A última traxedia que nos ten tocado moi de preto é o accidente ferroviario de Andalucía e nel, deixando agora o da cuantificación das vítimas, vemos que hai un mínimo común denominador con outras calamidades ou desgrazas recentes
Cando acontece unha catástrofe xorden centos de interrogantes: porque pasan estas cousas?, podería terse evitado?, son golpes do destino ou da fatalidade?
Se as catástrofes son de tipo natural entón as apelacións se trasladan ao dito de “son cousas inevitables”. Despois se lle poden engadir diferentes cualificativos que dependen do número de afectados e vítimas ou da cantidade de perdas materiais, tendo claro que esas perdas materiais poden supoñer a ruína ou un cambio moi importante nas vidas desas persoas, deixando secuelas importantes tanto no plano material como no emocional e no social e incluso aínda que se apele o de que as cousas xa se irán arranxando, que o importante é seguir con vida, todos sabemos que as cousas nunca volven a ser como antes.
Un pequeno recordatorio, aínda que iso non sexa o que move este artigo, a todos aqueles que no medio das catástrofes ou accidentes conseguen incrementar o seu patrimonio a costa de poñer a avaricia ao seu servizo e vendo nestas situacións unha oportunidade de “forrarse”. A historia pasada e recente está exemplos desta clase de persoeiros.
Temos datos de abondo que nos indican que moitas das catástrofes naturais, inundacións, volcáns, lumes, terremotos e outros vense moi agravadas pola intervención humana. Urbanizacións sen control, esnaquizar os litorais, intervención nos cursos dos ríos, eliminación de bosques, cambio climático e outros fan que todo se poda multiplicar de xeito exponencial.
Ninguén pode garantir un 100% de seguridade, pero iso tampouco pode ser escusa para xustificar elevados niveis de inacción
A última traxedia que nos ten tocado moi de preto é o accidente ferroviario de Andalucía e nel, deixando agora o da cuantificación das vítimas, vemos que hai un mínimo común denominador con outras calamidades ou desgrazas recentes.
Mencionemos a pandemia da COVID-19, o accidente de tren de Angrois, o Prestige, as vacas tolas, ou calquera outro e vemos que hai unha liña os vai xunguindo. Podían terse evitado? e no caso de que non, poderían terse xestionado mellor?. No fondo estamos falando de prevención, de investimentos, de protocolos axeitados, de coordinación, de recursos para facer fronte aos problemas, de profesionais adestrados, dunha poboación preparada con simulacros, etc. Ninguén pode garantir un 100% de seguridade, pero iso tampouco pode ser escusa para xustificar elevados niveis de inacción. O que quero salientar e subliñar é que o lamentable non é só que pasen desgrazas que se podían ter evitado ou polo menos xestionado mellor, a gravidade incrementase porque eses “erros” non sexan ferramentas de mellora, de modificación de conducta e de mudas naquelas cousas que non funcionaron. A mellora continua da calidade é unha ferramenta que axuda moito e nos fala de que ante problemas semellantes non se poden repetir os mesmos erros, poderán xurdir novas cousas que haberá que analizar e valorar, pero o que nunca e xustificable nin perdoable é que se afonde no que xa tiña que estar solucionado.
Hai organizacións partidistas, empresariais, sociais, etc que levan anos ganando o relato de que os impostos son algo negativo, que hai que adelgazar o Estado
Reflexionemos por un momento sobre algún dos problemas vividos e padecidos. Se un petroleiro que pase polas nosas costas ten problemas, tense mellorado o operativo e as medidas de actuación?. No caso dunha nova pandemia, as nosas residencias de maiores, están en condicións de afrontalos, con mellores ferramentas e recursos que no 2020 e 2021?. Posiblemente algunhas cousas se teñen perfeccionado e tampouco se trata de crear alarmismos en exceso, pero si amosar preocupación e non deixar de estar alerta para que as administracións públicas teñen que dar resposta e transparencia sobre o traballado para cambiar aquelo que se viu como causante de incremento de vítimas e de problemas.
Todo isto é preciso situalo nun contexto social e económico determinado e non tódolos países e lugares teñen os recursos e as capacidades para afrontar as medidas de prevención e cando acontecen estas desgrazas todo o mundo se convirte en experto coñecedor de centos de medidas para levar adiante e evitar o acontecido. Pero a prevención non é gratuíta, as medidas de seguranza teñen un importante custe e se queremos ter unha seguridade que se aproxime a excelencia non queda outra que incrementar as inversións, investimentos que non chega só con acrecentalos, é fundamental que a súa distribución e destino vaia a onde ten que ir.
A prevención non é gratuíta, as medidas de seguranza teñen un importante custe e se queremos ter unha seguridade que se aproxime a excelencia non queda outra que incrementar as inversións, investimentos que non chega só con acrecentalos, é fundamental que a súa distribución e destino vaia a onde ten que ir
Non tería lóxica, por exemplo, que a parte fundamental fose o incremento en salarios ou postos de traballo, que sendo necesarios, non é en moitas veces onde hai que centrarse. Aquí podemos empregar a comparanza co que acontece cando as administracións públicas falan dos importantes incrementos en gasto social cando presentan os orzamentos anuais e despois no intre de detallalos vemos que esas subas non van a reforzar os recursos públicos ou as súas infraestruturas, os que se levan unha parte importante do pastel son entidades privadas, incremento de concertos, de concesións, de derivacións, etc que fornecen os seus negocios pero a conta de minguar o sistema público.
Non chega só con garantir os orzamentos e as medidas axeitadas, na prevención das catástrofes xoga un papel fundamental a distribución do territorio, o coidado e uso das nosas fragas, dos nosos litorais, do urbanismo tanto na costa como nas cidades, da produción dos alimentos, da limpeza das augas, do tipo de industrias, da recollida e reciclaxe dos refugallos e de moitas outras cousas. Na pandemia fíxose patente que a planificación das nosas vilas e cidades foi unha claro factor que agravou a distribución do virus.
Hai organizacións partidistas, empresariais, sociais, etc que levan anos ganando o relato de que os impostos son algo negativo, que hai que adelgazar o estado e tamén se volven hipercríticos contra aquela administración que lle toca xestionar unha catástrofe, centrándose en sinalar e en facer fincapé naquilo que lle cause desgaste o partido gobernante, provocando que se incrementen os embustes, medias verdades e falsidades no canto da pescuda nas reflexións social que aporten datos para amortecer, minguar e ver como corrixir os problemas.
Xa mencionei que non existe o risco cero, insistir en que conseguir minguar os problemas e a súa prevención ten un custe, que cando faltan sanitarios, bombeiros, unidades especializadas, máscaras, ambulancias, camas hospitalarias, etc todo elo só é posible se hai financiamento sempre ligado a necesidade de ter impostos e o deber de consenso en que certas partidas dos orzamentos xerais deberían ser intocables, que non se pode facer palleiro sen palla e que os seguros privados na maioría dos casos teñen moitas limitacións e non dan resposta as verdadeiras necesidades do conxunto da poboación e que a prevención engloba moito máis que protocolos, sen unha concepción máis global do concepto só estaremos actuando nunha pequena parte das solucións.