Ambicións

Algo debe de ir mal nunha sociedade cando un dos libros máis vendidos do ano pasado foi Ambiciones y reflexiones

Algo debe de ir mal nunha sociedade cando un dos libros máis vendidos do ano pasado foi Ambiciones y reflexiones (máis de 100.000 exemplares nas primeiras tres semanas; imaxen cantos escritores galegos xuntos temos que unirnos para chegar a ese nivelazo literario). Dende logo que non serei eu quen discuta os méritos literarios da miña colega escritora (un bico para Andreíta, por certo). Estou certo de que está cheo de autoridade literaria, un estilo prodixioso e xiros argumentais sorprendentes. O que se busca nun bo libro, vaia. Seguro que si. Ben pola colega Esteban. Espero de corazón que o ano que vén lle dean o Cervantes ou, cando menos, algún galardón relacionado coa Promoción da Lectura. Meréceo, dende logo, moito máis ca min. E digo en serio. A min non me leu toda esa xente a pesar de que xa publiquei 20 libros, levo un cuarto de século facendo isto, e gañei algún que outro premio.

Así pois, só podo constatar a miña inferioridade na xusta literaria. Se alguén merece a celebridade, o asedio dos fans, as ringleiras interminables nas feiras do libro para conseguir as sinaturas, participar en sesudos parladoiros televisivos, é ela. Eu non. Eu son, vistas as vendas, un burricán xuntaletras.

Algo debe de ir mal nunha sociedade que no Twitter, en plena campaña electoral, fai que sexa Trending Topic varias veces ao día o rollete hortera de Eurovisión

Si, algo debe de ir mal nunha sociedade que no Twitter, en plena campaña electoral, fai que sexa Trending Topic varias veces ao día o rollete hortera de Eurovisión e as posibilidades españolas (flipante: quen se presenta non é España, é TVE!!!; non será iso nacionalismo centralista madrileño tomar a parte polo todo???), e non a campaña para as europeas e as posibilidades españolas (agora si ben usada a palabra) no europarlamento. Que dicir xa das posibilidades galegas....iso non é un tema.

Algo debe de ir mal cando aos presidentes do que sexa se lles imputa e se lles recibe con aplausos á entrada e saída do xulgado

Algo debe de ir mal, si, nunha sociedade que ten como xornal máis lido o Marca, como revista máis lida, o Hola!, e como programa líder de audiencia nas tardes, Sálvame. Algo debe de ir mal cando aos presidentes do que sexa se lles imputa e se lles recibe con aplausos á entrada e saída do xulgado. Algo debe de ir mal cando aos futbolistas se lles investiga, multimillonarios, por evadir impostos e non reciben a repudia social. Algo debe de ir mal cando en certo concello do sur de Galicia se lle dá máis importancia, cando menos nos xestos do alcalde, á sorte do Celta (ou aos avións e outros asuntos que non preocupan case que a ninguén) que aos asuntos sociais e ás necesidades reais das persoas.

Remato: Belén Esteban europarlamentaria xa. Pero xa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.