulosa-altri-galicia
-Romaní, Rodrigo (coord.) (2004): Xaquín Lorenzo “Xocas”. As nosas voces 20. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Online en: https://issuu.com/conselloculturagalega/docs/xocas
-Weber, Max (1977). ¿Qué es la burocracia?. Buenos Aires: La Pléyade.
-Xornal Galicia (ed.) (2018): “La Conselleira de Medio Rural Ángeles Vázquez oculta una trayectoria de presuntos tratos de favor y actividades laborales politicamente incompatibles con el cargo político que representa”, en Xornal Galicia, 30-07-2018. Online: https://hemeroteca.xornalgalicia.com/6662-la-conselleira-de-medio-rural-angeles-vazquez-oculta-una-trayectoria-de-presuntos-tratos-de-favor-y-actividades-laborales-politicamente-incompatibles-con-el-cargo-politic