Amparo López Jean, mestra republicana e galeguista morta no exilio

Rita Amparo López Jean naceu en Vilaboa (Culleredo) o 30 de outubro de 1885. Era filla de Adela Cruz Ramona Jean Toca, natural de Pamplona, filla de país coruñeses, -Fabián Jean e Saturnina Toca-, e do coruñés Sabino María López Núñez, fillo do mindoniense Francisco María López e de Manuela Ángela Núñez, de San Salvador de Lama, Lugo. O matrimonio dos proxenitores (viúvos os dous) celebrárase en Vilaboa o 14 de febreiro de 1880.

Adela, que se formara como mestra en Cuba (alí marchara de nena co seu pai, militar de profesión, orfa xa de nai), exercía a súa profesión en Vilaboa dende 1875. Pola súa parte, Sabino foi concelleiro en Culleredo, secretario dese Concello durante uns anos e posteriormente do de Santa María de Oza. Ademais do seu cargo, tiña tamén a concesión do estanco do tabaco en Culleredo, e un ultramarinos, ademais de numerosos predios. Está soterrado no cemiterio de Vilaboa.

Será unha das primeiras mulleres en cursar o bacharelato na Coruña, facendo logo maxisterio na Escola Normal da Coruña

Trasladada dona Adela como mestra a A Coruña (acadará destino na Escola do Camiño da Estación a comezos do século XX), Amparo acompáñaa. E será unha das primeiras mulleres en cursar o bacharelato na Coruña, facendo logo maxisterio na Escola Normal da Coruña. Estudou canto e piano co músico coruñés José Baldomir, actuando en festivais benéficos, e asistiu a aulas de pintura co excelente pintor e gravador Máximo Ramos, tendo como condiscípulo, entre outros, a Abelenda. Tamén exercerá como mestra na escola da súa nai. Por un documento de 1914 sabemos que foi nomeada profesora especial de Contabilidade mercantil. A súa nai xubilarase en 1917, falecendo o 1 de xaneiro de 1935 e sendo soterrada no cemiterio coruñés de Santo Amaro.

Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos, sen casaren, co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela (o que lle causou, durante un tempo, unha ruptura de relación coa súa nai, oposta a ese noivado)

Muller de ideas avanzadas, logo de convivir varios anos, sen casaren, co xornalista, político republicano e masón César Alvajar Diéguez, varios anos máis novo ca ela (o que lle causou, durante un tempo, unha ruptura de relación coa súa nai, oposta a ese noivado), a parella tería cinco fillos (María del Amparo, Ana María Josefina, Francisco Javier Pío, María Teresa Cristina e Agustín, que morreu axiña). Logo do nacemento dos fillos, casarán.

Politicamente pertenceu ao Partido Galeguista, no que ingresaría o 6 de maio de 1935, colaborando economicamente nas campañas. Pero o labor máis importante desenvolveuno na Agrupación Republicana Femenina da Coruña

Politicamente pertenceu ao Partido Galeguista, no que ingresaría o 6 de maio de 1935, colaborando economicamente nas campañas. Foi a primeira muller na Coruña en militar nesa organización política, formando parte do seu Comité Local en 1936.

Pero o labor máis importante desenvolveuno na Agrupación Republicana Femenina da Coruña (continuadora do Comité coruñés da Liga Internacional de Mujeres Ibéricas e Hispanoamericanas-Cruzada de Mujeres Españolas), fundada o 13 de abril de 1933, da que foi primeiro secretaria e, a partir de finais deste ano, ata 1936, presidenta. Esta agrupación organizou numerosas conferencias, cursos de diversa temática, excursións didácticas, etc., de cara a potenciar a educación das mulleres, ademais de implicarse activamente nas campañas políticas.

Xunto coa súa filla María Teresa (na Coruña quedaban Ana María e Francisco Javier) acompañou ao seu esposo, César, -dirixente de Unión Republicana- a Soria, cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936

Xunto coa súa filla María Teresa (na Coruña quedaban Ana María e Francisco Javier) acompañou ao seu esposo, César, -dirixente de Unión Republicana- a Soria, cando este ocupou o cargo de gobernador civil en xuño de 1936. Logo da sublevación militar fascista conseguiron fuxir e, logo de viviren en Madrid e Valencia (onde impartiría aulas nun colexio en Manises, e onde Castelao, bo amigo, estaría presente na voda da súa filla Amparo e Arturo Cuadrado), en Barcelona foi secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas, e vocal do Comité Executivo do Partido Galeguista, que presidía Ramón Suárez Picallo, colaborando nos comités de axuda aos soldados galegos na fronte de batalla, e ocupándose de grupos de nenos e nenas, con algúns dos cales cruzou a frontera francesa en 1939, separada do seu marido (que cruzou noutro continxente) e da súa filla María Teresa, que quedou illada en Barcelona.

