Alxeria non é Venezuela

Bandeira de Alxeria CC-BY-SA Maina Marjany

No Elíseo andan un tanto menos intranquilos desde que o pasado luns, 11 de marzo, o presidente alxerino, Abdelasis Buteflika, no poder desde 1999 e gravemente enfermo, fixera pública a decisión de non presentarse á que sería a súa quinta reelección. Era a final resposta a semanas de masivas mobilizacións populares ao longo e ancho do país que ameazaban -e aínda ameazan- á estabilidade do que é, trala partición do Sudán, o país africano de maior extensión, cunhas enormes reservas de hidrocarburos e un socio necesario na loita contra o terrorismo e fronte á inmigración ilegal, entre outros andazos, sito a menos dunha hora de avión do territorio francés máis meridional. Aínda que sen recoñecelo, moitos eran -e son- os indicios que viñan a denotar -e denotan- a inquietude francesa. O temor era -e ainda é- tal que Xavier Driencourt, embaixador galo en Alxer, foi chamado ao Quai d’Orsay o 27 de febreiro para dar conta, en persoa, diante do mesmísimo ministro de Asuntos Exteriores, Jean-Yves Le Drian, do estado de cousas no país magrebí. Un uso diplomático que podería ser considerado “normal” de non ser polos agravantes de que o bó de Driencourt tamén mantivo unha longa conversa co presidente, Emmanuel Macron, e que o dossier alxerino está a ser tratado polo miúdo en sucesivos consellos de ministros.

Coma sempre cando se trata do seu ex Departamento alxerino, París desprega unha grande prudencia, consciente das vellas feridas ainda non cicatrizadas, temerosa de que calquera medida, xesto ou declaración, por pequena que sexa, sirva para invocar a pantasma da inxerencia. “É ao pobo alxerino, e só a él, a quen corresponde elexir aos seus dirixientes, decidir do seu porvir”, declarou diante dos medios, na súa habitual comparecencia semanal, Benjamin Griveaux, voceiro do Goberno. Unha afirmación políticamente correcta que deixa ben ás claras que, visto desde Francia, Alxeria non é Venezuela! A diplomacia francesa, pero tamén o ministerio de Defensa e o de Economía e Comercio Exterior, vixía de preto o dossier alxerino. Importantes intereses están en xogo. En termos económicos, Francia é o primeiro inversor fóra do sector dos hidrocarburos e tamén o primeiro empregador estranxeiro, a través de más de 500 empresas que contan cuns 40.000 asalariados directos e 100.000 indirectos. Alxeria acolle unha fatorai de Renault e outra de PSA (Peugeot), amáis de constituir unha saída importante para o millo francés e importar até o 10% do gas alxerino, cun volume de intercambios bilaterais que no pasado exercicio excedeu os cinco mil millóns de euros. A nivel de histórico e demográfico, cunha densa comunidade de orixe alxerino no Hexágono, pero tamén a nivel económico, elementos istes na base dunha peculiar relación, o país magrebí supón unha preocupación maior para París. 

A desestabilización de Alxeria tería repercusións xeopolíticas maiores, o cal xa non é só exclusivo de Francia, senón de toda a UE e nomeadamente do sul do continente, co Estado español particularmente exposto. A República dos xenerais é un dos poucos muros cos que Europa conta contra o terrorismo yihadista que prolifera na banda saheliana, a cabalo entre Mauritania, Malí, Burkina Faso, Níxer e Libia. O rol de Alxeria na loita contra a inmigración irregular é tamén dunha importancia capital para Bruxelas, sobre todo tralo visto en Libia, onde a caída do réxime en liza e o deterioro da situación convertíu ao outrora país do coronel Gadafi nunha plataforma privilexiada para mafías e redes organizadas. Amáis, unha situación de inestabilidade en Alxeria podería implicar, a curto prazo, que a xuventude alxerina tentara coller masivamente o camiño do éxodo atravesando o Mare Nostrum. Tal hipótese xa está a ser explotada pola extrema dereita francesa, avivando a Reagrupación Nacional (antigo Fronte Nacional) o medo dunha “invasión migratoria sen precedente” (sic) no caso de derrubamento do actual sistema alxerino. Diante dos riscos que plantexa un escenario de desestabilización en Alxeria, dos que son moi conscientes en París e Bruxelas, pero tamén en Madrid, Lisboa, Roma e Berlín, a opción que máis garantías de paz e estabilidade aporta é a de salvaguardar o actual réxime opaco en liza que se atopa entre as mans dun clan de militares, políticos e homes de negocios que orbitan arredor do presidente Buteflika, que non é máis que a parte visible do iceberg. 

É por todas estas razón que, fronte á diligencia coa que os líderes europeos manifestaron o seu apoio á oposición venezolana, xustificado no clamor popular contra Nicolás Maduro, chamando á celebración coa máxima premura de eleccións libres e transparentes, no que concerne a Alxeria a reacción non foi outra que un inusitado silencio. Máis aló da maior ou menor dependencia dos hidrocarburos alxerinos e dun mercado potencialmente atractivo a proximidade, antóxase capital o papel e a cooperación de Alxer na loita contra o radicalismo islamita, o crime organizado e, sobre todo, o auxe dos fluxos ilícitos de seres humanos entre ambas beiras do Mediterráneo. Un potencial escenario de desestabilización tería repercusións xeopolíticas e de seguridade de calado. A Europa que se enche a boca cos valores de democracia, liberdade e respecto dos dereitos humanos, tan evocados durante os últimos tempos para xustificar a súa deriva, e inxerencia, na cuestión venezolana, pasa por alto as reivindicacións de millóns de alxerinos que venres tras venres invaden as rúas para esixir un cambio de sistema e elite política. O vello continente non está disposto a asumir os custos dunha auténtica transición política en Alxeria, de aí multiplicación de maniobras discretas impelindo a Alxer para levar a cabo algún xesto susceptible de calmar os ánimos da poboación, sen que por iso se vise amenazada a arquitectura profunda do poder. O sacrificio de Buteflika e a promesa de reformas, que non a súa efectiva implementación, era a principal alternativa que desde Europa, con Francia como punta de lanza, se tentou impulsar. Hipocrisía europea de moi alto nivel, que esixe democracia en Venezuela e no norte de África pisotea a dignidade cidadá a cambio de estabilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.