Amnistía fiscal e corrupción

“No 2012 o Goberno votou o anzol e tivo que poñer un cebo, senón os pececiños vanse a outro sitio ou  quédanse no fondo do mar” (Cristóbal Montoro. Ministro de Facenda do goberno español)

Se atendemos a maioría dos medios de comunicación e opinión de Galiza e España, cando algún medio internacional se refire a un estado cun moi elevado nivel de fraude fiscal, gobernado por un partido corrupto a cuxa fronte esta un xefe de goberno mentireiro e corrupto é que se está a referir, con toda probabilidade, a Venezuela. Un estado gobernado por un partido boliviariano PSUV (Partido Socialista de Venezuela) a cuxo fronte esta Nicolás Maduro. Pero, poida que non sexa así, que a quen se estea referindo realmente sexa  a España, un estado cun elevadísimo nivel de corrupción e de fraude fiscal, actualmente gobernado polo partido mais corrupto de Europa –Partido Popular (PP)-, a cuxo fronte esta un gobernante mentireiro e tamén corrupto –Mariano Rajoy-.

Aínda que as probas do anterior son continuas –por caso o número de expedientes xudiciais e de dirixentes imputados que agocha o PP- unha mais, politicamente moi relevante, tivémola moi recentemente cando o Tribunal Constitucional ven de anular a “amnistía fiscal” decretada por Cristóbal Montoro, Ministro de Facenda do goberno de Mariano Rajoy (PP). Unha amnistía que, como demostran tódalas evidencias, estaba pensada para beneficiar especialmente aos seus amigos implicados no maior escándalo de corrupción da democracia española.

A pesar diso, non deberíamos considerar esta amnistía fiscal como un feito illado de goberno do Partido Popular (PP) senón como un novo elo dunha política fiscal orientada a favorecer as rendas altas, aínda mais do que xa, dende moi antigo, se veñen favorecendo en España. Vexamos as evidencias.

1. O sistema fiscal español caracterizase, practicamente dende sempre, como un sistema claramente insuficiente, inxusto e non igualitario que favorece as rendas do capital en prexuízo das rendas do traballo. Unha situación que se mantén no tempo a pesar dos relevantes cambios de goberno (UCD, PSOE, PP) habidos nos anos que levamos de democracia.

España, é un dos estados da Unión Europa con menor presión fiscal: a recadación tributaria total de España equivale ao 33,6% do PIB, valor claramente por baixo tanto da presión media na Eurozona (40,2%) como no conxunto da UE (38,8%). Unha diferencial que supón unha perda de recadación equivalente a 53.933 millóns de euros (3.022 millóns en Galiza) con relación a media na UE e de 68.543 millóns de euros (3.835 millóns en Galiza) respecto a Eurozona Unha menor presión fiscal derivada, por unha parte, de que as rendas de capital en España pagan pouco e defraudan moito. Si, por caso, as rendas do traballo (traballadores e pensionistas) que suman o 47,5% da riqueza nacional (PIB) ingresan o 75% da recadación total do Imposto da Renda, as rendas do capital que recollen o 42% da riqueza nacional ingresan so o 25% de tal recadación: a discriminación fiscal, a favor das rendas de capital, aparece como indiscutible. Unha discriminación que en Galiza aínda é superior por mor dun menor peso na riqueza galega das rendas do traballo (44%) e un maior das rendas de capital (46%).

Esta realidade viuse reforzada polas sucesivas reformas dos gobernos en curso. No ano 2014 o goberno español de torno (Mariano Rajoy), con Cristóbal Montoro ao fronte do Ministerio de Facenda, aprobou unha reforma fiscal que afectaba ao IRPF, IVE, Sociedades e outros impostos. Unha reforma que recibiu numerosas críticas entre os especialistas tanto por que non viña a resolver ningún dos problemas sistémicos da fiscalizade española (“un parcheo”) como por ser claramente insuficiente e inxusta. Así dita reforma non resolveu o crónico problema de suficiencia e viu a beneficiar maiormente as rendas altas reducindo a progresividade do sistema e acentuando o carácter inxusto e falto de equidade do mesmo –por caso, reducindo tramos e subindo impostos indirectos-. Pero o que si tivo esta reforma (“inoportuna e precipitada”) foron efectos secundarios: produciu unha notable redución dos ingresos fiscais (vía IRPF e Imposto de Sociedades) acentuando o seu carácter de insuficiente e facendo que se incrementara o déficit público (+1%).

