Amancio Ortega: altruísmo, beneficencia ou cara dura?

Amancio Ortega vai facer unha “doazón altruísta”de 320 millóns de euros á Sanidade Pública para adquirir 290 equipos médicos. A pregunta que nos facemos todos, é por que o dono de Inditex realiza unha achega deste tipo cando a súa empresa utiliza manobras fiscais para eludir impostos, ademais de cotizar en paraísos fiscais e así non pagar o que lle corresponde ao Estado español.

O señor Ortega, mellora a súa imaxe corporativa. Se valoramos o que gañou no ano 2016 e tiveses que pagar o tanto por cento que lle corresponde, como calquera outro cidadán, si sería unha persoa honesta. Pero, grazas aos seus asesores fiscais, faino a través da súa sicv e o que cotiza é moitísimo menos. Segundo o Gestha, a asociación de inspectores fiscais, coas doazóns deduce ata un 40% das mesmas.

Coa sua doazón está condicionando a estratexia do sistema sanitario público. Faise co mantemento dos aparatos que doa e o negocio é redondo. As empresas fabricantes de aparatos tecnolóxicos, multiplicarán as súas vendas. Para estas, a saúde é unha grande oportunidade de negocio e non un dereito social.

Amancio Ortega, máximo accionista de Inditex, é o segundo home máis rico do mundo, cun patrimonio de 65.000 millóns de euros, segundo Forbes. El controla o 59% de Inditex, valorado en Bolsa en 55.136 millóns, o que lle permite cobrar 1.108 millóns en dividendos este mesmo ano. Ortega reinviste a maior parte destos fondos a financiar a actividade de Pontegadea, a sociedade de investimento da familia. Pontegadea é o segundo maior investidor inmobiliario privado do Estado español, cuns activos valorados en máis de 6.000 millóns. Só o supera Merlin tras a compra de Testa e a unión con Metrovacesa. Os activos da compañía están repartidos nunha decena de países de Europa, América e Asia. A carteira inclúe edificios nos que se instalan algunhas das macrotendas de Zara en grandes capitais como Nova York, Boston e Milán. Ademais, integra inmobles de oficinas singulares en zonas prime das principais cidades e con inquilinos de primeiro nivel. Ortega adquíreos en efectivo e deste modo logra quedar con activos moi demandados a un prezo menor do ofrecido por outros compradores, dispostos a pagar máis pero que requiren financiamento. Así sucedeu coa compra da Torre Picasso en Madrid, considerada o maior investimento illado de Ortega (400 millóns).

Está probado que durante os anos 2010-2014, Inditex botou man da “enxeñaría fiscal” para eludir o pagamento de 600 millóns de euros. Se agora o filántropo quere doar 320, aínda nos debe moitos cartos. Os traballadores da sanidade criticamos esta actitude paternalista, de beneficencia e terceiromundista. O que queremos son uns orzamentos para a Sanidade Pública dignos. Que esta sexa universal, gratuíta e de calidade. Non precisamos de xente que paga en paraísos fiscais, válese de asesores só para eludir impostos e dona cartos coma se fose unha persoa honesta. Amancio: paga o que che corresponde, como facemos todos! En Brasil, Inditex foi sancionado polo Ministerio de Trabalho por facer “trabalho forçado” cos traballadores.

O sistema sanitario debe basar a súa actuación na promoción, prevención e sobre todo na Atención Primaria, a gran olvidada (e denostada) polos gobernos actuais do PP. Os gobernos de ideoloxía neoliberal, como o de Núñez Feijoo, poderán manter os recortes que implantaron coa desculpa de crise: os pensionistas e enfermos crónicos seguirán pagando as súas menciñas; a falta de persoal, sobre todo en Atención Primaria, é evidente... E mentres tanto, quéreno compensar, o que lles proporcionará a escusa perfecta para dar entrada ao capital das multinacionais na Sanidade Pública.

Quen sae perdendo desta dinámica de beneficencia? Evidentemente, a saúde da poboación: si apostamos pola curación dos procesos e non pola prevención (básicamente faríase en Atención Primaria) os resultados sempre serán maís negativos. A Sanidade Pública perderá autonomía e racionalidade ao permitir que empresas privadas decidan a planificación dos recursos, mentres se descapitaliza e privatiza o sistema público de saúde. A teoría dos neoliberais de canto peor (o público) mellor está vixente; así se desmantela e se privatiza. Dende logo, a Atención Primaria é a máis prexudicada, pois estas compras teñen un carácter finalista. A promoción e prevención da saúde non son subsceptibles de transformarse en mercadorías obxecto de compra-venda; non se melloran os hábitos de vida senón o uso de aparataxe para diagnósticos. Tampouco repercute na creación de postos de traballo. Defendamos a Sanidade Pública. TOD@S.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.