Amparo, moi avellentada por tanto sufrimento, falecerá nesta cidade francesa o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto da tumba de Manuel Azaña

A parella consegue reagruparse en Calvados (Francia), traballando nunha fábrica de toallas en Vimoutiers, grazas á axuda que os masóns franceses prestaron a César. Ata alí chegarán as súas fillas María Teresa e Ana María; a filla maior, Amparo, exiliárase dende Francia a Arxentina co seu esposo, Arturo Cuadrado, e o fillo, Francisco Javier, permaneceu agochado na Coruña. Coa ocupación nazi, a familia trasládase a Vichy e posteriormente a Montauban. Amparo, moi avellentada por tanto sufrimento, falecerá nesta cidade francesa o 12 de novembro de 1942, sendo soterrada moi preto da tumba de Manuel Azaña. Anos máis tarde os seus restos trasladáronse a París, para repousar xunto cos de César Alvajar, no cemiterio de Bagueu. 

Pola súa parte, César Alvajar traballaría como director da Escola Española dos Cuáqueros Americanos en Montauban, sería responsable dos órganos de prensa do Goberno Republicano, colaboraría na Enciclopedia Larousse e noutras publicacións e, políticamente, seguiría sendo membro de Unión Republicana, un dos fundadores posteriormente de Acción Republicana Democrática Española –nacida da fusión de Unión Republicana e Esquerda Republicana-, e delegado do Consello de Galicia e das Irmandades Galegas en Europa, así como cofundador da Casa de Galicia en París. Falecerá na capital francesa en 1965.

Os seus fillos sufrirían tamén a dureza do exilio: Amparo, colaboradora de Casares Quiroga, formou parte dos Servizos Secretos de Información do Ministerio de Gobernación. Exiliouse primeiro na Arxentina, residindo mais tarde en París e noutros lugares de Europa, como Suíza, onde traballou na representación de Nacións Unidas en Xinebra e dirixiu un grupo de teatro. Excelente tradutora –gañou o Premio de Tradución en Arxentina-, prologuista e dramaturga, escribiu, en colaboración con A. Caballero, obras como El balcón de los Lester ou Amada y tú. Faleceu en Portugal.

Ana María regresou de Francia e refixo a súa vida en Madrid, onde residiu ata a súa morte. Música profesional, actriz e escritora, publicou varios libros: Vivencias, de poesía; Notas sobre Amparo Alvajar, exiliada gallega, biografía da súa irmá, e Soltando lastre, unha autobiografía.

María Teresa foi detida, con só 16 anos, acusada falsamente de pertencer ao S.I.M. (Servizo de Investigación Militar) republicano. Logo de vivir moitos anos en Francia, residiu en Madrid e na actualidade en Sevilla. Nestes últimos anos participou en diversos eventos realizados en Galicia por entidades de recuperación da memoria histórica. Recentemente Aurora Marco publicou un libro coas súas memorias, Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana.

O Concello de Culleredo non se esqueceu desta ilustre filla e dedicoulle unha rúa na parroquia de Vilaboa

Por último, Francisco Javier, logo de numerosas peripecias durante a Guerra Civil e na primeira posguerra, na que estivo preso, exiliouse a Francia, sendo delegado do Consello de Galiza en Europa –logo da morte do seu pai, que ocupaba ese posto- e secretario do Ministerio de Información, Propaganda e Arquivos do Goberno republicano no exilio; regresaría logo da morte de Franco. En 1983 sería elixido alcalde de Carral polo PSdeG-PSOE. Foi un destacado membro da masonería (tiña o grado 33).

No ano 2006 os restos mortais de Amparo e César foron traídos dende París para o cemiterio civil da Coruña.

O Concello de Culleredo non se esqueceu desta ilustre filla e dedicoulle unha rúa na parroquia de Vilaboa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.