2. Hai unha amplísima coincidencia entre os expertos de que outro dos grandes problemas que agocha o sistema fiscal español é a elevada fraude fiscal. Coincidencia que se estende as causas da mesma: falta de vontade política para loitar contra a fraude. Unha falta de vontade política que se ve reflectida no feito de que os resultados da loita contra a fraude fiscal veñen minguando ano a ano. A explicación desta realidade é moi clara: o goberno español dedica o 90% dos medios e recursos da Axencia Tributaria a perseguir a pequena fraude fiscal, mentres que o seguimento das grandes fortunas (por caso as localizadas no IBEX35), onde reside unha grande parte da fraude fiscal (72%), dedícanselle escasos medios. Uns medios por outra parte cada ano mais reducidos: dende que o Partido Popular (PP) está a fronte do goberno español a Axencia Tributaria conta con 2.000 efectivos menos e o 90% foron baixas na loita contra a fraude fiscal.

Para entender a gravidade desta situación sáibase que a fraude fiscal fai que o estado español perda de recadar uns 90.000 millóns de euros ao ano, equivalentes ao 8% do PIB –en Galiza uns 5.300 millóns equivalentes ao 9% do PIB galego: un punto superior a media española por mor do narcotráfico-.

E por si a situación non tivera a suficiente relevancia o goberno do PP aprobou no seu día unha amnistía fiscal (2012). Auténtico escándalo –lémbrese que o goberno, entre outras, prometía aos/as defraudadores/as perdoarlle a fraude á cambio de abonar so o 10% dos xuros que puidera ter orixinado o diñeiro defraudado nos tres derradeiros anos- que o mesmo Tribunal Constitucional non tivo mais remedio que anular por, entre outras razóns, “supor unha abdicación do Estado …..crebar o obxectivo de xustiza fiscal a que debe tender o sistema tributario ….afectar a esencia mesma do deber de contribuír ao sostemento dos gastos públicos”. Escándalo maiúsculo cando, como se sinalaba ao principio, empezaron a coñecerse os/as auténticos/as beneficiarios/as de tal amnistía fiscal (membros da aristocracia, políticos imputados por practicas corruptas, banqueiros…..): na práctica tal amnistía fiscal viña tanto a lexitimar as practicas corruptas do PP (Partido Popular) como a confirmar que en España “defraudar sáelle moi barato …. aos grandes defraudadores”.

As amnistías fiscais –en España antes desta de C. Montoro houbo tres mais, unha con goberno de UCD e dúas con gobernos do PSOE- ademais de supor de seu un agravio comparativo para os cidadáns contribuíntes que vimos cumprindo coas nosas obrigas fiscais nin sequera serven para cumprir os obxectivos recadatorios fixados xa que nunca se cumpren como novamente viu a demostrar esta última amnistía: fixaranse 2.500 millóns de euros de recadación e as fontes mais fiables falan de que foron 1.200 millóns os que realmente se recadaron. Para mais bochorno se nos informa que mais do 11% dos que se acolleron a amnistía fiscal seguiron logo defraudando.

3. Un sistema fiscal que, como veñen denunciando os técnicos e funcionarios da Axencia Tributaria, está moi infradotado de recursos –humanos, técnicos, informáticos…- o que dificulta enormemente o traballo dos funcionarios, moi especialmente en aspectos tan decisivos como a loita contra a fraude fiscal e/ou a descentralización da xestión tributaria. Si miramos aos estados europeos do noso entorno veremos que España está moi por baixo tanto no que fai referencia a persoal como a medios técnicos: si a media na Unión Europea é de 1 funcionario por cada 1.000 contribuíntes en España é de 1 funcionario por cada 2.000. (www.eldiario.es/agendapublica/nueva-politica/GRAFICO_0_228178109.html).  Unha escaseza de recursos que se acompaña, como expuxen mais atrás, dunha mala distribución dos mesmos tanto a nivel territorial como de ámbitos de xestión. Hai tamén unha excesiva politización dos cargos medios e altos –demasiados cargos de libre designación-. Unha realidade que se viu acentuar coas políticas de austeridade que se puxeron en marcha co gallo da crise financeira.

Todos estes eslavóns forman unha cadea que impide que en Galiza, como en España, teñamos un sistema fiscal como reflicte, por caso, a Constitución Española (Art. 31.1.: “… xusto, inspirado nos principios de igualdade e progresividade ..”) e que, no seu lugar, proliferen as políticas fiscais que favorecen a corrupción, a desigualdade social e territorial, a inxustiza. Unha cadea que, ao día de hoxe, os dous grandes partidos españois (PP, PSOE) non quixeron, ou non foron quen, de romper.

P.D.: Moitas das informacións e datos aquí recollidos poden atoparse na páxina web de GESTHA (www.gestha.es).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.